AAAG lamenta o falecemento de Ernesto Chao

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fixo público un comunicado no que lamenta a morte de Ernesto Chao, no que lembra a valía da súa traxectoria, o seu papel fundamental na creación do teatro galego profesional e o seu compromiso coa defensa do sector.

 

A AAAG manifesta o seu pesar polo falecemento do actor Ernesto Chao, auténtico pioneiro da escena do noso país e un referente apreciado e querido tanto para a profesión coma para o público. “Ernesto Chao era un referente para toda unha profesión, unha profesión que sería difícil de imaxinar sen o seu traballo e o seu tesón dende os comezos da súa traxectoria. Ernesto comezou cando todo estaba por inventar e, grazas a el, xunto a toda a súa xeración, impulsou o noso sector, tanto dende a súa vertente escénica como audiovisual”, sinala a Xunta Directa da AAAG, entidade da que Ernesto Chao foi fundador en 1985 e que presidiu entre 2016 e 2017.

Para a Xunta Directiva, tamén cómpre lembrar “o inmenso afecto” que espertaba para o conxunto do oficio e destacar que significou “un cohesionador da profesión” e un “rostro moi querido para o público, tanto aquel que puido gozar do seu traballo sobre a escena coma o que o viu desenvolver o seu traballo na pequena e grande pantalla”. A Xunta Directiva subliña “a súa gran valía persoal” e destaca a súa traxectoria, que foi exemplo para “as xeracións que seguiron os seus pasos e ben seguro que o seguirá a ser”.

 

Ernesto Chao naceu en Ribadavia en 1943. Os seus inicios teatrais están moi vinculados coa Agrupación Cultural Abrente, constituída en 1969 e que significou un paso fundamental para poñer en marcha as históricas Mostras de Teatro de Ribadavia e a profesionalización do sector teatral. Entre ese ano e 1974, desenvolveu a súa faceta artística na Compañía Abrente. Posteriormente o seu traballo, se centrou na histórica compañía Teatro Artello, con obras teatrais como Pic-Nic, As nubes, Celtas sen filtro ou A cantante calva.

No Centro Dramático Galego, entidade de teatro público que axudou a fundar en 1984, Ernesto Chao formou parte do elenco de Agasallo de sombras, de Roberto Vidal Bolaño (1984). A partir de alí, traballou en montaxes do CDG como Os vellos non deben de namorarse, As tres irmás, As alegres casadas, O incerto Sr. Don Hamlet ou Un soño de verán. A súa pegada tamén quedou indeleble en compañías como Teatro do Malbarate ( Xogos á hora da sesta), Teatro do Noroeste (O Rei Lear, Os xustos, Galileo Galilei, As vodas de Fígaro), Manivela (Compañía) ou Redrum (Noiteboa, A canción do elefante). En 2001, xunto a Rosa Álvarez, fundou a compañía Lagarta Lagarta, que regalou ao público obras como Carambola, As últimas Lúas, O segredo dos Hoffman ou Aeroplanos.

No ámbito audiovisual, Ernesto Chao recibiu un gran recoñecemento do público galego pola serie Pratos Combinados, pero o seu currículo na pequena pantalla inclúe un gran número de producións. Así, interpretou diferentes papeis en series como El Comisario, Aquí no hay quien viva, Pepe, o Inglés, Os outros feirantes ou Fariña, o seu papel máis recente. No cine, Chao ten participado en fitas como La hora Bruja (Jaime de Armiñán, 1985), Esperanza (Chano Piñeiro, 1986), Urxa (Carlos Piñeiro, 1989), Huídos (Sancho Gracia, 1992), La Ley de la frontera (Adolfo Aristarain), 13 badaladas (Xabier Villaverde, 2002), Os mortos van ás presas (2009) ou María (y los demás) (Nely Regueira, 2016).

Entre os recoñecementos que recibiu, pódense destacar o Premio Compostela á mellor interpretación masculina en 1992 por interpretar Galileo e en 1993 por Un soño de verán. No ano 2002, recibiu o Premio de Honra Abrente e o Premio Chano Piñeiro do Audiovisual Galego. En 2008, recibiu da Academia Galega do Audiovisual o Premio de Honra Fernando Rey. No teatro, acadou o Premio María Casares ao actor protagonista pola obra As últimas lúas en 2008. Ernesto Chao foi presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, de Escena Galega e da Academia Galega do Audiovisual.

Deixar unha resposta