in

O FETEGA do Carballiño presenta un programa protagonizado por mulleres

chola1 |
Onte presentouse no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense a programación completa da XXIX edición do Festival de Teatro Galego.

 

O acto tivo lugar ás 12:00, e nel gardouse un sentido minuto de silencio polo falecemento do actor Ernesto Chao, durante o cal todos os presentes se puxeron en pé, instante seguido dun fortístimo aplauso. Presidiu en todo momento a mesa a súa foto actuando o ano pasado no FETEGA. O actor recentemente falecido, presentara no FETEGA 2017 neste mesmo acto coa cía. Redrum teatro a estrea absoluta en España da súa produción A Canción do Elefante.

A directora fixo mención á falta de apoio económico desde o AGADIC, a axencia galega das industrias culturais, que este ano non concedeu axuda ao festival, o único exclusivamente en galego.

Publicidade

O FETEGA presenta nesta 29ª edición un programa variado con especial visibilidade da muller, cun 90% da programación protagonizada por mulleres, de mañá tarde e noite ao longo de 3 xornadas, e para todos os públicos.

A animación de rúa estará protagonizada pola compañía Barafunda, que representará O polbo escapista, Flamencos e Xirafa o mércores xoves e venres respectivamente. Haberá pases ás 12:00, ás 18:30 e, diante do auditorio, ás 22:00.

No anfiteatro, o mércores 22, estará a compañía Vueltos de Rosca con Totum Revolutum, unha disparatada viaxe autobiográfica a través das diferentes modalidades de circo. O xoves 23, Pistacatro estará con A vida tola, interpretada por Pajarito. O venres 24, Duelirium presentará O que queda por chover, un espectáculo que fala do paso do tempo de dúas mulleres.

No Auditorio, o festival comezará o mércores 22 coa compañía De Ste Xeito, que traerá Loló e Mamá, con dramaturxia e dirección de Esther Carrodeguas e interpretada por Josi Lage e Stephy Llaryora. O xoves 23, será a quenda de A Panadaría, coa multipremiada Elisa e Marcela. Finalmente, o venres 24, Artesa Teatro pechará o festival con Chola, a It Girl [na foto], con interpretación e dramaturxia de Laura Villaverde.

O Premio Fetega Dorotea Bárcena de Honra desta edición será para Marta Pazos, directora de escena, actriz e escenógrafa da compañía Voadora, coa cal leva colleitados numerosos premios que a converten nunha das directoras máis recoñecidas nestes momentos.

Ademais, o festival ofrece un obradoiro, “Pedra, papel, belisco, laboratorio de performance” impartido por Alba Blanco e María Roja, e dirixido a creadoras e creadores, e unha serie de mesas redondas que, baixo o título de Pasado, presente e futuro das mulleres na escena galega” reunirá, o día 24 ás 12:00, na Casa da Cultura, a varias creadoras de diferentes xeracións.

Como xa é tradicional, o festival rematará cunha Gala –que nesta ocasión será presentada por Laura Villaverde– na que se desvelarán os premios escollidos polo xurado, composto este ano por Víctor Dupla, María Vázquez e Morris.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ernesto casares |

AAAG lamenta o falecemento de Ernesto Chao

logoaaag cor |

Repulsa da AAAG ao titular de El Correo Gallego na morte de Ernesto Chao