in

Ponteatro incluirá a estrea de ‘Invisibles’, de Redrum Teatro

tropical1 |
Entre o 4 de outubro e o 20 de decembro desenvolverase en Pontevedra unha nova edición do xa consolidado Ponteatro. Catro xoves de teatro e dous “venres golfos” compoñen o programa deste ciclo que se celebra no Teatro Principal. Ponteatro inclúe ademais, a estrea de Invisibles, unha adaptación do libro de Montse Fajardo

 

O 4 de outubro abrirá o ciclo Eme2 con A leituga, unha comedia dramática que aborda en clave de humor un conflito familiar polo que todos pasamos ou pasaremos nalgún momento das nosas vidas: como actuaremos no momento en que os nosos pais se aproximen á morte?

O 18 de outubro repetirá en Pontevedra Elisa e Marcela, da compañía A Panadería, unha das obras máis apludidas desta temporada e que vén avalada por catro premios María Casares: premio ao mellor espectáculo, á mellor dirección, á mellor actriz protagonista e ao mellor texto orixinal.

Publicidade

As noites golfas comezan o 26 de outubro con Goldi libre, un proxecto da Berberecheira de Chévere, un traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión, un dos primeiros e máis fortes movementos de desobediencia civil xurdidos despois da Transición en España. Un traballo feito a partir da memoria, a experiencia persoal e o testemuño de César Goldi, que en 1993 foi xulgado e condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo a condena no cárcere da Coruña.

O 2 de novembro será a quenda de Redrum Teatro e Estas aí?, unha comedia que narra os desencontros dunha parella que se muda a un novo apartamento habitado por un personaxe invisible que lles fará desesperarse coas súas trasnadas. Mentres están a superar a sorpresa e buscan a forma de convivir co inesperado convidado, un feito casual failles cuestionar o seu amor e a forma na que se están relacionando. Estas aí? virá nunha función nocturna na que será a última das “noites golfas”.

O 15 de novembro repite Redrum Teatro, desta vez coa estrea de Invisibles, adaptación teatral do libro da xornalista e escritora Montse Fajardo, que recolle o relato de sete vítimas reais do maltrato. Trátase dunha peza teatral de Redrum Teatro que sitúa tres mulleres distintas (interpretadas por Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez) nun lugar indeterminado e que busca que non haxa máis mulleres invisibles vítimas de violencia de xénero.

O 20 de decembro, finalmente, Elefante Elegante levará ao Principal de Pontevedra Tropical, un espectáculo sensitivo, universal e evocador que explora o universo da viaxe na súa vasta riqueza de matices e dimensións. Cunha linguaxe visual asentada na imaxe, no movemento, na música e na danza, Tropical é a procura da poética da viaxe desde unha Europa que naufraga no Mediterráneo.

 

Tempada no Pazo da Cultura

Ademais de no Principal, a tempada teatral inclúe outras cinco obras no Pazo da Cultura. A tempada comeza con Burundanga. El final de una banda, unha produción de Verteatro sobre o texto de Jordi Galcerán. Será o 6 de outubro ás 21.00 horas.

As outras catro estarán dirixidas a público familiar. Cirk about it presentará El apartamento o 7 de outubro, ás 18.30 horas. A compañía de novo circo presenta un apartamento onde todo é posible… Actos como erguerse, almorzar, mudar a roupa ou mesmo cambiar unha bombilla,que para a maioría das persoas son algo mecánico e case instintivo, para os personaxes da obra convértense nunha serie de accións repletas de proezas e complicacións acrobáticas.

Zum Zum Teatre trae La gallina de los huevos de oro, o 21 de outubro ás 18.30 horas: os granxeiros desta historia no perdían o tempo pensando nos cartos e sempre repartían o pouco que tiñan con quen máis o precisaba, pero un día unha galiña chegou a súa granxa e puxo un ovo de ouro.

Publicidade

Da T. Danza presenta Akari, o 4 de novembro ás 18.30 horas. Espectáculo de danza que investiga a luz, as súas propiedades e a súa particular forma de viaxar polo ar. A luz, a penumbra, a sombra e a escuridade. Amosa a necesidade que sentimos de aproximarnos a un raio de luz para quentar a nosa pel e de por que todos pechamos os ollos ao facelo.

Finalmente, Pistacatro e o seu Outono estarán no Pazo da Cultura o 18 de novembro ás 18.30 horas. Con motivo dos dez anos do nacemento de Pistacatro, a compañía de Novo Circo Galego dá o seu mortal máis arriscado: Outono, un espectáculo no que reúne a parte dos seus fundadores. A peza é unha homenaxe aos pallasos clásicos, contada a través dunha compañía de clowns en plena crise.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DiazBaliñoMariscal |

Camilo Díaz Baliño na Biblioteca Municipal de Ferrol

Solodos024 |

Sólodos en Danza Ourense abre o prazo para a presentación de propostas