O Teatro Sá de Miranda acolle o II Festival de Viana do Castelo do 10 ao 18 de novembro

Do 10 ao 18 de novembro o Teatro Municipal Sá de Miranda acolle o II Festival de Teatro de Viana do Castelo. Esta segunda edición do Festival presenta unha programación ecléctica formada por 11 espectáculos que se presentarán ao longo de 9 días na Sala Principal do teatro e o seu renovado Café Concerto. Producións de compañías portuguesas consolidadas e emerxentes combinaranse con propostas chegadas do resto da península da man de O Teatrão, a Companhia de Teatro de Almada, Companhia de Teatro de Braga, Teatro das Beiras, Tranvía Teatro, Ensemble-Sociedade de Atores, Peripécia Teatro, Teatro e Marionetas Mandrágora, Teatro do Noroeste, Raquel André e A Panadaría.

O programa do Festival é o seguinte:

  • O 10 de novembro, ás 21.30 horas, o colectivo O Teatrão presenta Eu, Salazar na Sala Principal.
  • O 11 de novembro ás 17.00 horas o Teatro e Marionetas de Mandrágora levarán a súa Aurora ao Café Concerto. Ese mesmo día, a partir das 21.30 horas, Raquel André presentará a súa Coleccão de Amantes na Sala Principal.
  • O 12 de novembro, a Compañía de Teatro de Almada achega o seu Verdi que te quero Verdi a partir das 21.30 horas.
  • O 13 de novembro será a vez de Teatro das Beiras con Do Princípio ao Fim a partir das 21.30 horas na Sala Principal.
  • O 14 de novembro o Café Concerto acollerá a partir das 21.30 horas Reglas, Usos y Costumbres en La Sociedad Moderna, da compañía zaragozana Tranvía Teatro.
  • O 15 de novembro, a Companhia de Teatro de Braga presentará o espectáculo A antiga mulher na Sala Principal a partir das 21.30 horas.
  • O 16 de novembro, a compañía galega A Panadaría levará o seu multipremiado espectáculo Elisa e Marcela a Viana. Será no Café Concerto a partir das 21.30.
  • O 17 de novembro a partir das 21.30 horas a Ensemble-Sociedade de Actores presenta na Sala Principal do Teatro Sá de Miranda o seu traballo A grande vaga de frio.
  • Finalmente, o día 18, o Festival reserva un programa dobre coa presentación de O autómato, de Teatro do Noroeste a partir das 17.00 horas no Café Concerto e La Tortilla de mi madre, de Peripécia Teatro a partir das 21.30 horas na Sala Principal.

Como na edición interior, o Festival inclúe o seu particular Digestivo: unha serie de conversas post-espectáculo entre artistas e público ao término de cada un dos espectáculos. Por outra parte, coa intención de facilitar a accesibilidade a todo o público, previamente a todos os espectáculos terá lugar unha iniciativa de recoñecemento do escenario denominada “Ver com as mãos” a través da que as persoas con baixa visión ou cegueira fan o recoñecemento da escenografía. De igual modo, cada espectáculo contará con tradución en lingua xestual portuguesa.

O pase do festival ten un custo de 15 euros e permite acceso gratuíto a todos os espectáculos e actividades. O billete simple para cada espectáculo ten un prezo entre os 4 e os 10 euros.

Organizado polo Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana e a Camara Municipal de Viana do Castelo, o festival volve presentarse como unha mostra de espectáculos que pretende cualificar e diversificar a oferta cultural do Alto Minho.

 

Na imaxe: A grande vaga de frio, do Ensemble-Sociedade de Actores. Foto: João Tuna

Deixar unha resposta