“Outra pel, outro rostro”, exposición de Cris Andina en Cariño

Do 11 ao 27 de xaneiro, no Local Social da Casa do Concello de Cariño, Cris Andina presenta a exposición “Outra pel, outro rostro”. O acto de presentación terá lugar o mesmo 11 de xaneiro ás 19:30.

 

“Outra pel, outro rostro” é un exercicio de homenaxe e reivindicación da figura das actrices e actores de teatro. Pero, no fondo, tamén da propia dramaturxia en si e do conxunto de persoas e colectivos, profesionais ou non, que a fan posible.

Partindo desta intención (e percepción), a autora decidiu fixar o seu foco precisamente xusto no momento en que todo o traballo interpretativo toma corpo: antes e despois da caracterización. Xusto o momento en que actrices e actores pasan a ser “outras” e “outros”, xa “noutra” pel, xa con “outro” rostro. A honestidade das e dos intérpretes, espidos ante a cámara fotográfica, sen máis instrumentos que a súa propia transformación.

Así pois, “Outra pel, outro rostro” pretende recoller a inmensidade das actrices e os actores de teatro por riba de todo; protagonistas únicos deste proxecto. Branco e negro despoxado de todo artificio. Oficio e luz. Nada máis. A partir de aí, só a complicidade entre cámara e intérprete. O retorno, irreprochablemente honrado e sempre xeneroso, delas e deles, tal e como son eles e elas, tal e como son outros e outras.

Cris Andina (Ribadeo, 1978) é fotógrafa autodidacta especializada no ámbito cultural, o que lle permite gozar ao mesmo tempo da fotografía e dalgunhas cousas das súas outras paixóns: a música, o cine, as artes escénicas en xeral e, por suposto, o teatro en particular. As súas imaxes foron publicadas en distintos medios de comunicación, ten colaborado en eventos culturais de distinta natureza e protagonizado algunhas pequenas exposicións, individuais e colectivas.

Deixar unha resposta