Unha fera indómita que fende as murallas
| Afonso Becerra de Becerreá |
A noite do catro de setembro, no Clavicémbalo de Lugo, asistín a unha revelación teatral co texto Máncasme man. O home que mancaba as mulleres, escrito e actuado por Iria Acevedo. Un pequeno gran espectáculo de cabaré sobre o amor e o desamor, que consegue non caer nos tópicos temáticos nin no chiste fácil.
Iria parece facer súa a máxima aquela de Thelonious Monk que avoga pola arte libre, sen as concesións ao que se supón que a xente demanda, na súa maioría educada (estragada) polos estándares comerciais televisivos. O xenial Monk afirmaba: “Non toques o que o público quere, senón o que ti queres, e déixalle ao público aprehender o que ti fas.” Velaí que esta actriz e dramaturga luguesa é capaz de facer o que lle dá a gana e, por riba, que semelle que fai o que o auditorio desexa. Velaí, asemade, un dos selos das artistas de caste: a capacidade para levarnos ao seu terreo sen decatármonos.
Acompañada ao piano por Miguel Granero, Iria Acevedo cóntanos e cántanos unha historia de amor e tolería que ten un punto de xiro coa anagnórise da protagonista e a súa emancipación como persoa e como muller.
O personaxe chámase “Vicki Reformas” e a actriz cualifica o seu xénero como cabaré de furancho. O punto de xiro ou “reforma” en Máncasme man vén sinalado musicalmente e escenicamente polas melodías que Granero degraña no piano e por un xesto tan sinxelo e tan máxico como o de quitar a perruca do personaxe, para facer unha transición do paradoxal ser (muller) obxecto ao exemplar ser (muller) suxeito.
Máncasme man. O home que mancaba as mulleres enfía a épica e a lírica das relacións sexuais e afectivas, cun equilibrio e un humor moi delicados e cunha aparencia de sinxeleza dunha eficacia absoluta.
Esta Iria Acevedo é unha besta escénica: eu non sei como non está co Grupo Chévere. Non sei por que ao vela actuar pensei niso, ou si que o sei pero non o vou a explicar agora. O caso é que esta actriz encáixame coas propostas dos Chévere. Iria actúa con desenvoltura e precisión, ten unha voz poderosa e sabe cantar sen necesidade de recorrer aos estereotipos vocais do xénero do cabaré, sen por iso romper a convención. Esta actriz ten “duende” na mirada e na presenza escénica. Hai algo aí que desprega unha enerxía empática, irrefreable e única.
Por iso espero poder vela en espectáculos que xiren alén da muralla luguesa. Porque en Lugo hai murallas para o desenvolvemento do teatro profesional, verdade? Madia leva, habelas hainas! Pero tamén se albiscan feras indómitas e brillantes, como Iria Acevedo, capaces de fender murallas.
Máncasme man. O home que mancaba ás mulleres de Iria Acevedo
Dirección: Iria Acevedo.
Interpretación: Iria Acevedo e Miguel Granero.
Fotografía: Guillermo Cancelo.
Clavicémbalo, Lugo, 4 de setembro, 2014