in

Atlas de geografía humana

atlas de geografia humana |

A progresía ensimesmada e o teatro decorativo

| Camilo Franco |

atlas-de-geografia-humana

 

Ultimamente miro arredor e parece que hai moita xente que presume de intelixencia e que non percibiu que o ciclo cambiou. Ou se o percibe, segue mirando a outro lado a ver se non pasa nada. Pásalle a algunha xente de pretendido bo humor que di facer humor non comprometido pero saca punta do insólito V dos cataláns, ou tamén pasa con fenómenos do humor e a súa parroquia que acaban por entregar o seu patrimonio a uns xogos de palabras que, recoñecendo que son de grupos cultos, seguen falando do mesmo que algúns atacados humoristas de programas comerciais. Para concretar: mesa redonda sobre o humor de trincheiras na que todos negaron estar en trincheira ningunha (parecían estar máis no búnker) e Miguel Noguera quen, ao cabo, pareceu conformarse co manierismo de facer un humor no que o importante para o espectador é se es ou non da tribu (pero tampouco vos sei dicir cal era). Todo isto era, accidentalmente, Wos_inc. Na música non me meto pero a conclusión era a mesma. Hai un cambio de ciclo, pero non todo o mundo quere darse por enterado.

E podería ser que un grupo selecto pero limitado mantivese esa distancia coa realidade, pero cambiamos o rexistro, cambiamos de público, cambiamos de medio, cambiamos de camisa, cambiamos de peiteado. Entramos ao teatro pola porta convencional e o dinosauro segue aí. Son catro personaxes de muller: mulleres de clase media, de idade media e de media capacidade de aguante para as cousas da vida. En fin, clase media española. Quizais son clase traballadora que se nega a vestirse nese termo. Atlas de geografía humana esquiva esta posibilidade e entrégase a todas as demais. As tópicas, as depuradas polos restos da progresía “arreglá pero informal” para un retrato plano dos conflitos humanos. É un teatro decorativo, todo está colocado no seu lugar. Convencionalmente, claro. Pero todo está colocado. Quizais estorba nesa colocación unha interpretación tan de manual e quizais polo mesmo renxe que os personaxes esquiven profundizar no que fan. Pero isto poderíamos atribuílo de maneira optimista a un ataque de realismo: a progresía ten esa actitude enganosa consigo mesma. Como un teatro feito para saír bonito nas revistas de decoración. Co seu verniz e a súa aspiradora pasada.

E ata aquí. Despois veñen os tópicos e un coqueteo textual con determinadas inflexións dos clubes comediantes. E a menear o asunto dos prototipos femininos de xeito que haxa desmelenada, tímida, guapa e pija de esquerdas de xeito que a última sexa a xefa das outras e lles conceda un día libre a todas despois dun noite de confesións, alcohol e unha liberación final que ten que ver con que todas encontraron un acomodo sentimental para o resto das súas vidas. Sempre me pareceu que a vida era algo máis. Pero non vou discutir por iso. Entre a felicidade sentimental, os catro personaxes teñen tempo de non deixar de lado o seu compromiso e lembrar que o mundo pode cambiar e que o 15-M e tal. Se non profundizas no sentimental, quizais non sexa necesario profundizar no político. Pero xa que estamos en clave decorativa deixemos que no noso perfecto apartamento urbano se vexa con claridade un póster do Che (neste caso concreto é de Lenin).


Publicidade

Hai dez anos tería sido unha obra no medio doutras obras similares. Mulleres que aparentemente falan entre elas de si mesmas. Pero houbo un cambio de ciclo e sería de agradecer que o teatro, a música, o cine, non mirasen a outro lado. Tamén aceptariamos “pulpo” como animal de compañía se a compañía fose particular e tivese como obxectivo o sereno ánimo de encher teatros sen ter en conta máis factores. Pero sendo o Centro Dramático Nacional creo que podemos esixir un pouco máis. Que saiban que estamos a outra cousa, polo menos.

 

Atlas de geografía humana de Almudena Grandes
Centro Dramático Nacional
Adaptación: Luís García-Araus
Dirección: Juanfra Rodríguez
Elenco: Arantxa Aranguren, Nieve de Medina, Ana Otero, Rosa Savoini. Ángel Ruíz (músico)

Teatro Principal de Santiago. 14 de setembro de 2014.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

bye |

Bye bye honey

celsoparada |

Misterio cómico