Unha fábula posporno
| Roi Vidal Ponte |
Poucas veces un texto tan recente tarda tan pouco tempo en ter tantas versións diferentes estreadas. É o que lle está a pasar a Hámster, a peza coa que Cortegoso se deu a coñecer como dramaturgo e que marca moitas da súas temáticas recorrentes.
Os humanos son ratiños engaiolados nun sistema tramposo. A sociedade do espectáculo obrígaos a poñer boa cara e a se exhibiren como atraccións de feira ao servizo do capitalismo serodio e a mercadotecnia globalizadora. Perante esta situación, só dúas posturas: rebeldía ou pacto. A resposta masculina e a resposta feminina.
Ou viceversa. A peza traslada un discurso próximo á filosofía queer, onde os roles de xénero tradicionais están completamente traspostos. Este troque dáse por medio dunha equilibrada animalización, posible grazas ao notable traballo corporal de actor e actriz. A rata femia representa a dureza e a valentía, a forza, a malísima hostia; a voz grave e a corporalidade ruda coa que Alba Bermúdez lle dá enerxía destaca a desvergonza da actriz e conecta cun público impactado. O ratiño macho é o feble, o compracente, o cagainas, e está feito por un David Novas clownesco e maleable que contradí a súa contundente fisicidade.
Se cadra no fondo era así como eramos e Cortegoso non fai máis que desenmascarar as aparencias. Pois esa é outra das súa teimas: a loita feroz contra a hipocrisía a prol das verdades incómodas, mellor canto máis incómodas, máis incómodas canto máis veraces.
A mensaxe ética do espectáculo está perfectamente resumida nesa escena cumio que é a viaxe a Eurodisney. Esas réplicas minimísimas tan cortegosianas, tan rítmicas e tan difíciles de facer sen berrar “corten”, elaboran unha pequena xoia do teatro recente. Unha xoia feita de labazadas ao gusto público, ao gusto burgués, ao gusto patriarcal, ao gusto capitalista.
É precisamente neste punto onde se lle podería pedir á obra máis contundencia na creación dos contrastes, máis claroscuros e diferenzas entre a personaxe sincera e loitadora e o monicreque parvo e conformista, pois eses extremismos están xa dalgún xeito nunha dramaturxia que renuncia ao realismo para falarnos da realidade social con máis efectividade ca un Zola. A dirección de Fran Paredes opta por que sexa o discurso verbal o que transmita as diferenzas sen que estas se vexan extremadamente subliñadas, como se os dualismos que o autor puxo sobre as táboas tivesen que ser difuminados dalgunha maneira para non caer na esterqueira das dicotomías prohibidas.
Texto e espectáculo convidan así a unha reflexión ao abeiro da nóbel Elfriede Jelinek cando opina que hai que lles dar cabida aos personaxes planos porque non só aqueles que gozan dunha psicoloxización profundamente individualizada teñen o dereito a vivir nos escenarios. Un esquema de farsa que confirma a este xénero como o máis acaido e utilizado para a crítica social e que acerca ao noso Cortegoso a un teatro radicalmente contemporáneo. Un teatro que, por sorte, algúns dos seus novos representantes non deixan de lado.
Hámster de Santiago Cortegoso
Compañía: Triatreros
Dirección: Fran Paredes
Intérpretes: Alba Bermúdez e David Novas
Iluminación e son: Fran Paredes
Fotografía: Martín Souto
Sála Ingrávida, Porriño, 12 de decembro de 2014