Amor flexible

Vodevil antigo

| Manuel Xestoso |

Chámase comedia de enredo aínda que, en realidade, é un vodevil antigo. A situación podería ser contemporánea pero a dramaturxia é vetusta, caduca. Agora chámaselle a esta estética “televisiva” mais o certo é que xa andaba polos escenarios moito antes de que existise a televisión. A suposta actualidade consiste en que se fala de situacións impulsadas pola flexibilidade nas relacións de parella. Pero presumir que este tema aínda é materia de debate colectivo indica que os autores se dirixen a un público cunha mentalidade, cando menos, algo resesa.

Ás veces a comedia logra calar o espírito da época e facer crítica social cos elementos que extrae dela. Outras, limítase a crear estereotipos caricaturescos e encadear chistes fáciles a partir deles. Aquí todo é estereotipo: unha rapaza que aspira a elevarse na escala social empregando como ascensores os seus encantos; unha sogra de pasado presuntamente hippy que acaba algo chalada; un mozo rico que actúa de vítima propiciatoria embobado polas artes amatorias da moza.

E os chistes: non se sabe moi ben por que razón, seica aínda dá moita risa que un tipo se colla os xenitais coa cremalleira da bragueta. Cumpre unha función dramática, claro, pero o argumento é tan arbitrario que resulta o menos importante: os personaxes veñen e van colocando as súas chanzas e tratando de que o enredo adquira algo de corpo dramático.

As situacións enléanse e énchense de explicacións e equívocos forzados. Nestas circunstancias, o elenco non pode elevar o asunto: traballan sobre o cansazo do xa visto e a esaxeración e a inverosimilitude rematan por aburrir.

Da alta comedia queda un vago recordo, un certo empeño en retratar fenómenos máis ou menos recentes que leven ao espectador a pensar que se está analizando a realidade contemporánea: esa é a razón de que aparezan ingredientes como a arte conceptual, as redes sociais ou o turismo sexual. Porén, non se afonda en nada e esa superficialidade propicia que sexan os instintos máis conservadores os que abrollan ante a confusión que se presenta sobre as táboas.

Todo resulta tan tópico que resulta difícil evitar a sospeita de que é deliberado, de que o autor pensa que esa é a vía para atopar ao público. Pagaría a pena reflexionar sobre o feito de que os máis recentes éxitos do teatro galego demostren que non é necesario facer tantas concesións para chegar a un gran número de espectadores. E que para facer un teatro que convenza é mellor ter ideas orixinais que seguir fórmulas anacrónicas.

Amor flexible de Álex Sampayo
Dirección: Álex Sampayo
Elenco: Mela Casal, Tamara Canosa e Guillermo Carbajo.
Argumento: Álex Sampayo e Borja F. Caamaño
Diálogos: Araceli Gonda, Avelino González, Tamara Canosa, Borja F. Caamaño e Álex Sampayo.
Iluminación: Carlos Álvarez-Ossorio
Produción e distribución: Redrum Teatro

Auditorio Lois Tobío, Gondomar, 13 de decembro de 2014.

Manuel Xestoso
Latest posts by Manuel Xestoso (see all)

Máis sobre Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixar un comentario