Da fame e das aparencias
| Manuel Xestoso |
A fame como motor do comportamento humano: velaí un principio que nos países occidentais tiñamos un pouco esquecido e ao que, desafortunadamente, comezamos a non ser tan alleos. O Lazarillo de Tormes orixinal retrata unha sociedade na que as aparencias prevalecen sobre a exactitude e a distancia entre clases sociais era case insalvable. Non soa, efectivamente, tan afastado dos parámetros nos que nos movemos ultimamente e, por esa razón, a picaresca española pode explicarnos algunhas cousas.
A nova versión que dirixe Etelvino Vázquez permanece fiel a uns principios estéticos que cultiva dende hai trinta anos e que teñen moito que ver cunha estilización do teatro popular, da tradición oral, da vella arte do xograr. O actor congrega ao público arredor igual que antes o cego agrupaba aos asistentes a unha feira. Non é unha figura literaria: a forma de narrar vén determinada por este aspecto da relación entre o actor e o espectador.
Pero para que este pacto funcione o actor debe ser moi competente, e David González demostra que está a altura do reto. É narrador, protagonista e antagonista, recrea múltiples papeis aos que deixa paso e despide coa dilixencia dun prestidixitador, e adereza todo con pequenas inflexións que provocan cambios de rexistro enormemente expresivos. Logra que visualicemos cada unha das situacións e dótaas dunha idiosincrasia inconfundible. En suma, crea a ilusión de que somos testemuñas do que se conta.
E o que se conta ten que ver con ese carácter arteiro que os desfavorecidos están condenados a adoptar se algunha vez pretenden obter algunhas uvas do acio dos poderosos. Lázaro non comprende que exista a opción de rebelarse senón é baixo a forma de devolver, nalgunha medida, a humillación. O seu é un horizonte no que a supervivencia supón o maior dos éxitos e o seu ascenso na escala social está necesariamente asociado a acatar algún tipo de inxuria como esas “otras cosillas que no digo” que o obrigan a abandonar ao freire mercedario. Ou a aceptar un destino de enganado e consentidor que, non obstante, non permite os ruxerruxes sobre a súa condición: ao final as aparencias gañan a partida.
A adaptación subliña máis a o tema da fame que o da honra, e establece así analoxías definitivas coa actualidade que revitalizan o clásico e nolo devolven ateigado de ecos dos nosos días. Non e difícil nos xornais atopar a réplica deses amos que van dando acubillo a Lázaro de Tormes e que son, tamén eles, vítimas dunha época de penurias.
Mais o importante é que o espírito da narración converxe aquí cunha posta en escena precisa e afiada que dá conta de cada un dos detalles sen que se perdan nin o humor nin a mala baba contidos no relato. O público recoñéceo e entra no xogo cunha entrega que lle devolve a montaxe as súas raíces populares. Así dá gusto entrar nun teatro.
El Lazarillo de Tormes, baseado na novela homonima
Compañía: Teatro do Norte
Dirección: Etelvino Vázquez
Elenco: David González
Iluminación: Rubén Álvarez
Espazo escénico: Carlos Lorenzo
Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Salasón, 7 de xullo de 2015.