Atonalidade dancística n’As catro estacións
| Afonso Becerra de Becerreá |
| Foto: Manuel Lemos |
En plena xornada de reflexión, o día antes dos comicios electorais do 25S en Galiza, reflexionaba eu na butaca do Teatro García Barbón de Vigo (nome orixinal do coliseo vigués, agora renomeado Teatro Afundación), sobre como Galiza está ausente da última produción do Centro Coreográfico Galego (CCG), titulada As catro estacións.
No programa de man dúas frases expoñen: “A visión por medio da danza contemporánea das catro estacións de Vivaldi. Primavera, verán, outono e inverno veranse reflectidos nas distintas variacións dos bailaríns.”
Esa “visión” da que se fala no programa de man, no espectáculo non ofrece unha soa imaxe, explícita ou implícita, do espazo humano e idiosincrático no que as coreografías se xeran ou recrean.
Iker Gómez e Kenneth Tindall, os dous prestixiosos coreógrafos invitados polo CCG para crear ou reescribir as súas coreografías en Galiza, non amosan ningunha simbiose que ancore ou arraice a obra artística coa terra na que se vai facer xermolar.
A danza contemporánea, o teatro, as artes escénicas, aínda que non sexa de maneira evidente, sempre teñen unha raíz e unhas orixes en algures, de aí a súa orixinalidade e, por extensión, a súa universalidade na forza centrífuga que despregan desde o local e o singular.
Nisto, as artes escénicas difiren, por exemplo, do fútbol, que tamén é espectáculo pero que, en virtude das fichaxes internacionais máis competentes, gaña en función dos goles e non en función da revelación empática de algo inenarrable e moi noso.
Ademais, eu presupóñolle, tanto ao Centro Dramático Galego (CDG) como ao Centro Coreográfico Galego (CCG), un esforzo por xerar artes escénicas cun selo especial que, dalgunha maneira complexizadora e enriquecedora, nos identifique e, a poder ser, nos proxecte internacionalmente.
Agora ben, tamén son consciente de que o investimento en cultura, na xestión dos cartos públicos, non permite, seguramente, que dous coreógrafos de prestixio poidan vir a Galiza e emprender unha investigación práctica in situ, empaparse do que aquí hai e do que aquí se move, se ve e se respira, para interiorizalo e filtralo nas súas creacións.
En As catro estacións hai unha coreografía moi ben trazada e definida, pero fáltalle textura, fáltalle o ton e a temperatura. O movemento tende á xeometría do neoclásico e fai unha interesante inserción do concepto audiovisual, sobre todo cando a danza dialoga coa iluminación.
O traballo de fotos fixas, baixo cenitais recortados en cadrados de luz, ofrece un resultado case escultural, moi belo. Tamén os pestanexos da luz asomando corpos en contorsión desde as bambolinas laterais.
Cómpre destacar as evolucións dancísticas na horizontal, desde un movemento case réptil de verticalidade larvada, que se desata de xeito súpeto entre os corpos en tránsito continuo.
O predominio dun engarzamento a dúos dános esa idea de ciclicidade que está na cerna das catro estacións, tamén na alusión aos fenómenos vexetais e atmosféricos ligados á primavera, verán, outono e inverno.
O recollemento e os cromatismos tendentes ao escuro para o outono e o inverno, os despregues e as cores rechamantes, máis marcadas no vestiario, para a primavera e o verán.
A evocación da casa e do doméstico no emprego dos cubos brancos, empregados como punto de apoio físico para a danza e incluso como pedestais, ou como habitáculo por unha bailarina miúda que se garda, revolve e baila dentro dun deses cubos.
As catro estacións de Iker Gómez e Kenneth Tindall para o CCG resulta estruturalmente moi equilibrada, tanto na sucesión de números corais e números a dúo, como no desenvolvemento integrativo dos estilos de ambos coreógrafos.
No entanto, como xa indiquei, para min falta unha decisión fundamental no que atinxe, se non ao “que” (as liñas coreográficas), si ao “como” (a textura, o ton). Vivimos nunha terra, Galiza, na que as catro estacións e a climatoloxía marcan moito a paisaxe, os usos e costumes, incluso o carácter e o humor, e é precisamente por iso que chama a atención que unha nova produción do CCG sobre as catro estacións e coa música de Vivaldi, se realice sen esa simbiose.
As catro estacións, do Centro Coreográfico Galego (CCG)
Coreografía: Primavera e Inverno de Iker Gómez. Verán e Outono de Kenneth Tindall.
Elenco: Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses, Raquel Santacruz, Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal, Pablo Aradillas
Repetidora: Christelle Horna
Deseño de luces: Alberto Casas
Imaxes: Manuel Lemos
Teatro García Barbón / Teatro Afundación de Vigo, 24 de setembro de 2016.