Os soños inxenuos e os soños políticos
| Manuel Xestoso |
Hai dúas escolas de pensamento: unha proclama que o material do que están feitos os soños é a imaxinación; a outra estima que ese material é o ouro. Alicia, a protagonista de Os soños na gaiola, pertence a esta última tendencia. O contraste entre este seu obxectivismo e un mundo simbólico menos urxido pola perentoriedade do material conforma o principal atractivo dunha función que transforma un discurso clásico de emancipación en amable convite ao autodescubrimento. A cerna da mensaxe non se perde, pero a vía de comunicación escollida dálle unha volta á seriedade do asunto e descende ao terreo do cotián. Quizais porque o destinatario é o público infantil. Ou quizais porque os adultos nos negamos a escoitar determinadas mensaxes cando veñen en formato político.
Sabemos que o político envólveo todo, mais tendemos a mirar cara ao outro lado e delimitar o campo de xogo do político ás eleccións e os parlamentos. Nos poemas de Manuel María escollidos para configurar esta historia, o político vístese de inxenuidade, e todos sabemos que a inxenuidade tende a crear empatía. Talvez porque a naturalidade con que se expresan os cativos non permite dilacións nin desculpas. E Alicia compórtase cunha naturalidade que derruba as escusas que adoitamos alegar para negarnos a entender a nosa circunstancia.
Os soños na gaiola opera dende esa cordialidade do conto clásico que consinte que falen os animais, os ríos e os seres fantásticos. Ou que a lúa lle envíe un wahtsapp ao sol. Mais non por iso renuncia a un referente real sobre o que se albiscan a aflición e o conflito. O xogo entre o relato e a realidade está na manipulación dos monicreques, na relación destes co manipulador, na aparición do mesmo Manuel María na ficción. Esa ambigüidade non oculta que a fábula ten un destino, pero deixa que o espectador elixa como chegar ata el.
A metáfora dun río que atravesa Galicia sen saber o que é Galicia convértese no motor dunha viaxe iniciática na que o sentimental e a denuncia se mesturan para compoñer un mapa de desacougos que, se cadra, cómpre desdramatizar. E para desdramatizalo, Alakrán escolle o humor: un material idóneo para ceibar os soños engaiolados. Un sentido do humor que combina a retranca máis tradicional cunha ironía un chisco máis urbanita –pero igual de requintada– e do que sae un retrato máis esperanzado que amable.
E así a fábula, que podía ser triste, recupera o optimismo necesario para que pícaros e adultos se fagan cargo dun final feliz que, na vida real, tende a escapulirse. Mais ao que non se debe renunciar como horizonte.
Os soños na gaiola, a partir dos poemas de Manuel María
Dirección e dramaturxia: Roi Vidal Ponte
Escenografía e Manipulación: Borja Insua Lema
Festival Internacional de Títeres Galicreques. Fundación SGAE, Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2016.