in

This is concrete

thisisconcrete |
Foto: Renato Mangolin

O concreto entre os corpos

| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Renato Mangolin |

 
 
Dous corpos concretos: Jefta van Dinther e Thiago Granato. Dous corpos masculinos en concreta atracción. Un espazo en movemento transformado por unha luz concreta. Un espazo sonoro preciso que remove internamente o corpo de quen mira. This is concrete é a danza concreta de dous corpos que transcende o espazo escénico para xurdir no corpo alleo. Con ela, prodúcese “a mirada do outro a partir de nós”, lema condutor da sétima edición do Festival Internacional de Danza Contemporánea de Guimarães.

A manipulación do tempo a través do corpo consegue que This is concrete concentre nos 55 minutos que dura o espectáculo as 24 horas que dura o encontro e o desencontro da parella que propoñen os corpos concretos de Van Dinther e Granato. Por outra parte, a luz é a encargada de manipular o espazo e de estruturar un relato impresionista e violento ao longo dunha proposta que parte da escuridade para dirixir a mirada do público e suscitar a súa atracción sobre os dous corpos en densa dinámica continua. Pola súa banda, o espazo sonoro deseñado por David Kiers envolve a quen asiste nunha especie de hipnose acordada onde se suceden as reminiscencias da escuridade urbana, nocturna e subterránea. A posta en danza dos tres elementos –corpo, son, iluminación- acaba por construír o estado alterado que Van Dinther confesa preferir abordar desde a creación e que permite viaxar entre o estrañamento e a identificación, facendo esvaecer as fronteiras entre o concreto e o abstracto, revelando a intanxible dor inmaterial que nos rodea.

A través dun movemento continuo de variacións sobre o tempo e a lentitude no que o corpo se transforma nun inesgotable escultor de escorzos fascinantes, This is concrete desafía cada mirada ofrecendo o seguimento dunha relación fragmentado pola luz; alimentando o desexo de desvelar un enigma oculto; incitando a restablecer o equilibrio entre o consciente e o inconsciente, entre técnica e visceralidade; convidando a cuestionar a quen mira se a súa postura é a de voyeur ou a de co-protagonista. Sensualidade e sexualidade, violencia e intensidade, son algunhas das claves que acompañan a peza xunto con ese movemento constante entre distanciamento e intimidade cuxo grao de escoita que propón, instintivo e case animal, acaba por revelar o poder concreto de todo o invisible que opera entre os corpos.

Con This is concrete Van Dinther e Granato deseñan unha relación esencial e optan pola intensidade dos mínimos elementos para compartila. Nela sitúan a técnica ao servizo dunha historia que non é historia e fanas saltar (técnica e historia) polos aires para exaltar imaxes comúns e sensacións do cotián. O resultado espectacular é unha danza que se mergulla no lume propio que arde no corpo alleo; unha danza que activa o pensamento sobre as cuestións vitais e capitais que nos conmoven e paralizan, que nos atraen e nos rexeitan, sexan materiais ou inmateriais.

 


Publicidade

This is concrete de Jefta van Dinther e Thiago Granato

Coreografía e interpretación: Jefta van Dinther e Thiago Granato.
Deseño de luz: Jan Fedinger.
Deseño de son: David Kiers.
Dirección de produción: Emelie Berghohm.
Asesoramento artístico: Sandro Amaral, Frederic Gales, Robert Stejin.
Vídeo: Leo Nabuco.

10 de febreiro de 2017. Pequeno Auditório CCVF. Guidance 2017

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Tras Tannhäuser

Tras Tannhäuser

desconexion |

Desconexión