in

Embarcação do Inferno

embarcacaodoinferno |

Asegurar o Paraíso e perpetuar o Inferno

| Vanesa Sotelo |
| Foto: Paulo Nuno Silva |

 
Cada espectáculo é a posibilidade humana de organizar unha nova realidade, de construír un mundo paralelo nun tempo suspendido fóra do tempo que diariamente nos roubamos. Embarcação do Inferno, co-produción realizada entre A Escola da Noite de Coimbra e o Centro Dramático de Évora é un convite a navegar por un deses mundos suspendidos. Cunha marcada vontade de estilización teatral, a proposta permite asistir desde a mirada contemporánea de quen a ela se achega ás preocupacións do século XVI a través de personaxes característicos e tipificados nos que podemos recoñecer eternos paradoxos, conflitos e contradicións aínda vixentes.

Con máis de sesenta anos de historia sumados entre as dúas compañías, A Escola da Noite (24 anos) e o Cendrev (41 anos) uniron as súas forzas en 2016 para poñer en pé esta Embarcação do Inferno na conmemoración do 500 aniversario da célebre peza de Gil Vicente. Na súa colaboración, as dúas entidades mostran unha vez a cohesión que xa presentaran na súa primeira co-produción: O Abajur Lilás, de Plínio Marcos, unha peza atravesada pola marxinalidade e a violencia. No caso da obra de Gil Vicente, a violencia é a que exerce a que representa a morte como axustizadora implacable difícil de asimilar. Por outra parte, a marxinalidade é a que aparentemente representa o inferno: un espazo ao que ninguén aspira mais cara o que acaba por embarcar a maioría dos personaxes. De igual xeito, a cohesión interna entre as compañías que dirixen António Augusto Barros e José Russo desvela outro dos valores deste espectáculo de estrutura sinxela, contido profundo e que achega con eficacia un clásico das letras universais. Ese valor é o de render homenaxe a un facer teatral honesto, coidado e artesanal.

Así, atopamos un espazo orgánico de madeira e cordas que dá vida ás dúas barcas e que o equipo actoral se encarga de redefinir cun xogo de alturas: a horizontalidade para o Inferno, a verticalidade para o Paraíso. A manipulación do son, da luz, dos obxectos e o emprego da aparataxe escénica son algúns dos elementos dos que se nutre o espectáculo para poñer o acento na construción do efecto –non como desvío da atención sobre a esencia senón como un pracer por volver evidente o artificio e con el, a elaboración dunha nova realidade. O dinamismo no xogo escénico, a asunción do verso vicentino e a escolla dun código actoral marcadamente expresivo ofrecen un vaivén constante entre a inmersión e o distanciamento dese mundo escénico e acaba por advertir o constante xogo coa convención que propón e no que esta mesmo chega a transformarse en autorreferencia. É o caso do emprego de elementos da propia traxectoria dunha compañía como o Centro Dramático de Évora, ligadao aos Bonecos de Santo Aleixo, e que podemos apreciar na sempre interesante convivencia entre materia viva e materia animada que a peza introduce nos personaxes de Florença, o suicida Garcia Moniz ou os soldados cruzados da última escena.

Usura, avaricia, prostitución, relixión, propiedade e poder son algunhas das temáticas que percorría Gil Vicente nesta peza enmarcada dentro do xénero da moralidade e, polo tanto, caracterizada por procurar diferenciar o ben do mal e na que se confrontan a vida e a morte, o ser e o poder. Non obstante, axustando a mirada contemporánea, comprobamos que as problemáticas que nos acompañan diariamente teñen o seu eixo vertebrador nestes mesmos temas e con personaxes semellantes: desde o usureiro ou o fidalgo embebido de poder ao frade apaixonado por Florença –aqui unha boneca, o que desata unha mirada nova sobre a dificultade das relacións humanas– ou os catro soldados que o anxo espera e que non dubidan do seu destino celestial por cumprir co seu deber que non é outro que asasinar.

Con esta proposta da Escola da Noite e o Cendrev, as dúas veteranas compañías portuguesas axustan a mirada do público contemporáneo sobre o texto vicentino, percorren a sombra mortal que acompaña a vida e permiten pensar esa nave de tolos nas que se transforma a humanidade cando, intentando asegurar un paraíso, perpetúa algún inferno.


Publicidade

Embarcação do Inferno, de Gil Vicente.

Dirección: António Augusto Barros, José Russo.
Compañías: A Escola da Noite e Cendrev..
Elenco: Ana Meira, Igor Lebreaud, Jorge Baião, José Russo, Maria João Robalo, Miguel Magalhães, Rosário Gonzaga .
Escenografía: João Mendes Ribeiro, Luisa Bebiano.
Figurinos, bonecos e e imaxe gráfica: Ana Rosa Assunção.
Deseño de luz: António Rebocho.
Música: Luis Pedro Madeira.
Asistencia de dirección: Sofia Lobo.

Teatro da Cerca de São Bernardo, 24 de novembro de 2016.

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

son 005 |

Son

soncc83ovoadora1 |

O soño dunha noite de verán