in

Notas dende Galicia Escena Pro 2017: día 4

ubureitalicc81a1 |

O diñeiro e o mercado

| Manuel Xestoso |

 

ubureitalicc81a1 |

 

O pitching vén sendo un crowfunding en directo, un exercicio de mercadotecnia dirixido a crear expectativa e a recadar fondos. En consecuencia, debería estar dirixido por persoas que se manexen neses asuntos do márketing. Son asuntos que, en xeral, non lles gustan aos artistas, que adoitan queixarse de que “non valen para iso”. Vendo a sesión de pitching de Galicia Escena Pro de onte, é fácil estar de acordo con eles: se eu fose un programador sen coñecemento previo dos profesionais que protagonizan algunhas das intervencións, non me sentiría demasiado estimulado a confiar nas súas promesas. O cal podería ser síntoma de que se precisa algún tipo de formación neste apartado. Ou de que damos por sentado que xa nos coñecemos todos e que, polo tanto, é innecesario esforzarse en dar a coñecer o produto. Só que, entón, para que organizamos unha sesión de pitching?

As fórmulas para presentar espectáculos tiveron este ano un certo protagonismo nos cenáculos espontáneos que se forman entre unha sesión e outra. Algúns deploraban a desaparición dos showcases, mentres que outros se felicitaban pola eliminación deste formato. O pitching, porén, semella concentrar as simpatías da maioría. Non sabemos se se venden moitas ou poucas funcións das obras que se ofertan a través deste método, pero a realidade é que de compras e vendas fálase pouco nestas reunións improvisadas. É curioso que se fale tan pouco de diñeiro nun lugar especialmente deseñado para que o diñeiro circule. Se alguén saca ese tema, todo se transforma nunha partida de póker, o que resulta comprensible nun ambiente máis ou menos competitivo e nun contexto de esclerotización aguda do mercado. Pero algúns distribuidores comentan, neste sentido, que unha avaliación global e pública dos resultados da feira sería imprescindible para mellorala.


Publicidade

O que si é certo é que o último día medra o nerviosismo entre os representantes das compañías e o cansazo entre os programadores. E que comezan as valoracións do aspecto artístico da feira. Non se pode inferir cal é o estado de saúde do teatro galego a partir do visto aquí, aínda que sempre hai algunhas pistas que cómpre seguir. Sempre se entrevén tendencias, intencións, feblezas. E máis hai que aceptar que no teatro, agora mesmo, existe máis oferta que demanda e que ese é un síntoma de debilidade do sistema das artes escénicas que ningunha feira pode solucionar.

Sería fácil enumerar compañías e espectáculos relevantes que estiveron ausentes desta feira –por vontade propia ou por que quedaron fóra da selección– mais cómpre lembrar que ningún filtro establecido polo mercado é xusto. E a feira é un mercado no que eses filtros se establecen con tanta equidade ou arbitrariedade coma en calquera outro. Esta, en todo caso, presentou un panorama o suficientemente variado como para facerse unha idea do que nos espera a temporada próxima.

Neste capítulo, onte volvemos ver dúas compañías veteranas reinventando a súa relación coa audiencia e presentando espectáculos que, dalgunha maneira, non son os que esperabamos delas. O Ubu rei de Talía Teatro e dirixido por Roberto Salgueiro convenceu ao público cunha reinterpretación do clásico de Jarry que apunta a unha crítica social feita dende un rexistro de farsa cruel moi acorde cos tempos. A Helena de Teatro do Atlántico, apuntábase á relectura dos mitos clásicos en clave política e feminina: dous campos que, sen dúbida, estarán moi presentes no teatro que vén.

 
 
 
 
 
 
 
 
 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

bernardas |

Oops! I did it again

goldilibre |

Goldi libre