Crítica

Oops! I did it again

Oops! Xa o fixen outra vez ou O erro compulsivo.

| Laura Porto |

 

 

A sociedade posmoderna, ou hipermoderna, ou o que queira que sexamos a estas alturas (se é que acaso somos máis que un tránsito entre épocas que non terá nome nin lle importará a ninguén) caracterízase principalmente porque todo o mundo lle quere sacar os defectos. Sempre hai algo malo que dicir sobre a hipocrisía deste tempo, a deshumanización e a falta de interese da xeración que naceu nel. Tal vez sexa tamén esta a época (neste caso coma todas, moi normal) na que os vellos tentan esmagar aos novos deixándonos sempre un pouco máis abaixo que o betume, dito sexa sen vontade de polemizar.

Esta nova xeración de desencantadas: mileniais, ninis e baixando, á que pertence tamén quen escribe, non está tan perdida e desestruturada como parece, como nós mesmas cremos grazas aos esforzos que outros puxeron en convencernos da nosa inutilidade. Entre nós hai inútiles coma os houbo e haberá en cada xeración mais, de cando en vez aparece un brillo, unha estrela disfrazada de retallo de pop do bazar chino untado en merda e mercantilismo. Quizais isto sexa o último espectáculo de Bernarda. Non pretendo insultar con iso de “untado en merda”, senón facer referencia ao momento no que a actriz Ana Fontenla inxire dun xeito expresivo ou expresionista, máis ben expresionista, unha substancia marrón e viscosa de aspecto dubidoso. Non apto para espectadoras de estómago sensible.

Así é a nosa nosa vida: tragar, porque hai que tragar, porque sempre se tragou, porque toca tragar. Tragar merda, si. Por iso mesmo, explícannos María e Ana con sinxeleza e claridade como fechamos os ollos ante a escravitude e o sufrimento de persoas coma nós, sabendo que son iguais e estando perfectamente informadas da dor pola que pasan. E por que é isto? Na vertente masoquista, que no fondo non é tal senón narcisista, poderíamos dicir que é para manter os nosos privilexios a toda costa. Nós, as privilexiadas. Do primeiro mundo, do terzo rico. Fermoso, verdade?

Sendo un pouco máis sinceras con nós mesmas, o certo é que nós tamén somos pobres, xa: que detrás dunhas medias de dous euros mercadas nun xigante asiático non é a única pobre a nena que as fabrica, que hai outra pobre (un pouco menos pobre, ou pobre doutro xeito) ó outro lado da pantalla engadíndoas á cesta da compra. Unha pobre á que todo o mundo culpa por mercar esas medias mentres critica a escravitude, unha pobre á que a xeración anterior e a súa mesma acusan de hipócrita, mais que non pode permitirse mercar ningunha prenda de roupa producida de xeito xusto. De calquera xeito ten que estar guapa, ten que estar á moda, porque senón será unha paria, unha marxinada, unha pobretona. E hai que ser moderna. Hai que ser unha persoa normal. Unha persoa equilibrada. E non o somos, non. A nosa época é a idade de ouro das contradicións e da psiquiatría. Non nomos normais. Nin nós, que escribimos isto, nin vós que o ledes, nin ninguén do equipo artístico de Bernarda. Non pasa nada. Está ben. Esta é a nosa época. Somos nós, e levar unha conduta anormal, facer teatro anormal e facernos chamar anormais é o mellor que podemos facer pola nosa vida. Brindemos polo noso fracaso como civilización.

Oops, I did it again! da Cia. Bernarda

María Villanueva e Ana Fontenla
Vestiario: Laura Ro
Iluminación: Montse Piñeiro

Vigo en Bruto. Teatro Ensalle, Vigo. 9 de xuño de 2017.

 
 
 
 
 
 
 
 
 

Ficha artística

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos