in

Entrevista a Ernesto Is

ErnestoIs2 1 |
Ernesto Is

“Funcionamos cun pensamento moi resultadista, non se confía nunha idea que pode madurar ao longo dun proceso de traballo”

| Vanesa M. Sotelo |

 

Ernesto Is (Xixón, 1988) vén de acadar o XVII Premio Rafael Dieste de Teatro con Despois das ondas, unha peza teatral coa que recupera a memoria histórica a través da grande actriz galega exiliada en Francia, María Casares. Despois das ondas resultou ser o texto gañador dos 47 orixinais presentados e, del, o xurado destacou a súas múltiples “posibilidades de representación e a gran liberdade na posta en escena”. Tras lograr o Premio Abrente coa obra Fendas en 2016, este 2017 está resultando produtivamente intenso para Is xa que, ademais de ser seleccionado dentro do VI Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales con El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas, estreou coa Feira do Leste –a compañía da que é co-fundador- o espectáculo Tras Tannhäuser, seleccionado no Programa de Creación Injuve.

 

Despois das ondas aborda a figura inmensa de María Casares a través dun falso monólogo onde a realidade se mestura coa ficción. Cal foi o detonante do proxecto e como foi o proceso de selección para conter unha biografía tan intensa como a de María Casares?

Unha colaboración coa miña amiga a actriz Nerea Brey foi o xerme. Ela estaba a preparar o seu Traballo Fin de Estudos na especialidade de Interpretación na ESAD de Galicia a pasada primavera e quería mergullarse nun proceso de creación que rematara cunha historia e un personaxe definido, algo máis afastado ao que viñamos facendo ata o momento con Feira do Leste. O nome de María Casares xorde porque para Nerea supoñía un reto interpretativo achegarse a un dos grandes referentes da historia e da cultura galega, ademais, tanto a ela coma a min, parecíanos interesante falar desde a súa propia realidade de muller e actriz a través dunha actriz. Comezamos documentándonos coas memorias, Residente Privilexiada, e dous magníficos libros de María Lopo que afondan nos primeiros anos da infancia e na relación co seu pai, Santiago Casares Quiroga: O tempo das mareas e Cartas no exilio. Revisamos a súa filmografía, limos as pezas teatrais máis importantes na súa carreira, recompilamos entrevistas en diversos medios e mesmo repasamos algúns textos de Albert Camus coma O malentendido ou O mito de Sísifo. A partir deste punto, Nerea comezou a crear partituras físicas e coreográficas na sala de ensaios e eu comecei a escribir escenas concretas da vida da protagonista que ela utilizaba como unha ferramenta interpretativa máis, sen supeditarse a elas. Pronto a proposta escénica e o texto comezaron a bifurcarse. Nerea cribou e escolleu intelixentemente o material que eu lle achegaba e que máis se aproximaba á súa idea de María Casares, mentres que eu continuei afondando a través da escrita noutros aspectos vitais que me parecían máis relevantes. Pronto caín na conta de que Despois das Ondas era unha obra independente á montaxe da miña amiga.

O Premio Rafael Dieste que convoca a Deputación de A Coruña implica este ano a montaxe do texto gañador, algo que propicia e asegura a presenza da obra nos escenarios. Cales considera que son os principais valores que de Despois das ondas lle ofrece ao público actual?

Gústame iso que di Ana Vallés das temáticas: nunca cambian porque sempre son as mesmas. O amor, a morte, o tempo, a dor… Quen realmente cambia es ti con respecto a elas, o teu momento neste momento. Despois das Ondas é un texto moi especial; nel habitan moitas das miñas pantasmas e desacougos, moitos dos meus soños e desexos como creador na figura dunha artista máis interesante ca min. María Casares é unha escusa para situarme no mundo. Non son un egocéntrico; penso que este equilibrio entre realidade e ficción, entre persoa e personaxe, é unha das características da dramaturxia contemporánea.
Na peza hai un traballo e unha vontade de recuperación da memoria dunha muller ás veces agochada –como tantas outras na época– tras as figuras do seu pai e da súa parella. Todo o mundo escoitou algunha vez o nome de María Casares, pero moi poucos coñecen realmente quen foi máis alá da biografía básica. O texto amosa unha muller que é algo máis que un instituto, unha rúa ou unha biblioteca; unha muller independente e valente que soubo sobrepoñerse aos constantes naufraxios persoais sen perder nunca o rumbo da súa vida.

O exilio que atravesa a vida de María Casares conecta co seu traballo Exilio das moscas, primeira produción da compañía Feira do Leste. Esta reiteración temática, que dalgún xeito tamén late en Tras Tannhäuser no seu desexo de falar dunha xeración desencantada, responde a un eixo da súa poética? Que significa o exilio para Ernesto Is?

Cada vez son máis consciente da presenza deste eixe temático nos meus textos. O exilio non é só un estado físico ou político –polo menos na miña dramaturxia–, abarca outros niveis. Os meus personaxes están exiliados no sentido literal e literario da palabra. Son persoas que, por diversos motivos, non encaixan no seu aquí e agora. Identifícome moito con eles porque camiñan pola vida nun constante aprender, sempre á deriva. As tres pezas escritas neste último ano son, na súa superficie, viaxes. Viaxes ao pasado familiar (Fendas), ao espazo exterior (El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas) e aos orixes (Despois das Ondas). Hai unha pulsión odiseica moi forte dentro de min. Sempre estiven interesado na historia e na tradición e costumes dos pobos, na súa mitoloxía. Apaixónanme as mascaradas de inverno e a narración oral; a lingua, a cultura e o folclore popular. En definitiva, a memoria común e as raíces, o pasado que nos conforma. Creo que esa é a única patria válida.


Publicidade

Un creador como Wajdi Mouawad sinalaba que é máis fácil encher as butacas dun teatro que descubrir novos creadores. Conscientes da necesidade desta segunda cuestión, desde Feira do Leste estades tomando iniciativas como o I Certame de Nova Dramaturxia para contribuír a esa descuberta. Cales cre que son as liñas comúns da dramaturxia galega contemporánea? 

A variedade e a calidade. En Galicia, e tamén no resto do estado, estase a vivir desde hai uns anos unha idade de ouro da dramaturxia. Os últimos textos que lin/vin teñen tanta potencia, son tan ricos en matices e propoñen tantas e tan boas cousas que é un orgullo enorme formar parte diso. Creo que na nosa realidade conviven dúas vertentes á hora de escribir para o teatro, aínda que non son moi partidario das etiquetas. Dunha banda, están as pezas –por dicilo dalgún xeito– máis canónicas, como poden ser as de Ana Carreira, Santi Cortegoso ou Roberto Salgueiro. Doutra, as propostas que rompen coa formalidade e propoñen hibridacións e estruturas moi interesantes e complexas. Os textos de Fernando Epelde, AveLina Pérez ou Esther Carrodeguas estarían neste grupo. Todas estas dramaturxias son válidas, todas enriquecen a escrita e a escena galega. Eu mesmo vivo nesa dualidade. Ás veces son máis ‘clásico’ e creo historias cun desenvolvemento claro e personaxes definidos; outras, máis arriscado e experimental, aberto ao performativo, sobre todo na sala de ensaios con Feira do Leste. Privilexiar un tipo de dramaturxias por encima doutras é un erro que as programacións dos espazos públicos cometen con asiduidade.

Creativamente falando, o 2017 parece que está sendo un ano intenso xa que ademais da estrea de Tras Tannhäuser e o Premio Rafael Dieste foi seleccionado dentro do Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales do INAEM con El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas. Ademais de avanzarnos brevemente que podemos atopar neste novo texto seu que podemos atopar na colección Dramaturgias Actuales, podería apuntar que lle achegou este programa ao seu proceso creativo?

O bo deste tipo de axudas á creación é a proxección e a estabilidade laboral que che dan durante un tempo. No obradoiro que impartiu Alfredo Sanzol este verán no marco da MIT de Ribadavia falamos sobre este tema. El dicía que o orzamento para estas axudas debería ser moito maior, xa que máis cartos significan máis tempo. Tempo para pensar, para ler, para estudar, para desenvolver con maior tranquilidade un texto de calidade que poida xirar polo maior número de escenarios posíbeis. Boto en falta iniciativas deste tipo en Galicia. Aquí funcionamos cun pensamento moi resultadista, non se confía nunha idea que pode madurar ao longo dun proceso de traballo dun equipo artístico profesional. As institucións só queren o produto final rematado, listo e empaquetado. Non comprendo este fast food cultural. Os teatros públicos teñen que abrir as súas portas ás creadoras e creadores, apostar polas residencias artísticas que permitan, ademais, xerar unha dinámica cultural na vila ou cidade arredor do traballo da compañía en cuestión cos habitantes. Non estou a falar de estadías dunha semana ou dous días, porque iso non é unha residencia por moito que queiran anunciala como tal. Iso é simplemente unha implantación técnica no espazo e ‘recolle rápido que veñen outros detrás’. Asústame cada vez máis a nulidade institucional con respecto á creación. Non falo só dos políticos –merecerían un capítulo a parte–, senón das propias compañeiras/os de profesión. Hai xente de teatro que cando accede a calquera cargo de poder perde o norte e déixase levar pola (des)cultura imperante. Ao final parece que o máis importante é sorrir e non moverte cando sacan a foto, non as conviccións que tiñas cando eras profesional e loitabas no barro do día a día. Por sorte, en Vigo esa sangría de materia gris cultural estana paliando con moito esforzo e dedicación as salas Ensalle e Ártika, dous espazos privados que cren e apostan por estes procesos de traballo. Mentres tanto, os concellos prefiren gastar unha barbaridade de cartos na espectacularización do acendido das luces de Nadal ou en rotondas futuristas antes que dinamizar o tecido cultural da cidade. Non se pode equiparar o teatro –calquera arte– á produción en cadea, non estamos facendo coches. Non se pode, claro, pero faise.

Acaba de ser presentado o programa do Festival Escenas do Cambio. Nel, se ben existe un interese manifesto por ampliar a presenza da danza e por dar continuidade a compañías galegas que xa pasaron polo festival e de ofrecer espazo a creadoras que presentan pouco o seu traballo en Galicia, poderíase botar en falta compañías de recente creación que inciden na investigación e a linguaxe contemporánea en Galicia. Existe unha aposta polos novos valores por parte dos festivais en Galicia? Como se podería reforzar os apoios á nova creación?

A confianza é fundamental, sen confianza non existe o teatro. Engadiría, tamén, a vontade. Tras Tannhäuser é Premio Creación Joven 2016 do INJUVE e só fixemos cinco funcións en Galicia, tres en Vigo e dúas máis en Santiago. Con Exilio das Moscas igual ou peor. Son espectáculos que, por moito que queiramos, xa non teñen máis percorrido aquí. Como pode ser que unha compañía galega, que fai teatro en galego, teña maior aceptación en Madrid? Non existe vontade por parte dos programadores do país en achegarse á xente que está dando os seus primeiros pasos, sexan estes correctos ou errados. Volvemos ao concepto resultadista: sen obra mestra, sen peza que encha a sala e asegure cartos, non hai bolo. É igual que cando nas empresas piden experiencia para traballar, pero non podes acreditala porque acabas de entrar ao mercado laboral. Deixádeme primeiro rodar co que teño e, pouco a pouco, a miña poética vaise pulir. Ás veces é moi frustrante. Porén, estimula ver a xente da profesión como Xesús Ron no patio de butacas cando rematas a función. Iso axuda a continuar asomando a cabeza, aínda que sexa de tanto bater con ela na parede.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

tráfico2 |

O muro, por Carlos Santiago

resipm |

O programa Residencias Paraíso abre ao público os proxectos de 2017