in

Dark Field Analysis

DarkFieldAnalysis 3©Ben Mergelsberg |

Principio e fin da humanidade

 

| Manuel Xestoso |
| Foto: Ben Mergelsberg |

 
Examinar o propio sangue é unha forma de introspección. E a introspección adoita ser persoal, pero o individuo sempre parte dun pasado do que, en ocasións, non é consciente. Todos pertencemos a conxuntos demasiado amplos: a unha familia, a unha sociedade, a un país, a unha especie. A idea de que o sangue pode contelos a todos é tan atractiva coma inquietante: se unicamente somos froito dunha historia, onde queda a idea de liberdade individual? É un debate case tan antigo como a humanidade –a predestinación fronte ao libre albedrío– e mais sempre envolto en formas novas que enriquecen a discusión.

Jefta van Dinther escolle en Dark Field Analysis a metáfora do sangue para continuar cun estudo que parece apuntar á unha xenealoxía do movemento. As súas coreografías semellan estudar o xeito en que o instinto se acomoda á formación da comunidade, aceptando determinadas convencións sociais e, malia todo, permanecendo no inconsciente dos individuos. A forma de enfrontar a actividade física visa a unha observación rigorosa de cales son os comportamentos impostos pola sociedade e cales as físgoas polas que se filtran as manifestacións máis espontáneas que entran en conflito coas normas sociais. O resultado é unha exposición sumamente atraente da loita entre cultura e natureza e das formas resultantes desa contenda.

Dark Field Analysis comeza cun diálogo entre os dous bailaríns que materializa esa busca dun pasado sensorial e cultural que, sen sabelo, conforma a nosa individualidade. É unha primeira parte propositadamente lenta, cun texto reiterativo que mesmo aburre por momentos, pero que vai creando a atmosfera necesaria para o que vén a seguir. O efecto hipnótico da iluminación –case exclusivamente en vermello e verde– combinada coa música –unha composición minimal baseada en “The Slow Drug” e “Horses in My Dreams” de PJ Harvey– vai transportando ao público a un espazo atemporal no que as evolucións da danza adquiren unha forma case onírica.

O realmente interesante vén despois, cando a coreografía se transforma nunha especie de batalla entre o caos orgánico e o rigor clínico: cando se desvela ese movemento contraditorio do desexo que nos impulsa cara ao egoísmo máis declarado da satisfacción dos nosos apetitos e, ao mesmo tempo, a ser o outro, a fundirnos con el. E todo iso sen esquecer as características dunha sociedade como a nosa, na que a tecnoloxía adquiriu a capacidade de modelar as nosas formas de relacionarnos como en ningunha outra época. Moi influenciado pola cultura do club, van Dinther amósanos no seu espectáculo unhas criaturas que están a medio camiño entre o simio e o robot, unhas figuras convertidas en salvaxes por un mundo extremadamente civilizado. Entre o principio e o final da humanidade.

O clímax acontece, como non, cando os dous personaxes logran poñerse en pé e abrir paso a outra cousa que queda en suspenso. A un futuro que só podemos albiscar pero que non podemos calibrar axeitadamente. Van Dinther corta no momento en que o punto álxido da coreografía coincide co das complexas cuestións que propón, deixándonos ante a sensación de ter asistido a unha obra de gran altura artística e conceptual.


Publicidade

 

Dark Field Analysis, de Jefta van Dinther

Coreografía e dirección: Jefta van Dinther
Elenco: Juan Pablo Cámara e Roger Sala Reyner
Deseño de iluminación: Minna Tiikkainen
Escenografía: Cristina Nyffeler
Deseño de son: David Kiers
Cancións: Baseadas nos temas ”The Slow Drug” e ”Horses in my Dreams” de PJ Harvey
Texto: Jefta van Dinther, Juan Pablo Camara e Roger Sala Reyner
Asistente coreográfico: Thiago Granato

Centro Cultural Vila Flor, Guimarães. 28 de abril de 2018.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aporia6cubos |

Aporía Escénica regresa ao Salón Teatro de Compostela

Achádego |

Achádego Teatro celebra o seu 30º aniversario coas xornadas “Experiencias Teatrais”