in

Manu Lago: “O fito fundamental da danza contemporánea galega é a resistencia, sen dúbida”

manulago |
O 29 de abril de 2018, coincidindo co Día Internacional da Danza, publicouse a primeira fase do Arquivo Online de Danza Contemporánea de Galicia. Impulsado por Manu Lago -produtor, xestor e distribuidor especializado no eido da danza-, o proxecto recolle documentación sobre a creación coreográfica galega e ten como obxectivo recuperar a súa memoria e poñer en valor tanto a súa diversidade coma o seu volume e a súa calidade. A erregueté falou co seu creador para coñecer un pouco máis sobre o Arquivo e sobre a súa mirada arredor das artes do movemento en Galicia.
| Manuel Xestoso e Vanesa Sotelo |

 

Que o move a poñer en marcha o Arquivo Online de Danza Contemporánea de Galicia?

Aínda que puntualmente traballei para compañías de danza, por exemplo desde La Tía Mardalina, foi nestos últimos tres anos cando me dediquei practicamente en exclusiva á xestión, produción e distribución de compañías de danza de Galicia e aos festivais que dirixe a compañía Sólodos e, desde 2017, baixo a marca Galicia Danza Contemporánea (www.galiciadanzacontemporanea.gal). Á hora de montar un proxecto para presentar as axudas a produción ou distribución de Agadic ou do INAEM preciso situalos nun contexto e determinar a innovación de cada un deles con respecto a idea básica da que xorde o proceso de creación ou da orixe ou residencia da dirección ou calquera outro elemento desa produción que deba ser destacable, e para iso son necesarias as referencias. Os datos dos que dispoñía eran suficientes para comenzar a traballar no Arquivo e pareceume que o apropiado era compartir esta ferramenta que, ademáis, sacia a curiosidade e exercita a memoria.

Conta con algún tipo de axuda institucional? En caso negativo, ten previsto solicitala?

Aínda que a intención era solicitar unha bolsa de investigación da Deputación da Coruña, a vida levoume a estar censado en Barcelona, onde resido, e a oportunidade desapareceu. Polo que non é un traballo apoiado economicamente. Pero si solicitei axuda á Agadic e a Deputación de A Coruña para coñecer as programacións de danza nas redes e refrescar a memoria en canto a nomes dalgunha compañía que tiña esquecida ou descoñecía, datos de subvencións adxudicadas, etc.

A día de hoxe o Arquivo non é un proxecto rematado, debe ser completado e actualizado anualmente coas novas creacións coreográficas, pero iso será o próximo ano. En calquera caso, e a raíz deste traballo, están xurdindo outros para os que si será fundamental a solicitude e axudas institucionais, polo que ao longo deste ano presentaránselles proxectos.

Analizando a liña do tempo incluída no arquivo, dedúcese que a danza contemporánea recibe un impulso fundamental na época do goberno bipartito da Xunta con, entre outras medidas, a creación do Centro Coreográfico. En que momento estamos agora en canto a axuda institucional?

A xestión de Miguel Martín á fronte da Agadic durante o bipartito impulsou á danza nun momento no que xs novxs creadorxs emerxían con moita forza. Entre 2005 e 2008 apareceron Pisando Ovos, La Macana, Entremans, Javier Martín, Sólodos (entre Ourense e Costa Rica), Janet Novas (desde Madrid),… e inmediatamente estaban programadxs en circuitos e festivais da Península e fóra. E en Galicia!!! O Centro Coreográfico Galego, da man de Natalia Balseiro, tamén xiraba máis alá do noso territorio e tecía, non se limitaba a producir no ámbito local. Pero non esquezamos o caldo de cultivo: Teatro Galán, En Pé de Pedra e Sala Nasa.

Hoxe teño a sensación de que estamos nun momento semellante en canto a emerxentes. Aquelas compañías xa cumpriron 10 anos de traxectoria e seguen traballando mentres chegan con enerxía renovada Prácido Domingo, Alba Fdez Cotelo (Cía. Exire), Esther Latorre (Cía. Glovo residente en Valencia), Paula Quintas (parte da Cía Traspediante),… e un tamén renovado entusiasmo loitador por parte do Colectivo RPM desde A Coruña.

Desde Agadic apóianse as Residencias Paraíso (do Colectivo RPM) e de novo se convocan as coproducións co Centro Coreográfico Galego. En Galicia Escena PRO este ano hai 4 compañías de danza (penso que o dobre do habitual nos últimos anos) e estamos pendentes da resolución das axudas a produción nas que están “prometidos” dous apoios á danza como mínimo. Indica un certo interese cara á danza, pero nin é comparable nin é suficiente. Débense abordar temas urxentes como a danza nas redes (RGTA, RGS e ciclo Cultura no Camiño), a posta en marcha do CCG e a liña de axudas específicas para danza. En realidade as compañías están xa no 2019, pero o entorno institucional está aínda no 2005.

Que papel desenvolve actualmente o Centro Coreográfico Galego no panorama da danza en Galicia?

Salvando a recente recuperación da convocatoria de coproducións, que poderían ter lugar á marxe do Centro Coreográfico Galego, non considero que xogue papel ningún. Urxe a convocatoria da dirección do CCG e a publicación dun programa acorde coa danza profesional de Galicia.

Durante os primeiros anos do CCG tamén regresaron moitas creadoras e creadores que estaban levando a cabo os seus proxectos fóra. Constata unha maior vontade destas persoas por facerse un oco en Galicia?


Publicidade

Os primeiros anos da traxectoria do CCG coincidiron, como sinalei, cun momento excepcional da danza contemporánea en Galicia. Tamén foi unha oportunidade de traballo para bailarinas e bailaríns e o ambiente respirábase moi fértil en moitas direccións: celebrouse na Illa de San Simón o MOV-s, o circo coproducía co CDG da man de Cristina Dapena, o CCG tiña un programa de coproducións e residencias artísticas, as novas compañías de teatro eran gañadoras de premios María Casares, En Pé de Pedra tiña cifras de público brutais, xa tiñamos o ALT e Teatro Ensalle de Vigo… Penso que había oportunidades e ese é un bo momento para voltar e traballar no que se procura fóra.

Nos últimos anos, asistimos á aparición de pequenos festivais en diferentes cidades e provincias que van creando redes entre as creadoras. Cre que o futuro pasa por consolidar estes festivais? Poden vertebrar a actividade coreográfica galega ou limítanse a servir de testemuña dunha vitalidade coutada polo contexto?

E de feito incluso Lugo, cidade e provincia impenetrable, ten un festival de danza (Cartografías en movemento, impulsado por 3monos). Cónstame que os orzamentos de moitos dos novos festivais son absolutamente insuficientes. Lévanse a cabo grazas a unha implicación de todas as partes, de xestorxs, traballadorxs e creadorxs, e permiten non esquecer a danza creada para rúa e espazos non convencionais, esa danza que está en contacto directo co público non habitual nun teatro. Pero hai que falar das redes e abrir tamén os teatros! A danza na rúa é máis da danza, pero non é toda a danza.

Na sección “Contexto” do Arquivo tamén se pode percibir que a danza contemporánea ocupa moi pouco espazo nas programacións das diferentes redes de distribución. Existe algunha estratexia que teña como obxectivo incrementar esta presenza? Cales serían as principais liñas de acción que habería que tomar para aumentala?

Teño que aclarar que no apartado do “Contexto” soamente aparecen as funcións contratadas a través das redes e unicamente no 2017, das contratacións directas non teño datos. Aínda así, primeiro diría que xs responsables de programación deben ser conscientes da súa responsabilidade co sector e co seu desenvolvemento (en realidade non só ao respecto da danza, se non da creación contemporánea en xeral), do mesmo xeito que para ofrecer as ferramentas necesarias aos espectadorxs, se así se considera.

Falas de danza e aínda escoitas que o público non está preparado. Parece que somos quen de cantar Beyoncé sen ter nin idea de inglés pero somos incapaces de deixarnos levar por un espectáculo de danza, onde cada un pode entender o que e como lle veña en gana. E o certo é que se fas unha función por primeira vez nalgunha localidade virxe no tema dancístico (lembro unha no Concello de Cee durante a Mostra de Teatro -penso que no 2008- ou no Fetal de Urones de Castroponce – Castilla y León no 2016) e esa poboación descoñecedora da danza déixate abraiado en poucos minutos. Acabas crendo que levar a danza, por exemplo ao rural, é unha chaladura, e nada máis lonxe, é un regalo. Pois quizás haxa que comenzar por aí.

Nun dos espectáculos estrenados o pasado ano ofrecíamos un obradoiro, a impartir de balde o mesmo día da función, no que se traballaba con nenxs acompañadxs de titorxs a danza e outros recursos do espectáculo. Procuramos realizar actividades de mediación, actividades complementarias ás funcións. E mentres uns non mostran ningún interese por levalas a cabo, outros mercan 15 sesións do obradoiro para centros escolares. Vontade. O traballo da programación expandida do TRC Danza avala o éxito das actividades complementarias á exhibición nestos últimos anos.

Que facer? Programar danza, incluídas localidades pequenas, expandir, ofrecer ferramentas e educar. Pero o fundamental é entender que non se pode traballar público sen mostrar espectáculo e que o teatro non se vai a encher como un espectáculo de Carlos Blanco.

Cales cre que son os fitos fundamentais para a danza contemporánea galega nos últimos anos? Que pasos serían precisos para dignificar esta rama da creación no futuro inmediato?

O fito fundamental é a resistencia, sen dúbida. Mentres se producen arredor de 14 espectáculos de danza ao ano e non sempre hai unha (1, U N H A) axuda á produción dun espectáculo de danza… La Macana xira por Europa, Pisando Ovos fai 3 países e xira nacional, Licenciada Sotelo é finalista no Certamen Coreográfico de Madrid e recibe o premio Maruxa Villanueva, Sólodos crea a versión europea do seu festival costarricense en Ourense sen apoios de Agadic nin INAEM, Javier Martín investiga o proceso sobre as táboas de innumerables teatros, Janet Novás perfílase como unha das máis interesantes creadoras do Estado, Entremáns xira con Xoga que dá envexa, Alba Fdez. Cotelo xira tres semanas por Costa Rica, Danza no Claustro e Corpo a terra (ambos en Ourense) van pola súa 6ª e 7ª edición no 2018…

A dignificación pasa polo recoñecemento da creación, polo interese desde as institucións de coñecer os seus procesos e as súas necesidades, pola creación de axudas específicas para a danza, por un Centro Coreográfico Galego que represente á danza profesional de Galicia e por unhas redes abertas á danza. Mentres tanto, as compañías teñen o produto e as ferramentas preparadas para chegar ao público. Retornamos á vontade.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Un comentario

Retrucar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

audioguíaschévere |

Audioguías teatralizadas por Chévere na Mariña de Lugo

DPR 02 |

‘Divinas Palabras Revolution’ no Teatro Español de Madrid