Seguindo coa colaboración de anos anteriores entre a FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia para a realización de cursos de verán, achégase a seguinte proposta de cursos:
Curso 1. Caracterización, indumentaria e audiovisuais para a escena
Do 2 ao 6 de xullo (30 horas)
Horario: De 9:00 a 13:30h e de 15 a 18h
Montse Piñeiro e Carlos Pinilla
Este curso intensivo está pensado para todas aquelas persoas que desexen introducirse dunha maneira integrada e totalmente práctica nas tarefas de maquillaxe, peiteado, efectos especiais de caracterización e deseño de figurinos. Tamén se practicarán técnicas de patronaxe e aplicación de materiais e técnicas de costura e bordado para a recreación de indumentaria histórica e outros deseños de maior fantasía. O curso complementarase con formación en deseño de audiovisuais para a posta en escena, principalmente a partir do programa Resolume.
Montse Piñeiro é escenógrafa e iluminadora, titulada pola ESAD de Galicia. Premio María Casares á mellor escenografía pola obra Resaca, de Il Maquinario. Traballou para varias compañías como iluminadora e deseñadora de audiovisuais para a escena, como A Panadaría, CDG, etc. De xeito paralelo, experimenta coa fotografía, a escultura e as artes visuais, desenvolvendo unha carreira profesional no mundo da imaxe audiovisual e a ilustración, e formándome actualmente na especialidade de cerámica artística.
Carlos Pinilla é profesor de caracterización e indumentaria na ESAD de Galicia. Realizou deseños de indumentaria para varias compañías, como Aporía Escénica ou Producciones Solayo. Foi empregado de xastrería no Teatro de la Zarzuela e na CNTC. Galardoado co 2º premio no concurso de novos deseñadores da XXIII feira de encaixe Camariñas 2013.
Curso 2. Monicreques: escrita e construción.
Do 9 ao 13 de xullo (30 horas)
Horario: De 9:00 a 13:30h e de 15 a 18h
Ernesto Is e Eufrasio Lucena
Neste obradoiro estudaranse e levaranse a cabo, de maneira práctica, distintas técnicas para a elaboración dun monicreque e a escrita dramática para teatro de monicreques ou, de maneira máis ampla, de teatro de obxectos e formas animadas. O obxectivo principal deste obradoiro é aprender a integrar procedementos e saberes adquiridos para conseguir transmitir ao espectador as sensacións, emocións e o sentido da dramaturxia para espectáculos de formas animadas. Tamén a súa traslación á tridimensionalidade do escenario, experimentando cos elementos expresivos, rítmicos e caracterizadores dos materiais e das técnicas de fíos, luva e bonecos articulados, entre outras.
Ernesto Is é titulado en Dirección escénica e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. forma parte da nova compañía teatral Feira do Leste, coa que presentou os espectáculos Exilio das moscas e Tras Tannhäuser. Ademais do Abrente, tamén recibiu o Premio Rafael Dieste de Teatro 2017 coa obra Despois das ondas. Gañou o Premio Abrente da MIT de Ribadavia en 2016 coa obra Fendas.
Eufrasio Lucena é profesor de Escenografía na ESAD de Galicia. Realizou deseños de iluminación e de espazo escénico en distintas producións na República Checa e a coordinación técnica para varios espectáculos de danza da compañía de Sol Picó e da Nacional de Danza. É responsable do Departamento de Mobilidade da ESAD de Galicia e realizou diversas estadías formativas en Finlandia, Polonia, etc.
Inscricións en: http://fegatea.blogspot.com.es/