in

Filhos do retorno

Filhosdoretorno02 |

Silencios: miradas dos fillos, memorias dos pais

| Vanesa Sotelo |

 
[Filhos do retorno acaba de exhibirse no Teatro Nacional Dona María de Lisboa: con este motivo, recuperamos esta crítica, publicada no nº 92 da erregueté e escrita co gallo da súa estrea no FITEI do Porto.]
 
Filhos do retorno é o proxecto da compañía portuguesa Teatro do Vestido que nace a partir da memoria e os recordos de persoas cuxos familiares próximos viviron en África no período colonial portugués anterior ao 25 de abril de 1974. Con este traballo estreado no Teatro Campo Alegre durante o FITEI de Porto, a creadora Joana Craveiro continúa coa evolución natural do espectáculo unipersoal Um museu vivo de memórias pequenas e esquecidas para continuar abrindo a memoria e cuestionando os silencios da historia, sinalando os claroscuros dun pasado colonial que atravesa a convivencia dun presente cheo de matices.

Se en Um museu vivo de memórias pequenas e esquecidas Craveiro se centraba na historia de Portugal na península, neste Filhos do retorno a creadora lusa pasa a organizar unha mirada novamente complexa coa exposición de diferentes historias por parte dos cinco intérpretes que, en primeira persoa, recompoñen a experiencia das súas familias nas que foran provincias ultramarinas. Angola, Mozambique, Cabo Verde ou a Goa son os os territorios que percorre a proposta e desde os cales asistimos ás dificultades do regreso e da adaptación a unha sociedade á que os protagonistas pertencían pero cuxa paisaxe lles era allea.

Con rigor e intensidade, Joana Craveiro dispón un traballo intelixente e arriscado, intenso e enérxico. A vitalidade que Craveiro habitúa desprender en escena como marca persoal é transferida neste espectáculo ao elenco formado por Marina Alburquerque, Cláudia Andrade, Lavínia Moreira, Daniel Moutinho e Rafael Rodrigues. Nun procurado equilibrio entre a exposición distanciada e a implicación do persoal, as personaxes-intérpretes comparten o seu material máis singular xunto cun vasto volume de información sociohistórica transformadas en perfectos alter-ego de Craveiro. O quinteto actoral asume o vertixinoso dicir, entre o lúdico desexo de compartir e a enérxica vontade de cuestionar, entre a defensa convencida do traballo comprometido e a implicación coa historia propia e a colectiva. É así, entre a defensa da herdanza e o seu cuestionamento, como Filhos do retorno se transforma no espazo vivo de documentación, información e reconstitución que ás veces é o teatro; que ofrece o teatro de Joana Craveiro.

A produción de Teatro do Vestido parte do individual para avanzar cara ao o universal. O espectáculo parte da íntima distancia do familiar para ampliarse cara a distancia do social. O público asistente, dividido en grupos, distribúese ao redor de varias mesas onde cada un dos intérpretes se encargan de compartir o propio material: nel, as raíces africanas e hindús mestúranse coas europeas; nel, o detalle máis persoal deseña o marco desde o que lanzar a mirada sobre o mundo. Unha vez efectuada a presentación, o conxunto de espectadoras toma un lugar no espazo no que aparecen repartidas as diferentes mesas e as pantallas desde as que podemos ver ampliado o denso capital bibliográfico, discográfico e fotográfico que posúe o proxecto e que debuxa unha época que Craveiro somete a disección desde a escena.

Nun ritmo incesante, case frenético, actores e actrices repasan citas, deseñan espazos, acurtan distancias entre a historia (intra)familiar, (inter)xeracional, (inter)nacional, (inter)continental e acaban por facernos percorrer os seus pasos: os dunha xeración que se move entre a memoria luminosa dun continente que apenas coñeceu e a experiencia nun novo territorio desde o que proxectar un presente e calquera futuro.

 


Publicidade

Filhos do retorno, de Teatro do Vestido.

Texto, dirección, co-creación: Joana Craveiro
Co-creación e interpretación: Cláudia Andrade, Daniel Moutinho, Lavínia Moreira, Marina Alburquerque, Rafael Rodrigues.
Asistencia e colaboración creativa: Rosinda Costa e Tânia Guerreiro.
Iluminación: João Cachulo.
Produción: Cláudia Teixeira
Co-produción: Teatro Municipal do Porto, Teatro Nacional Dona Maria II, Teatro Viriato.
Apoio: Citemor – Festival de Montemor-o-Velho e Largo Residências

Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica. Teatro Campo Alegre, 11 de xuño de 2017. FITEI

 

Nota: A erregueté 90 editou o texto Bairro das Ex-Colónias, incluído no proxecto de documentación e investigación do espectáculo Filhos do retorno.

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Bonappetit |

Semana de teatro para familias en Pontevedra

riobravo |

Novos proxectos de Chévere