in

O teatro que vén en 2019

DSC 0632 |

Co comezo do ano comezan tamén as estreas e as novidades. Aquí tendes algunhas das obras das que se falará nos primeiros meses deste 2019.

 

O inevitable

Publicidade

Con este proxecto, O Inevitable, nace o Colectivo Marciano Balboa, integrado por dous creadores escénicos, Diego Anido e Borja Fernández, unha deseñadora de iluminación e audiovisuais, Laura Iturralde, e un músico, Pablo Rega.

O Inevitable é o seu primeiro directo, unha acumulación de escenas baseadas nos efectos secundarios da fe católica, os remakes turcos de Rambo e os momentos mais íntimos da vida dun lobo solitario chamado Antonio, un tipo que fai milagres.

Teatro Ensalle, Vigo, 18 de xaneiro.

 

Macbeth. O ruído e a furia

Unha versión reducida do clásico de Shakespeare dirixida por Xoán Carlos Mejuto e Iria Ares nunha produción de Estudo Momento. Interpretada por Xoán Carlos Mejuto, Luís Iglesia, Iria Ares, Carlos Sante e David Perdomo, prometen unha versión divertida.

Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o 25 de xaneiro.

 

Doppelganger

Publicidade

Doppelganger: en alemán, “o dobre que camiña”. Ao meu lado sinto a alguén que non son eu, pero que se me parece como unha sombra ou un reflexo. Mírame, xúlgame, quéreme, ódiame. Vivimos no mesmo país, pero temos ideas opostas. É o meu rival, o meu inimigo. Eu son o seu rival, o seu inimigo. Está no outro bando. Estou no outro bando. Quero destruílo e ao mesmo tempo necesítoo. É el ou eu. Ambos ou ningún. É a guerra. A Guerra Civil. É a miña conciencia. É a miña memoria. É o meu esquecemento. É a posibilidade ou non de vivir en paz comigo mesmo.

Unha co-produción entra as compañías Berrobambán de Galicia e Arca de N.O.E de Colombia, co Centro Dramático Galego. Escrita por Paula Carballeira e dirixida por Chiqui Pereira.

Salón Teatro de Compostela, o 24 de xaneiro.

 

Bernarda

Malasombra Producións presentará Bernarda, de José Prieto, que tamén dirixe, con Luísa Merelas, Celia González e Esther Aja. A obra recolle o punto de partida de La casa de Bernarda Alba, escrita por Lorca en 1936, é dicir, unha muller que queda viúva con fillas mozas e decreta un rigoroso loito, pero traslada a acción a unha vila de Galicia case corenta anos máis tarde, en 1975, nun momento clave da nosa historia recente, no que as ansias de cambio chocan coas tradicións máis arraigadas, como é neste caso, o loito.

Pazo da Cultura de Narón, 1 de febreiro.

 

Empapelado amarelo

Dentro do festival Escenas do Cambio 2019, Tito Asorey e Melania Cruz estrearán Empapelado amarelo, un espectáculo teatral unipersoal que parte do relato autobiográfico homónimo publicado en 1891 pola autora norteamericana Charlotte Perkins Gilman. Nel narra, en primeira persoa, as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora diagnosticado por un coñecido doutor da época para combater o estado melancólico e depresivo no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla.

Ademais, dentro do festival, tamén se presentará A casa vella, de Nuria Sotelo e Cris Sánchez.

Cidade da Cultura, 7 de febreiro.

 

A gala

Licenciada Sotelo presenta esta peza coas bailarinas Cristina Vilariño, Rebeca Carrera e Nuria Sotelo.

A gala é unha peza que xira ao redor do traballo de creación de tres bailarinas; encargadas de coreografiar o fío conductor da Gala de entrega dos Premios Maruja Mallo (os máis relevantes galardóns da cultura do país que as acolle). A gala parte dunha idea de proceso, unha investigación en relación a figura e obra de Maruja Mallo como eixo do proceso creativo, sendo éste ao mesmo tempo o artellador da peza.

Na dramaturxia, Maruja Mallo ten un lugar central, a primeira liña en canto difusión da súa obra e o recoñecemento histórico que lle pertence.

Ao mesmo tempo, e seguindo a figura da pintora, a peza fai unha critica ás nosas propias figuras reivindicativas. Unha crítica á actual sociedade durmida na que a acción se revela como última opción.

Auditorio Municipal de Ourense, 14 de febreiro.

 

Vida de Cans

Un texto de Cándido Pazó posto en escena por Talía Teatro, con Toño Casais, Dani Trillo e Artur Trillo.

Tres actores, tres cans, ou tres actores que fan de can sen deixar de ser actores, sen deixar de ser cans. Están recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo… pero recinto. Ben tratados, ben atendidos, ben alimentados, ben acariñados… pero recluídos. Fóra do recinto está a liberdade. Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos… pero liberdade. Cada un dos tres afronta o conflito segundo a súa personalidade. Ou segundo a súa canalidade. E todo vai derivando cara unha traxedia que nunca deixa de ser comedia.

Pazo da Cultura de Narón, 22 de febreiro.

 

Carpe diem

Producións Teatrais Excéntricas anuncia a estrea da súa nova produción Carpe diem. Un thriller baseado nun texto do premio Camões Rubem Fonseca, con música en directo de Ramon Orencio (alias Mr. Cool) e coa dirección de Quico Cadaval.

A anécdota é cinematográfica: unha muller e un home coñécense nunha previsíbel festa de fin de ano e comezan unha relación ilícita: os dous son casados. Con outras persoas. Un caso de adulterio entre persoas da clase alta. A rotina dos amantes consiste en cinema de barrio e motel barato, moi lonxe do seu ambiente É unha aventura imaxinaria nun motel co ar condicionado avariado. Entre a fantasía do cinema e as obrigas conxugais desenvólvese este drama escaldante. En palco aparecerán o autor, manipulando as súas pequenas criaturas como se fosen ratos de laboratorio, os dous amantes, e un músico, ennobrecendo con aveludadas melodías o frívolo affaire.

Teatro Principal de Compostela, 27 de febreiro.

 

A compañeira de piso

Contraproducións presentará unha comedia negra sobre a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila. Adaptación da peza The Roommate da autora americana Jen Silverman, en coprodución co Centro Dramático Galego, que trata os temas da idade, a muller e a identidade dun xeito fresco e divertido.

Dirixida por Vanesa Sotelo e interpretada por Patricia Vázquez e Rebeca Montero, A compañeira de piso presenta a Sharon, unha ama de casa de cincuenta e pico anos e recentemente divorciada, cando publica un anuncio para compartir a súa casa no rural de Iowa. Sharon procura alguén coma ela, unha compañeira, se cadra, unha amiga. A chegada de Robyn para ocupar o cuarto deixa a Sharon de pedra xa que non podían ser máis diferentes: lesbiana, vegana, chegada do Bronx… Pero lonxe de arredarse, Sharon comeza a experimentar co estraño (e prohibido) xeito de vida de Robyn sen saber que a súa inquilina procura un refuxio no que agocharse e cambiar de vida.

Salón Teatro de Compostela, 28 de febreiro.

 

Alma (non é hippie)

ALMA (non é hippie), é o primeiro espectáculo de danza vertical de Galicia, unha produción do Colectivo Verticalia, ou o que é o mesmo, das compañias Duelirium e Traspediante, co apoio de Pistacatro. Dirixida por Rolando Sanmartín e interpretada por Marta Alonso, Raquel Oitavén, Paula Quintas e Mertxe Solé, ALMA (non é hippie) investiga nas diferentes percepcións sobre unha mesma realidade, os diferentes puntos de vista e, polo tanto, sobre o aparente e as apariencias desde a linguaxe da danza contemporánea, a verticalidade e o movemento.

Teatro Rosalía de Castro da Coruña, 1 de marzo.

 

Idiota

Redrum Produccións presenta un texto malévolo de Jordi Casanovas, sementado de minas en forma de dilemas morais e acuciantes descargas de presión psicolóxica; mergúllase nos mecanismos de manipulación, nos resortes da codicia, o poder das grandes corporacións, a desinformación culpable, a capacidade da tolerancia ante o abuso de autoridade e as inconmensurables dimensións da estupidez humana, sempre ignorante da letra pequena das claúsulas que impón a vida.

Dirixido por Alex Sampaio e interpretado por Machi Salgado e Susana Sampedro.

Teatro Principal de Compostela, 6 de marzo.

 

Arlequina

Para celebrar o 40 aniversario de Os Monicreques de Kukas, a compañía anuncia un espectáculo de gran formato que combina o traballo de actor e a pantomima coa animación de marionetas, a maxia e a música en directo, nun espazo escénico polivalente e suxerente no que todos os elementos forman parte da divertida, misteriosa e trepidante aventura que supón a viaxe dunha peculiar e curiosa marioneta chamada Arlequina na busca da súa identidade, contando para iso coa axuda de Marchelinoun, vello e estrafalario artista e titiriteiro.

Teatro Principal de Compostela, 28 de marzo.

 

Running
Despois de Loló e Mamá, De Ste Xeito Producións anuncia a estrea de Running (Unha suorosa comedia) de novo con dramaturxia e dirección de Esther Carro d’Eguas, e coa colaboración de Sergio Macías, nunha vertixinosa comedia que tentará facer pensar, sentir e analizar a realidade dende o humor.

Auditorio Municipal do Concello de Vigo, 5 de abril.

 

Neorretranca e posmorriña

Este será o título da próxima produción do Centro Dramático Galego, que dirixirá Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.

Dirixida por Gena Baamonde, a reflexión sobre a identidade galega é o común denominador de ambas as obras como resultado da participación dos seus autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, coordinado polo escritor e director teatral Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.

Salón Teatro, Compostela, 11 de abril.

 

——-
Este artigo foi modificado o 9 de xaneiro para subsanar un erro: Alma (non é hippie) estréase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, non no Principal de Compostela.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

One Comment

Leave a Reply
  1. Aínda que non o creades detrás dun espectáculo de teatro con marionetas hai autores, directores, actores, etcétera e para mostra un botón:Autor
    Marcelino de Santiago Viqueira (Kukas)
    Dirección
    Isabel Rey Pousada e Marcelino de Santiago Viqueira
    Dramaturxia
    Isabel Rey Pousada
    Intérpretes
    Jorge Casas Caneiro
    Isabel Garcia Coldeira
    Borxa Insua Lema
    Marcelino de Santiago Viqueira
    Larraitz Urrozola Tolosa
    Ero Vazquez Cabrera
    Músicos de Zoar Ensemble
    Joan Ibañez
    Benjamin Iglesias
    Alex Salgueiro
    Antonio Suarez
    David Villa
    Deseños marionetas, escenografía
    Marcelino de Santiago Viqueira (Kukas)
    Composición musical
    Zoar Ensemble
    Deseño publicidade
    Isabel Rey
    Deseño iluminación
    Miguel Cabaleiro
    Construción marionetas, atrezzo e escenografía
    Borja Insua, Ero Vázquez, Kukas
    Vestiario
    Isabel Rey Pousada

    Grazas de todas maneiras por nomearnos no voso artigo. Algo é algo. Apertas

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DeputacionCoruña |

Nova convocatoria da Rede Cultural da Deputación da Coruña

Malasombra08 |

A Rede de Teatros e Auditorios inicia 2019 con 349 funcións