in

Nova convocatoria da Rede Cultural da Deputación da Coruña

DeputacionCoruña |

A Deputación da Coruña bota a andar unha nova convocatoria da súa Rede Cultural á que destina este ano máis de dous millóns de euros, Compañías, profesionais e entidades terán até o 17 de xaneiro para inscribir os seus espectáculos no circuíto cultural que conta con catro programas, “Escena ao vivo”, “Visións”, “Alicerce” e “Lingua a escena!”.

Con esta nova convocatoria, a área de Cultura da Deputación da Coruña consolida a aposta pola súa Rede Cultural que ve duplicado o orzamento do inicio do goberno. “A aposta pola Rede Cultural supón materializar o noso lema de “A Cultura é un dereito”, sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín para quen o circuíto cultural supón “levar un programa de actividades culturais de calidade a todos os concellos, contribuír á difusión dos produtos culturais e tamén afortalar o sector cultural coa creación de emprego”.

A nova convocatoria da Rede Cultural inicia agora o seu proceso abrindo un prazo para inscrición de espectáculos que se prolongará até o día 17 de xaneiro ás 14:00 horas. A solicitude de espectáculos por parte de concellos e entidades iniciarase o 27 de febreiro e rematará o 13 de marzo ás 14:00 horas.

Publicidade

A Rede Cultural arranca con catro programas con identidade propia: “Escena ao Vivo!” que acolle espectáculos teatro, monicreques, maxia, danza e música de compañías e artistas profesionais; o programa “Visións” de cinema e contidos audiovisuais tamén de categoría profesional para concellos; “Alicerce”, para a categoría non profesional e, de nova creación, “Lingua á escena!” destinado á promoción do galego a través da cultura con espectáculos específicos orientados á dinamización social da nosa lingua nas programacións dos concellos. En total, o orzamento para o ano 2019 ascende a 2.060.000 euros.

 

Para todas as compañías galegas

Por vez primeira, as compañías que participen na Rede Cultural da Deputación da Coruña poderán ter domicilio fiscal en calquera dos concellos galegos, sempre que a actuación se desenvolva nos que corresponden á Coruña.

A convocatoria incorpora tamén novidades no camiño da profesionalización da xestión cultural e da mellora das condicións de produción e distribucións dos espectáculos, tanto para o público como para as compañías e profesionais que participan na Rede Cultural.

“Os distintos programas da Rede Cultural responden a unha planificación clara destinada a ofrecer unha programación de calidade, contribuír a difundir as extraordinarias propostas artísticas que se están a producir na nosa cultura desde unha aposta polas boas prácticas na xestión cultural, que é outro dos nosos principios de actuación”, destaca Goretti Sanmartín dunha nova convocatoria da Rede Cultural que cada ano incorpora melloras do encontro coas entidades representativas dos sectores profesionais.

Despois de que o día 13 de mazo peche o prazo para que concellos e entidades soliciten os espectáculos ofertados, a resolución da adxudicación realizarase antes do 13 de abril.

A Deputación da Coruña achega o 75% do orzamento para concellos de menos de 5.000 habitantes, o 60% para os que van dos 5.000 a 10.000 habitantes, 50% para os que contan cunha poboación de entre 10.000 e 20.000 habitantes, un 40% para os que van de 10 a 50.000 e un 30% aos que superan os 50.000 habitantes.

No caso das entidades, poderán solicitar actuacións do programa “Alicerce” para os que a deputación achegará o 70% do importe do espectáculo.

Publicidade

Na pasada edición, a Rede Cultural programou case dúas mil actuacións nos concellos da Coruña converténdose tamén no principal espazo de distribución do audiovisual galego.

As bases da convocatoria pódense consultar na seguinte ligazón:

BASES REGULADORAS DA PROGRAMACIÓN DA REDE CULTURAL DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA E CONVOCATORIA PARA 2019

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Muiñada de Galeatro

‘Muiñada’ pon fin ao ciclo do CDG “Gran teatro para os máis pequenos”

DSC 0632 |

O teatro que vén en 2019