Residencias Paraíso inicia o seu terceiro ano de vida como programa de residencias artísticas de investigación e creación arredor da danza e as artes vivas contemporáneas en Galicia. Un programa que sucede grazas a unha rede de colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros de arte a facultades ou espazos non convencionais. Este exercicio de diálogo entre todas as partes –impulsores, coprodutores e espazos cómplices– é o que dota dunha identidade tan singular a este proxecto.
Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. É por isto que resulta fundamental abordar o concepto de residencia artística, entendendo esta como un espazo e un tempo adicado á investigación ou creación e, polo tanto, sen obrigatoriedade de elaboración dunha peza artística concluída.
O maior valor do programa de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros de arte a facultades ou espazos non convencionais. As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, como por exemplo a fase de investigación, a de escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica, así como residencias de carácter técnico.
Este exercicio de diálogo entre todas as partes –impulsores, coprodutores e espazos cómplices– é o que dota dunha identidade tan singular a este proxecto. Desta forma o CONCELLO DA CORUÑA, o CONCELLO DE LUGO, o CONCELLO DE NARÓN, o CONCELLO DE OURENSE, o CONCELLO DE CARBALLO, o CONCELLO DE SANTIAGO, a VICERREITORÍA DO CAMPUS DE PONTEVEDRA da UNIVERSIDADE DE VIGO e o CONCELLO DE RIBADAVIA, suman forzas para a construción desta nova edición do programa.
10 ESPAZOS COLABORADORES EN 2019
- Teatro Rosalía de Castro da Coruña
- Auditorio Municipal de Ourense
- Fundación Luis Seoane da Coruña
- Pazo da Cultura de Carballo
- Pazo da Cultura de Narón
- Vello Cárcere de Lugo
- Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta de Santiago de Compostela
- Sala X na Facultade de Belas Artes de Pontevedra
- Teatro Colón da Coruña
- Igrexa Santa María da Magdalena e/ou o Auditorio Manuel María da Casa da Cultura de Ribadavia
PERSOAS DESTINATARIAS
- Creadores/as de danza e artes vivas de creación contemporánea.
- Con maior ou menor traxectoria.
- Artistas con sede en Galicia e no resto do territorio nacional.
- Terán prioridade os/as artistas residentes no territorio galego.
- Poderán presentarse artistas seleccionados/as no programa do ano anterior, sempre e cando no sexa co mesmo proxecto seleccionado en edicións anteriores.
TEMPORALIDADE
- As residencias ocorrerán entre abril e novembro de 2019.
- A duración de cada residencia será de entre dúas e tres semanas.
- A convocatoria está aberta entre o 21 de xaneiro e o 11 de febreiro de 2019.
- A selección farase pública na web do Colectivo RPM antes do 6 de marzo de 2019 trala confirmación
cos/as artistas seleccionados/as.
OBRIGAS DOS/AS ARTISTAS SELECCIONADOS/AS
- Presentar unha memoria explicativa da estancia cun marxe de 15 días dende o final da residencia.
- Facer constar a imaxe do Colectivo RPM, da Axencia Galega das Industrias Culturais, da Xunta de Galicia e do propio espazo anfitrión no material de difusión do proxecto.
- Cumprir a normativa de uso específica de cada un dos espazos onde se realice a residencia.
- Todos/as os/as integrantes de cada proxecto seleccionado deberán estar dados/as de alta na Seguridade Social durante o período da residencia.
- Participar do encontro anual co resto de artistas seleccionados/as nunha xornada aberta ao público o 23 de novembro de 2019 na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta (Santiago de Compostela).
ENCONTRO RESIDENCIAS PARAÍSO 2019
A Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta de Santiago de Compostela acollerá o día 23 de novembro de 2019 o encontro anual de Residencias Paraíso 2018, coa participación de cada un/unha dos/as artistas residentes e dosespazos colaboradores do programa, onde compartiremos as claves de cada experiencia en residencia nunha xornada aberta ao público.
IMPORTE
- O importe total destinado para este programa é de 20.000 euros (impostos incluídos).
- Cada proxecto en residencia contará cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euros (impostos incluídos) en función das características de cada proxecto seleccionado (persoas involucradas no proxecto, duración da residencia, etc…)
- O aloxamento, desprazamento e manutención corre a cargo das persoas residentes.
- Realizarase un pagamentoo fraccionado do seguinte xeito:
– Entrega da primeira factura polo 50% do importe total durante o periodo de residencia. (*)
– Entrega da segunda factura polo 50% restante tralo encontro previsto ao final do programa con todos os/as participantes (*) e a entrega da memoria xustificativa do período de traballo (que deberá entregarse nos quince días posteriores ao remate da residencia).
(*) No caso das residencias que suceden entre abril e agosto de 2019 axustaranse as porcentaxes de pagamento de modo que a primeira factura sume o 75%, deixando o 25% restante para a segunda factura.
DOCUMENTACIÓN NECESARIA
- Formulario de inscrición online.
- Dossier de proxecto: documento cos detalles da investigación ou proxecto a realizar, nomeando, se fose o
caso, outros colaboradores ou apoios cos que conte o proxecto. - Traxectoria das persoas involucradas no proxecto con enlaces de vídeo de proxectos anteriores.
- Programación expandida: documento explicativo das propostas de diálogo coa comunidade e o espazo
anfitrión en relación ao seu proxecto de investigación ou creación. - Os documentos incluiránse no formulario de inscrición online por medio dun enlace de descarga (por
exemplo dropbox, google drive ou calquer servidor elexido que permita a súa descarga).
CRITERIOS DE SELECCIÓN
A selección dos proxectos será levada a cabo por unha comisión formada por tres profesionais das artes vivas do panorama local e nacional e dous artistas do Colectivo RPM.
Cómpre sinalar que en función dos proxectos presentados e da dispoñibilidade dos espazos algunhas residencias poderían quedar desertas.
A selección do espazo de residencia para cada un dos proxectos seleccionados pola comisión levarase a cabotendo en conta as características fundamentais de cada proxecto así como a dispoñibilidade de datas do/a artista do espazo. Aínda que non o se pode garantir en todos os casos, o criterio de adxudicación tentará proporcionar tanto a tipoloxía de espazo desexado polo/a artista como o período idóneo para a estancia en residencia.
Valorarase a integridade e innovación artística da proposta, o grao de madurez e solidez do proxecto, a relación entre o proxecto e o territorio, así como as prácticas de programación expandida que poidan arroupar a estancia durante a residencia.