Matarile Teatro estará esta fin de semana na sala Ártika de Vigo con Los limones, la nieve y todo lo demás e, a semana seguinte, na sala Ingrávida do Porriño con Teatro Invisible.
A histórica compañía Matarile Teatro comeza o año representando o seu último espectáculo na viguesa Sala Ártika. Los limones, la nieve y todo lo demás é un dúo codirixido e coprotagonizado por Mónica García e Ana Vallés, con iluminación e escenografía de Baltasar Patiño. Esta peza está colleitando un grande éxito dende a súa estrea en Oviedo o pasado mes de xulio e terá un longo percorrido en 2019, sobre todo dentro de Danza a Escena, o circuíto impulsado por INAEM-Ministerio de Cultura.
As representacións serán o sábado 26 ás 21:30 e o domingo 27 ás 20:00. As entradas están dispoñibles na billeteira da Sala Ártika ou a través da plataforma Ticketea.
Ademais, o público terá a pouco habitual oportunidade de volver a ver a Matarile a próxima semana, en que se representará Teatro Invisible na Sala Ingrávida de Porriño os días 1 e 2 de febreiro. Esta peza está protagonizada unicamente por Ana Vallés e está considerada un clásico da compañía.
Matarile Teatro é unha das compañías de referencia no teatro contemporáneo dende hai máis de 30 anos. Dende a súa creación en Santiago de Compostela en 1986 foi desenvolvendo unha linguaxe artística e un estilo propios, poñendo en escena máos de 30 espectáculos cos que acadou máis de vinte premios e mencións en distintos puntos de Europa.
Pola súa banda, Mónica García é unha actriz, bailarina e coreógrafa asturiana, Premio do Xurado no Certamen Coreográfico de Madrid, que goza dunha longa e prestixiosa traxectoria, tanto en solitario como con outras compañías.