in

Producións Excéntricas estrea unha adaptación de Rubem Fonseca

CarpeDiemCartel02 |
Carpe Diem comeza o seu percorrido polos escenarios con tres funcións no Teatro Principal de Compostela do 27 de febreiro ao 1 de marzo.

 

Carpe Diem, o novo espectáculo da compañía Producións Teatráis Excéntricas, estréase o vindeiro mércores 27 no Teatro Principal de Santiago, onde poderá verse ata o venres 1 de marzo dentro da programación que ofrece este espazo como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Tras a estrea o mércores 27, poderá verse de novo o xoves 28 de febreiro e o venres 1 de marzo, ás 20:30. Ademais, ao remate da representación do día 27, haberá unha posfuncion, actividade do Club C! mediante a cal, unha vez cae o pano, os e as convidadas, persoas con relación coas temáticas tratadas na peza ofrecerán o punto de vista práctico, o que “quere dicir” a obra. Tras iso, o debate estará aberto ao público asistente e ao elenco.

En Carpe Diem, Producións Teatráis Excéntricas leva ás táboas, por primeira vez en Galicia, unha obra do autor e cineasta brasileiro Rubem Fonseca, considerado o meirande escritor vivo en lingua portuguesa. Premio Camões, Fonseca estendeu o seu talento sobre o xénero policial que, a pesar de ser considerado literatura de consumo, no seu caso brilla á hora de ofrecer unha visión distante e sen piedade da condición humana.

A adaptación deste relato combina o cinismo, a intriga e o ritmo característicos do seu autor nunha historia que arranca a modo de anécdota cinematográfica: unha muller e un home coñécense nunha previsible festa de fin de ano e comezan unha relación adúltera.


Publicidade

Dous amantes nun motel barato soñando vinganzas en París, interpretados por Maria Costas e Marcos Vieitez; un músico Mon Orencio (Mister Cool) que tocando ao vivo bossa nova e cool jazz, ennobrece e atenua o escaldante drama; un narrador, o actor de comedia Victor Mosqueira, presta a súa voz a Rubem Fonseca; e a luz do cinema, ao proxectarse no escenario, deixanos soñar que podemos ser Belmondo e Moreau, Grant e Kelly. A dramaturxia e dirección está na man de Quico Cadaval, que paga unha debeda con Fonseca, un dos seus autores de cabeceira.

O espectáculo tira de dúas linguaxes máis: a musical e a cinematográfica, multiplicando o xogo de espellos que é toda obra de arte. Podemos decir que o xogo é a cuatro, como nun ring. Loitan e enamoran a narración , a interpretación, a música e o cinema. O dispositivo non é gratuito, o cinema é o grande protagonista desta peza teatral, da mesma forma que frecuentemente, o teatro é protagonista de algún filme.

A venda anticipada de entradas para as tres funcións en Compostela, todas elas programadas ás 20:30, está operativa no web www.compostelacultura.gal. A continuación, o espectáculo iniciará o seu percorrido polos escenarios galegos, dentro do que xa ten confirmadas representacións o 31 de marzo no Cine Elma da Pobra do Caramiñal, o 7 de abril no Teatro Principal de Ourense, o 3 de maio no Auditorio Municipal da Illa de Arousa e o 9 de xuño na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Tolitates |

Comeza o Titerentroido de Lalín

JanetNovasMercedesmaiseu |

O TRCDanza da Coruña afondará na relación entre xénero e corpos