in

Comeza o Titerentroido de Lalín

Tolitates |

O Titerentroido de Lalín, coa súa irreverencia e as súas cousas do demo, terá lugar os días 1, 2, 3 e 5 de marzo. Organizado por Viravolta Títeres en colaboración co Concello de Lalín e a Asociación de Amigos do Museo Galego da Marioneta, Titerentroido programa este ano catro espectáculos.

O venres 1, no Salón Teatro, ás 21:30, Fantoches Baj representará Auga que non vas beber…, “un recital satírico para monicreques” dunha hora de duración no que salientan diversas cantigas populares como “A saia da Carolina”, “O sermón do padre Damián” ou “O cura está malo”, entre outros cantos e contos que remiten sempre a unha memoria colectiva de transmisión oral compartida en toda a península ibérica e que o autor enlaza para contar as aventuras e desventuras amorosas do muiñeiro Xosé coa Carolina, baixo a libidinosa tutela do padre Damián, cura de Agolada, tal e como explica a propia compañía.

O sábado 2, a compañía asturiana Luz, micro y punto traerán ao Museo Ramón M. Aller, ás 19:00, On el Funambulista. On é unha marioneta que levará ao público a descubrir paisaxes sonoras e inesperados avatares. Poderase viaxar ao seu interior e acompañala na busca de seu equilibrio. On el funambulista é un teatro de sombras analóxico e artesán que utiliza como linguaxe narrativa a imaxe proxectada e a música en directo. A súa peculiaridade consiste en poder ver durante o espectáculo a montaxe de cada unha das escenas que compoñen a historia. Decorados feitos a man, materiais dun só uso para cada función e melodías interpretadas por un acordeón, un piano e un metalófono que acompañan a On ao longo de toda a obra.


Publicidade

Marionetas Trécola presentará, o domingo 3, no Museo Ramón M. Aller, ás 18:00, Tolitates. Trátase dun espectáculo sen texto, que presenta unha nova técnica de manipulación, mesturando o teatro de obxectos, marionetas de fíos, bunraku e fantoches. As marionetas e os obxectos transfórmanse así nos protagonistas da historia, substituíndo ao longo de 50 minutos as palabras pola acción e a música nun lugar máxico, ateigado de segredos e no que a figura do marionetista permanece oculta.

Finalmente, o martes 5, no Museo Ramón M. Aller, ás 12:30 e ás 18:00, Títeres Cachirulo presentará Brancaneves e os 7, recreación da historia de Brancaneves con teatro, música en directo e marionetas de mesa talladas en madeira. A trama desenvólvese ao redor dunha gran lareira na que un vello rei lembra as aventuras da súa pequena filla Brancaneves e os encontros que ela tivo cos misteriosos sete personaxes do bosque.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

DeputaciónLugo |

A Deputación de Lugo duplicará o seu apoio ao teatro profesional

CarpeDiemCartel02 |

Producións Excéntricas estrea unha adaptación de Rubem Fonseca