in

O TRCDanza da Coruña afondará na relación entre xénero e corpos

JanetNovasMercedesmaiseu |
TRCDanza, o programa do Teatro Rosalía de Castro da Coruña que afonda na visibilización e posta en valor das artes do movemento, comeza esta semana. Nesta ocasión, serán 14 os espectáculos que se representen, entre os que haberá propostas de gran e pequeno formato, iniciativas experimentais, así como figuras consolidas ou novas e novos creadores, ademais dunha grande presenza de espectáculos realizados en Galicia.

 

O ciclo comezará o vindeiro venres, 1 de marzo e estenderase até o sábado 21 de decembro. Tal e como apuntou o director do Teatro Rosalía Castro, Xosé Paulo Rodríguez, esta edición afondará, en moitos espectáculos, na reflexión sobre xénero e os corpos.

A primeira das pezas será Alma (non é hippie), unha estrea producida polo colectivo Verticalia co apoio de Pistacatro, que se basea na construción circense e danza vertical. O seguinte espectáculo chegará o sábado, 16 de marzo, da man de Paula Quintas. En Plastic a artista aborda a idea do elemento plástico, como obxecto envolvente, así como dos corpos de plástico, “como dunha Barbie, e da liberación dese envoltorio que pode ter a muller “, explicou Rodríguez. Contra final de mes, o día 31, terá lugar a segunda incursión do Harmatan Festival Nómada de Cultura Africana na programación municipal. Igual que no ciclo Principal de teatro, nesta ocasión, ofrecerase PerfomerS, un espectáculo da compañía de danza contemporánea Auguste-Bienvenue de Burkina Faso.

Xa no mes de abril, o día 27, nunha data próxima á efeméride do Día da Danza (29 de abril), o TRC programa A Gala, un proxecto de Licenciada Sotelo sobre a figura de Maruja Mallo. Trátase dunha peza viva que vira ao redor do traballo de tres intérpretes, como son a propia Nuria Sotelo, Cristina Vilariño e Rebeca Carrera. Dúas semanas despois, o sábado 11 de maio, chegará a proposta experimental Mercedes máis eu, un proxecto de colaboración “entre dúas grandes artistas”, segundo apuntou o director do Teatro Rosalía, como son a artista Janet Novás e a compositora Mercedes Peón, e no que ambas exploran as relacións particulares entre a música e a danza. Finalmente, o xoves 16 de maio, a compañía de Fran Sieira presenta unha relectura da música tradicional, como é Entresoños, unha obra de baile tradicional galego no marco da danza contemporánea, e que conta coa música orixinal de Anxo Pintos.

Despois do período estival, o 14 de setembro presentarase o resultado do traballo que desenvolveron tres compañías ao longo das Residencias Paraíso 2018, no marco denominado Oasis Paraíso, “no que se abriu o Teatro como espazo para a investigación e a creación”, explicou Rodríguez. “Agora abrimos unha nova xanela para que se vexa que aconteceu con estes tres proxectos”: Illas desertas, da compañía ArtesaCía –conformada pola actriz Laura Villaverde e o artista visual Roi Fernández–, Sobre o concepto do tempo, de Marco Antonio Regueiro, e Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, de Gena Baamonde.

O sábado 5 de outubro terá lugar a presentación de Happy Island, unha coprodución de gran formato “que nace da colaboración entre dous polos moi importantes da danza contemporánea”, explicitou Rodríguez, como son a artista La Ribot e a compañía de danza inclusiva do Funchal Dançando com a diferença. A proposta, que integra no seu elenco a persoas con diversidade funcional, chega á Coruña logo de visitar numerosos teatros de toda Europa.

Despois da visita de La Ribot, outro gran nome da danza contemporánea pasará polo Teatro Rosalía Castro. Será Sol Picó, Premio Nacional de Danza 2016, que presentará o venres 25 de outubro Dancing with frogs, un espectáculo de gran formato centrado na investigación sobre o xénero e que analiza o mundo da masculinidade. Á semana seguinte, o xoves 31 de outubro, a compañía galega Matarile Teatro dará a coñecer a súa peza Los limones, la nieve y todo lo demás, un traballo creado e interpretado por Mónica García e Ana Vallés que presenta múltiples referencias de pensamento e filosofía vinculadas á Roberto Bolaño, Friederich Nietzsche ou María Muñoz, entre outras.

A danza neoclásica tamén terá o seu espazo na nova edición de TRCDanza, e chegará da man de Titoyaya Dansa o venres 15 de novembro con Carmen.maquia, unha versión contemporánea do clásico de Merimée que mantén íntegro o seu argumento e que “é unha peza de referencia no repertorio internacional, presente en moitas salas americanas e europeas”, segundo apuntou o director do Rosalía. Pechará a programación deste mes Likes, unha peza de danza contemporánea ideada por Núria Guiu Sagarra na que reflexiona sobre o uso do corpo e o xénero, tanto no caso de homes coma de mulleres, a través das redes sociais.

Xa no mes de decembro, o xoves 5, Jaiotz Osa e Xabier Mujika presentarán Suddenly III, unha obra visual que reflexiona tamén sobre o xénero e o rol dos homes. Por último, o sábado 21, a compañía afincada en Madrid Kor’sia presentará The Lamb.

 

Programación Expandida


Publicidade

Como é habitual, o ciclo TRCDanza complementarase do Proxecto da Programación Expandida, unha iniciativa de mediación cultural que procura poñer en valor e achegar as artes da danza e do movemento á cidadanía a través da creación de espazos de relación entre as e os artistas participantes no ciclo e a veciñanza. “Estamos a falar dun proxecto moito recoñecemento en todo o Estado, e que foi presentado en múltiples foros como exemplo de boas prácticas de cara a creación de novos públicos”. salientou Paulo Rodríguez.

A coordinadora da Programación Expandida, Caterina Varela, deu a coñecer, durante a presentación do ciclo, algunhas das iniciativas que se levarán a cabo nos vindeiros meses no marco desta iniciativa, que cumpre seis anos. Así, hoxe ábrese a inscrición para a segunda edición do Taller de Públicos, impartido por ela mesma e Sabela Mendoza, unha iniciativa posta en marcha o pasado ano co obxectivo de achegar, a través de contidos teóricos e prácticos, o mundo da danza e da creación contemporánea á veciñanza a través do seguimento continuado das propias pezas que forman parte do programa de TRCDanza. Este obradoiro é gratuíto, pero conta cun límite de prazas, polo que para poder participar será necesario realizar a inscrición previa a través do web do Proxecto de Programación Expandida, www.pe-trcdanza.gal.

Ademais deste Taller de Públicos, Varela avanzou que a primeira das accións expandidas deste ano terá lugar o mércores 13 de marzo, de 17.00 a 19.00 horas, co alumnado da Escola de Artes e Superior de Deseño Pablo Picasso. Nesta intervención participará Paula Quintas, creadora do espectáculo Plastic que presentará, á tarde seguinte, no Teatro Rosalía Castro.

 

Entradas

Por segundo ano consecutivo, o ciclo TRCDanza ofrecerá a posibilidade de contar con bono que ofrece descontos progresivos. Logo de comprar catro entradas de catro espectáculos diferentes, recibirase unha entrada gratuíta para a quinta función. Co mesmo abono, ao mercar outras catro entradas de outros catro espectáculos, ofrecerase un novo billete gratuíto para unha nova representación. Finalmente, todas aquelas persoas que asistan aos 13 primeiros programas, poderán asistir á última sesión –The Lamb, 21 de decembro– de xeito gratuíto.

 

FITEUC

Como é habitual, TRC Danza e o Teatro Rosalía Castro tamén colaboran con FITEUC Danza, o encontro de danza universitaria promovido pola Universidade da Coruña, no que se comparten as propostas artísticas de diferentes aulas de danzas. Nesta ocasión, o 25 de abril, actuarán sobre o escenario do equipamento municipal a Compañía de Danza USCompostela, DOUTRAS– Universidade de Vigo, Campus de Ourense– e DANZA NORMAL da UDC. O acceso será libre até completar a capacidade do recinto.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CarpeDiemCartel02 |

Producións Excéntricas estrea unha adaptación de Rubem Fonseca

ESAD5 |

A ESAD de Galicia convoca o VI Premio “A Pegada de Microdramas”