in

Nova edición do roteiro María Casares na Coruña

Roteiro |
sdr
O historiador Emilio Grandío e a investigadora María Lopo guiarán a ruta polas rúas da Coruña, mentres que Mabel Rivera e Gonzalo Uriarte lerán textos da propia María Casares e de Santiago Casares Quiroga

 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) lembrará a figura de María Casares coa organización dun roteiro polas orixes familiares da actriz na Coruña. Deste xeito, a AAAG celebra por segundo ano consecutivo esta iniciativa tras o éxito de asistencia rexistrado o ano pasado, cando se esgotaron as prazas e houbo que celebrar unha nova convocatoria non prevista.

Neste 2019, o roteiro desenvolverase o vindeiro sábado 16 de marzo, día no que se celebrarán dúas quendas diferentes. A primeira, pola mañá, partirá da Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panaderas, 12) ás 11:30 e a segunda, xa de tarde, sairá do mesmo recinto ás 16:30. O roteiro estará guiado polo historiador Emilio Grandío e a investigadora María Lopo e contará, como gran novidade, coa participación do actor Gonzalo Uriarte, quen se encargará de ler diferentes cartas que Santiago Casares Quiroga escribiu á súa filla, María Casares. Pola súa banda, Mabel Rivera repetirá este ano poñéndolle voz á propia Casares ao ler fragmentos das súas memorias Residente Privilexiada.

A duración do roteiro estímase nunhas dúas horas aproximadamente e o itinerario incluirá paradas por diferentes rúas do centro da Coruña cun significado especial na vida de María Casares. O roteiro do sábado 16 de marzo conta cun total de 25 prazas para a sesión da mañá e outras tantas para a sesión de tarde. A inscrición é gratuíta, realizarase a través do formulario da páxina web da AAAAG (www.aaag.gal) a partir do vindeiro luns 4 de marzo ás 12:00. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Os participantes deberán escribir o seu nome completo, un número de teléfono e un correo electrónico, ademais de especificar a cal das dúas sesións se quere asistir.

 

Os guías


Publicidade

María Lopo. Doutora en Literatura Francesa pola Universidade Rennes 2-Haute Bretagne, é autora de estudos, edicións e traducións sobre literatura francófona contemporánea, especialmente poesía francesa ou celtismo literario. Interesada polas culturas do exilio republicano e por María Casares, editou con Baía Edicións a correspondencia entre Casares Quiroga e María Casares no libro Cartas no exilio (2008) e co Consello da Cultura Galega, o volume O tempo das mareas. María Casares e Galicia (2016).

Emilio Grandío. Profesor Titular de Historia Contemporánea da USC. Especialista na II República, primeiro franquismo e transición democrática, traballa actualmente sobre a intervención exterior na península Ibérica tras a II Guerra Mundial, o exilio franquista e partidos políticos na transición democrática. Autor de varios artigos e libros sobre Casares Quiroga – como as monografías: Casares Quiroga. Discursos Parlamentarios (Ediciós do Castro, 2006) ou Casares Quiroga. La forja de un líder (Eneida Editorial, 2011)-. Responsable da musealización da Casa Museo Casares Quiroga (Concello da Coruña, 2010).

Mabel Rivera. Actriz e actual vicepresidenta da AAAG. Iniciouse no teatro na década dos setenta, formando parte da xeración pioneira que puxo o sector en marcha en Galicia. Participou na fundación do CDG, traballando na obra Agasallo de sombras en 1984. Ao longo dos anos traballou con diferentes compañías nun gran número de montaxes teatrais. Participou en multitude de series de televisión e películas, gañando en 2004 o Premio Goya á mellor actriz secundaria por Mar adentro.

Gonzalo Uriarte. Actor e primeiro presidente da AAAG. Pioneiro na profesionalización do teatro en Galicia, traballou en compañías como Troula, o Centro Dramático Galego, Teatro do Atlántico, Teatro do Morcego ou Teatro do Aquí. Entre as súas distincións, destacan galardóns como o Premio María Casares ao actor protagonista por A noite das Tríbades, o Premio Maruxa Villanueva ou o Premio de Honra Marisa Soto. A súa produción audiovisual inclúe películas como A lingua das bolboretas, O lapis do Carpinteiro ou Trece Badaladas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Las tricotouses |

Las Tricotouses presentan ‘Dance Train’ en Ferrol

theater seats |

I Premio Platta de Teatro Breve – Galicia 2019