in

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, por Carlos Santiago

theatre1179752 |
| Texto: Carlos Santiago |

 

Ser libre non é fácil. Menos en tempos nos que os fantasmas da longa noite son acirrados aquí e alá para espallar o medo e a sospeita e endurecer de novo as olladas e os corazóns da xente que ao lonxe espreita. Parece así que a vella idea da historia sempre se repetir dúas veces, primeiro como traxedia e logo como farsa, cobra nova luz nestes días que nos toca vivir. Se cadra é por iso que unha lexión de artistas vén sendo convocada ultimamente perante os tribunais para daren conta das súas sátiras e das súas impertinencias e que o tecido cultural é difamado en tribunas e medios armados en nova inquisición. Manifestemos, como xentes do teatro, a nosa perplexidade. Que ten de perigoso o teatro, e por extensión a cultura, para alentar semellante caza de bruxas?

Xa os franceses, no século XVIII, tentaron amputar o teatro do seu ferrete diabólico, e inventaran a palabra “obsceno”, literalmente “fóra de escena”, para designar todo o que debía ser excluído do palco en aras do decoro e o bo gusto, tal que homicidios, incestos, blasfemias, equívocos sexuais e toda a ladaíña de miserias morais que o teatro grego instaurou hai dous mil quiñentos anos como asunto propio do teatro. Era claro para o público grego que nin deuses nin deusas estaban libres de pecado e que, dito en grosa prosa, o espectáculo da corrupción moral das elites era o grande estímulo que enchía de xente os teatros. É por iso que aínda temos teatro, e aínda temos entroido, ese espazo de transgresión no que a cultura popular atopou a maneira de se subtraer unha vez ao ano ás imposicións narrativas do poder. Por imposicións narrativas enténdese, obviamente, o relato do que nos obrigan a ser e a pensar que somos.


Publicidade

Con todo, non contaban os franceses do século das luces co xenio inglés. A recepción na Francia ilustrada do teatro de Shakespeare, hoxe modelo por excelencia do teatro universal, foi un auténtico escándalo, pola súa mestura explosiva de altas e baixas paixóns sobre o palco. Incluso un home tan tolerante como Voltaire, non por acaso o primeiro pensador en formular os principios da liberdade de expresión e de pensamento en Europa, ficou abraiado pola selva de burlas lascivas, chistes malos e indecentes groserías das que Shakespeare rodeaba os seus versos máis brillantes. Foi Anxo Rei Ballesteros, entre nós, quen mellor esclareceu esta dialéctica entre o obsceno e o sublime, no seu magnífico ensaio sobre Hamlet, Tempo e Vinganza, como a marca da fractura temporal da que nace a propia sociedade moderna. The time is out of joint. O tempo está desgonzado. O que quere dicir, entre outras cousas, que obrigarnos a vivir e crear baixo as leis implacábeis do mercado, e ao mesmo tempo, esixirnos un comportamento rexido pola culpa interior e as censuras da moralina reaccionaria é simplemente ridículo, cando non probadamente hipócrita. Quen así o queira propor, que o propoña, a poder ser en eleccións libres e democráticas e non en libelos e tertulias de estómagos agradecidos, pero saiba que o teatro, independentemente da deriva política, fará sempre a súa sátira, como ben esixían os poetas latinos. E non porque no teatro nos asista un excepcional dereito de ser libres, senón porque o teatro é xa, de seu, un exercicio soberano da liberdade.

Dicía Pier Paolo Pasolini, un creador procesado mil veces polos tribunais de orde pública, que non escribira máis pezas teatrais porque sentía que o teatro esixía dedicarlle toda unha vida. É certo, e así o confirman as vidas de compañeiros como Xan, Ernesto, Gustavo, Mario, Xosé Lois ou Manu, que recentemente nos deixaran. Non se entrega unha vida ao teatro porque si. Hai un compromiso esencial que mantén viva a nosa paixón. E ese compromiso é precisamente o de ter a coraxe obscena de expresar o que a sociedade moitas veces non quere, ou non pode, ver nin escoitar. Sexamos pois coherentes con tal compromiso e como nos pedía o propio Shakespeare enfrontemos a nosa época tal e como ela se nos presenta. Viva o teatro e vivan os homes e as mulleres libres que o fan posíbel.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CARLOS SANTIAGO Ladiapo |

Carlos Santiago asina o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro

GEP2019 |

Escena Galega entra na organización de Galicia Escena Pro