AveLina Pérez participará na terceira edición do Torneo de Dramaturxia organizado polo Teatro Español. O 17 de maio enfrontarase a Roberto Santiago nesta peculiar competición que xorde dunha idea orixinal de Jordi Casanovas para o Festival Temporada Alta. En anteriores edicións deste torneo participaron Santiago Cortegoso e Clara Gayo.
Autora de obras como Gañaremos o pan coa suor da túa fronte, Os cans non comprenden a Kandinsky (editado pola erregueté), O día no que bicar a terra –gañadora do último Premio Abrente–, ou Ás oito da tarde, cando morren as nais –obra gañadora do último Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais–, tamén está vinculada ao teatro social, como dramaturga, directora e actriz de teatro. Participou na creación da compañía Teatro do Lume e as súas obras foron galardoadas en diversos certames, entre eles o Premio Abrente, o Premio da Audiencia do Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural, ou –precisamente– o I Torneo Dramatúrxico de Galicia, celebrado no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
Despois do éxito obtido por esta iniciativa en anos anteriores, o Teatro Español de Madrid celebra a terceira edición do Torneo de Dramaturxia da man de LAZONA. O seu principal obxectivo é fomentar a obra de dramaturgas e dramaturgos e achegalos aos e ás espectadoras nun espectáculo lúdico, interesante e que incentiva unha competitividade sá cuxa base é medrar e mellorar.
Oito obras enfróntanse en combates de dous adversarios ata dirimir quen gaña. Tres rondas: cuartos de final, semifinais e final. En cada eliminatoria leranse dous textos e o público, co seu voto, determinará o vencedor ou vencedora.
26 de abril.- Guillem Clua & Pilar G. Almansa
3 de maio.- Marilia Samper & Víctor Sánchez Rodríguez
10 de maio.- Juana Escabias & Sergio Martínez Vila
17 de maio.- Roberto Santiago & AveLina Pérez
24 de maio.- Primeira semifinal
31 de maio.- Segunda semifinal
7 de xuño.- FINAL