in

Sete espectáculos na Tempada de Teatro do Pazo da Cultura de Pontevedra

ElPrecio |

Sete espectáculos terán lugar no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra entre maio e novembro de 2019 dentro do ciclo “Tempada de Teatro”. A escolma está composta por un único espectáculo de danza, Growing Young (4 de outubro) e 6 pezas teatrais.

 

¿Quién es el Señor Schimitt? – 10 de maio ás 21:00.

O señor e o señora Carneiro cean tranquilamente na súa casa, cando de súpeto soa o teléfono. Pero os Carneiro non teñen teléfono. O misterioso interlocutor insiste en falar cun tal señor Schimitt…E o que é máis estraño aínda, os Carneiro descobren que están encerrados no interior dunha casa que non parece a súa casa: os cadros cambiaron, os libros non son os seus libros, a roupa dos seus armarios non lles pertence…O pánico apodérase de todo. O pesadelo non fixo máis que comezar.

Son seica o señor e a señora Carneiro, sen sabelo, o señor e a señora Schimitt? Quen está tolo? Quen está en posesión da verdade? El? Ela? Os “outros”? O espectador? Quen é o señor Schimitt?

Director: Sergio Peris-Mencheta
Autor: Sébastien Thiéry
Elenco: Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Armando Buika, Xabier Murúa, Quique Fernández.
Unha produción de Barco Pirata Producciones.

 

Viejo amigo Cicerón– 27 de setembro ás 21:00.

Josep María Pou poñerase na pel dun Cicerón consumido polo seu desexo de inmortalidade e o seu anhelo de marcar a posteridade coa súa traxectoria vital. O aspecto familiar e cotián atópase co pensamento político e filosófico nesta peza de nova creación, que ofrecerá unha profunda reflexión dramática sobre a realidade política, social e cultural da historia universal.

Director: Mario Gas
Autor: Ernesto Caballero
Elenco: José María Pou, Miranda Gas, Bernat Quintana.
Unha coprodución do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e o Teatre Romea de Barcelona.

 

Growing Young – 4 outubro ás 21:00.

Growing young é unha homenaxe ao espírito que move a alma de Dantzaz: en crecemento constante, sen perder a enerxía, a curiosidade, a inocencia e a desenvoltura da mocidade, conectados a un grupo en constante cambio e cunha identidade permanente. É un abrazo cariñoso para dúas persoas que encarnan á perfección este espírito, Branca Razquin e Jean- Paul Dunand, os nosos dous “novos” fotógrafos que nos contaxian coas súas ganas de vivir, a súa enerxía renovada cada día e a súa mirada curiosa e inquieta.

Creadores: Itzik Galili, Janis Claxton, Daniele Ninarello, Wubkje Kuindersma
Directora artística: Adriana Pous
Director técnico: Alberto Arizaga (Eragin Stac)
Director xeral: Fernando Sáenz de Ugarte
Bailaríns: Pauline Bonnat, Riccardo Ciarpella, Karlijn Dedroog, Ioritz Galarraga, Thijs Hogenboom, Juliana Javier, Miren Liceaga, Fernando Luis, Jean-Baptiste Prieur-Capdevielle, Iker Rodriguez, Teresa Royo, Iker Sanz e Olaia Valle.
Unha produción de Dantzaz

 

El precio – 20 de outubro ás 21:00.

Dous irmáns reencóntranse no faiado da casa familiar despois de 16 anos sen falarse. En breve, a casa debe ser derrocada e, Víctor, un humilde policía a piques de retirarse, e a súa muller Esther convocan ao irmán maior, Walter, cirurxián de éxito, a un encontro co taxador para decidir o prezo dos vellos mobles familiares. Están no faiado, examinando os obxectos depositados baixo unha capa de po, pero estes vellos trastes non son o único que hai na casa: tamén hai unha chea de recordos, pantasmas que farán pensar aos protagonistas en como poderían ser as cousas se, en certo momento, tomasen outras decisións.


Publicidade

Directora: Sílvia Munt
Autor: Arthur Miller
Elenco: Tristán Ulloa, Gonzalo de Castro, Eduardo Blanco, Elisabet Gelabert.
Unha produción de Teatro Kamikaze.

 

Play off– 25 de outubro ás 21:00.

Play off é unha traxicomedia de Marta Buchaca que transcorre no vestiario dun equipo de fútbol feminino. As protagonistas son mulleres novas que adoran a súa “profesión”, apaixonadas e ambiciosas. A obra reflexiona sobre o papel da muller e o deporte feminino nunha sociedade que aínda manifesta un machismo feroz en moitos ámbitos.

Play off acontece nunha tarde, o partido máis importante da vida das nosas protagonistas. No vestiario aflorarán as envexas, os soños, as dúbidas e os medos dunhas rapazas que o único que queren e vivir a súa paixón.

Director: José Luís Arellano García
Autora: Marta Buchaca
Elenco: Cristina Bertol, Neus Cortés, Ana Escriu, Yolanda Fernández, Cris Gallego, María Romero, Cristina Varona.
Unha produción de La Joven Compañía.

 

Perfectos desconocidos – 15 novembro ás 21:00.

Un grupo de amigos de toda a vida queda para cear, alguén ten algo que contar… Un deles propón un xogo: compartir as mensaxes e chamadas dos seus móbiles durante a cea. Alguén ten algo que ocultar? Xogamos?

Director: Daniel Guzmán
Autor: Paolo Genovese
Elenco: Alicia Borrachero, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Elena Ballesteros, Jaime Zataraín, Inge Martín, Ismael Fristchi.
Unha produción de Pentación, Milonga e El Niño.

 

Muerte en el Nilo – 22 de novemebro ás 21:00.

Unha historia de amor obsesivo. Por iso non envellece e por iso é a mellor de todas.

Agatha Christie escribiu 66 novelas, escribiu relatos curtos e obras de teatro, pero un título sobresae por encima do resto. Un título que non só evoca morte, misterio, aristocracia e asasinato, se non que evoca amor, paixón e mocidade perdida. E aí reside o segredo de por que Morte no Nilo nos esperta un sorriso. É o sorriso cómplice do que amou e do que pensou que podería facer ou perder todo por amor. Porque Morte no Nilo é, por encima de todo, un relato de amor. Con todas as luces e sombras e todos os significados que esa palabra comporta. Con toda a súa beleza e toda a súa miseria. É á fin e ao cabo o retrato da alma humana.

Director: Víctor Conde.
Autora: Agatha Christie
Elenco
: Pablo Puyol, Adriana Torrebejano, Cisco Lara, Ana Rujas, Ana Escribano, Miquel Garcia Borda, Sergio Blanco, Lorena de Orte, Paula Moncada, Dídac Flores.

 

As entradas estarán á venda anticipadamente a partir de hoxe, xoves 11 ás 12:00.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PrimaveraEnDanza2019 |

Primavera en Danza volve a Carballo

NEP sinfonia 02 |

O CDG inicia os domingos de conciliación de ‘Neorretranca e Posmorriña’