A Mostra de Teatro de Cangas outórgalle este galardón á veterana compañía e o Premio Mulleres en Acción á cantante Ses polo seu discurso a prol da igualdade.
Dous son os premios que a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) entrega cada ano. Nesta 36ª edición, o Premio Xiria ao Labor Teatral será entregado á compañía Os Monicreques de Kukas. A directiva destaca o “seu intenso labor artístico e teatral que, ao longo de 40 anos, abriu anovadores camiños tanto coa creación de inusitadas marionetas e monicreques como coa importante difusión, en lingua galega, dese particular universo que supuxo unha auténtica revelación para nenas, nenos e público adulto deste país”. A MITCFC considera que este premio é sobradamente merecido porque actualmente “son un indiscutible referente”.
Este ano 2019, Os Monicreques de Kukas celebran o seu 40 aniversario coa estrea do espectáculo Arlequina.
O segundo dos galardóns é o Premio Mulleres en Acción, que este ano recae na cantautora María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés. A artista recibirá o galardón o día da inauguración da XXXVI MITCFC, o venres 28 de xuño ás 22.30 horas, no Auditorio Municipal.
A dirección da Mostra outórgalle este premio “en recoñecemento ao seu espléndido labor artístico, compromiso e discurso a prol da igualdade e empoderamento das mulleres, labor que a converte, ao noso entender, nun referente para centos de nenas e nenos que tanto necesitan exemplos de mulleres libres que non hipotecan o seu éxito artístico a unha imaxe sexualizada ou estereotipada de si mesma senón á súa música e ás súas ideas”.
Os monicreques de Kukas
No ano 1979, Marcelino de Santiago e Isabel Rey fundan Os Monicreques de Kukas, a compañía de teatro de marionetas máis antiga de Galicia e unha das máis estables do teatro galego. Participan habitualmente nas programacións das redes de Galicia, España e en festivais internacionais.
Nestes 40 anos de existencia teñen sido convidados por entidades como o Centro Dramático Galego, IGAEM – Xunta de Galicia ou o Festival de Ópera da Coruña para crear espectáculos de gran formato como O Mariscal, Unha noite no Pórtico do Paraíso, Galiza Máxica ou A Frauta máxica no maxín.
No ano 2001 comezan a súa colaboración coa Real Filharmonía de Galicia, encargándose da parte escénica de obras musicais como O Retablo de Maese Pedro, O Carnaval dos Animais, San Nicolás ou O Castelo da Rocha Vella, dirixidos por Antoni Ros Marba e Maximino Zumalave.
As súas marionetas están en coleccións e museos como o Museo Galego da Marioneta de Lalín ou o Centro de Documentación de Títeres de Bilbao e cedidas ao Museo do Teatro de Almagro e o Parque Temático dos Pobos de España de Kintetsu, en Xapón.
O seu traballo no mundo dos monicreques centrouse na creación de novos prototipos de marionetas, e na dignificación e promoción entre todo tipo de públicos desta arte.
No 2017, o Concello de Santiago de Compostela aprobou establecer un convenio de colaboración coa compañía para crear a Casa dos Monicreques, que albergará todo o patrimonio material e inmaterial, para a súa exhibición, musealización e estudio.
Premio Mulleres en Acción
Sés é un dos fenómeno dos últimos anos da música galega. Cunha carreira que non parou de medrar desde que publicou o seu primeiro disco en 2011, Admirando a condición, a artista triunfou en Galicia e máis aló grazas á súa proposta ecléctica que vai do rock ao blues pasando pola canción de autor latinoamericana, con espazo tamén para a alma de ‘cantareira’ que hai no seu interior. É habitual de todos os auditorios galegos, alén das principais salas de Bilbao, Madrid ou Barcelona, ademais de moitos festivais da Península.
Sés (A Coruña, 1982) é unha cantora galega de orixe bergantiñá que comezou na música tradicional. En 2007 creou canda outros tres amigos o grupo Chámalle Xis!, que se convertiu no grupo revelación daquel ano ao gañar o concurso Acoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón.
Dous anos despois do seu primeiro disco, sae á venda Co xenio destrozado (2013), seguido por Tronzar os valos (2015), Opoñerse á extinción (2016) e Readmirando a condición (2018, unha re-gravación do seu primeiro álbum).
Sés vén de publicar Rabia ao Silencio (Altafonte, 2019), un traballo acústico, máis íntimo e directo do que acostuma, con xoias musicais que ao longo do século XX chegaron de ultramar (Cuba, Arxentina, Brasil…), mais tamén de diferentes puntos da Península Ibérica, na voz de Carlos Puebla, Víctor Jara, Mercedes SoSa ou Zeca Afonso. Cancións adaptadas á nosa lingua que foron, no seu momento, semente ou crónica dos grandes movementos sociais do século XX, cancións que exemplifican a pluma e a voz profundas, humanas e solidarias.
Actualmente, Sés xa está a gravar un álbum que publicará a comezos de 2020.