in

Celebrando o Día Internacional da Danza

DaTeDanzaAkari |

O Día Internacional da Danza celébrase o 29 de abril dende que fora establecido en 1982 polo Comité Internacional da Danza do Instituto Internacional do Teatro (ITI). Esta data conmemora o nacemento (en 1727) de Jean-Georges Noverre, bailarín e mestre considerado o creador do ballet moderno. Co gallo da súa celebración, hai previstas varias actuacións e programas especiais ao longo destes días:

O Concello de Vigo programa unha fin de semana con tres espectáculos diferentes.

  • O venres 26, ás 21:00, a compañía de Daniel Abreu presenta La desnudez, un espectáculo que obtivo tres galardóns na última edición dos Premios Max (Mellor Espectáculo de Danza, Mellor Intérprete Masculino de Danza e Mejor Coreografía). La desnudez é unha proposta poética sobre o saber quererse, sen xuízos; dúas persoas en escena (o propio Daniel Abreu e a bailarina Dácil González), apuntan unha idea de polaridade e unha viaxe dende a morte ao amor, acompañados nesa viaxe pola música en directo de Hugo Portas. A obra está a realizar unha pequena xira por Galicia esta semana.
  • O sábado 27, ás 21:00, Paula Quintas presentará Plastic, un espectáculo que propón a recuperación da memoria corporal desde dentro cara fóra. Cómo emanan substancias desde o noso interior e as podemos trasladar a un código plástico – estético e conservalo? Partindo do corpo como contedor, como si dunha Barbie se tratara, ese plástico como contedor que perdura ao longo do tempo, inmobilidade corporal desde o baleirado.
  • Finalmente, o domingo 28, ás 18:00, será a quenda de Da.Te Danza co espectáculo Akari, unha obra sobre a luz que investiga as súas propiedades e a súa particular forma de viaxar polo aire. A luz, a penumbra, a sombra e a escuridade. Amosa a necesidade que sentimos de aproximarnos a un raio de luz para quentar a nosa pel e por que todos pechamos os ollos ao facelo.

 

En Compostela, pola súa parte, a programación comeza hoxe e esténdese ata o luns:

  • Hoxe, xoves 25, a comapñía de Fran Sieira presentará EntreSoños, (Teatro Principal, 20:30) unha obra de baile e música tradicional galega de 70-80 min de duración, cun elenco artístico de 3 bailadores/cantadores: Fran Sieira, Aida Tarrío e Xisco Feijoó, ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Anxo Pintos, todo isto dentro de un marco escénico deseñado por Luis Perdiguero (escenografía e iluminación) e desde unha visión contemporánea a través dos ollos do codirector David Vilariño (bailarín contemporáneo e coreógrafo).
  • O venres 26, Elahood presentará La soledad de Wally (Teatro Principal, 20:30), unha produción de danza urbana, que consta de 4 pezas individuais unidas por unha temática común, pero exploradas desde diferentes puntos de vista, e codirixida por Sabela Domínguez e Julia Laport.
  • O sábado 27, será a compañía de Daniel Abreu con La desnudez, na súa xira, quen se presente no Teatro Principal ás 20:30.

Haberá tamén un obradoiro de danza urbana (Elas tamén bailan) con perspectiva de xénero, unha actividade impartida polas compoñentes da compañía Elahood en relación ao espectáculo La soledad de Wally, cun primeiro repaso sobre a orixe do mesmo e a danza urbana dende a perspectiva das mulleres creadoras. Ademais, as funcións do Teatro Principal haberá sesións de Posfunción do Club C!: persoas con relación coas temáticas tratadas nas pezas ofrecerán o punto de vista práctico, e, a partir de aí, o debate estará aberto ao público asistente e aos elencos artísticos.

  • Ademais, o mesmo día 29, a Deputación da Coruña conmemora o Día da Danza co programa Danza en Tránsito, que levará a danza ao aeroporto e as estacións de tren e autobús de Compostela, co obxectivo de achegar a cidadanía á danza. Inclúe no seu programa profesionais da danza contemporánea, swing, performance, break dance, street dance, danza tradicional, danza acrobática e danza inclusiva como Traspediante, Compañía IO, Vella Escola, Can Cun Quinqué, Fundación Down · USC e Cantigas e Agarimos. A iniciativa finalizará cunha instalación onde o público poderá bailar no seu tránsito e así celebrar este día coa danza. (Máis información sobre Danza en Tránsito, aquí).

 

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña inclúe a celebración dentro do programa TRC Danza que desenvolve durante todo o ano e que, o sábado 27, ás 20:30, terá o último espectáculo da compañía Licenciada Sotelo, A gala, como protagonista: unha obra inspirada na figura e na obra de Maruxa Mallo para a que a coreógrafa Nuria Sotelo se rodea doutras artistas como as galegas Cris Vilariño, Andrea Quintana e Laura Iturralde ou a andaluza Rebeca Carrera.

 

Por Ourense, hoxe mesmo (Auditorio Municipal, 20:30), tamén pasará Daniel Abreu con La desnudez, abrindo a xira por Galicia.

 


Publicidade

En Arteixo, o sábado 27 (Pazo da Cultura, 20:30) La Macana presenta o seu último espectáculo, Pink Unicorns, un espectáculo no que un dos compoñentes da compañía, Alexis Fernández, comparte escenario co seu fillo de catorce anos.

 

Narón aposta pola danza para os máis cativos con Euria, unha obra infantil de danza a cargo da compañía Markeliñe que gañou o premio FETEN 2017 ao mellor espectáculo (Pazo da Cultura, domingo 28, ás 18:00).

 

Tamén Ferrol dedica aos máis pequenos a celebración do día da danza con Gaia, da compañía Entremans, unha obra que afonda nun tema de suma importancia: o noso planeta. Un percorrido singular no que a pintura, a música, o audiovisual e a danza axúdannos a descubrir e comprender a intensidade, o poder, e a beleza das características do noso planeta e os seus tesouros naturais. Será no Teatro Jofre, o domingo 28, ás 18:00.

 

Mención aparte merecen dous concellos que dedican sendos ciclos á danza nestas datas. En primeiro lugar Carballo, cuxa Primavera en Danza comeza o venres 26 con Entresoños, de Fran Sieira e se estende con cinco espectáculos máis ata o 12 de maio: Pink Unicorns, de La Macana; Plastic, de Paula Quintas; La desnudez, de Daniel Abreu; Gaia, de Entremans, e un peche especial coa agrupación coruñesa Xacarandaina, que está a celebrar os seus corenta anos de historia. (Máis información sobre o Primavera en Danza, aquí)

 

Finalmente, a Semana de Danza de Lugo comeza hoxe con Pink Unicorns de La Macana e esténdese ata o 14 de maio con diversas actuacións de danza tradicional e contemporánea. Máis información e programa, aquí.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

LaSeccion |

Comeza a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

dance 591154 |

Mensaxe do Día Internacional da Danza 2019