As rúas da vila acollerán tres concertos, representacións de monicreques, espectáculos itinerantes e a sesión golfa de Theatre Jaleo.
O XX Festival Internacional de Títeres de Redondela celebra o Día das Letras Galegas cun extenso programa composto por 25 actividades en todos os recunchos da vila, e que inclúe espectáculos itinerantes, funcións de rúa, espectáculos de sala, a exposición de Viravolta Títeres e ata unha sesión golfa no teatro portátil instalado no Mercado do Gando.
A xornada arrancará ás 12:00 coa apertura dos xogos tradicionais na Carpa da Pista da Xunqueira, que tras unha pausa de 14:00 a 17:00, prolongarase ata as 21:00. Pero o verdadeiro pistoletazo de saída da xornada será ás 12:30, no que os belgas de Les Contes d’ Asphaldt percorrerán a rúa Afonso XII ata os Soportais co itinerante Octaaph, un grande esqueleto de ave que cobra vida movido por unha plataforma móvil. Xa pola tarde, a compañía composta por Stef Vetters e Anne Vanharen volverán sacar a súa marioneta xigante pola Alameda ás 18:30 e dende a Praza da Torre ata Afonso XII ás 21:00.
Outro dos espectáculos itinerantes que percorrerá as rúas este venres é ‘Granujas a todo ritmo dos cántabros MG Producciones. Esta montaxe, composta por dous enormes monicreques e unha banda de música, poderá desfrutarse ás 18:30 polo Paseo da Ribeira ata Afonso XII e en sentido inverso ás 22:15.
Ás 19:00, os protagonistas do percorrido da Praza da Torre ata o Paseo da Ribeira serán os clásicos Caballs de Menorca, de Tutatis Teatre. Unha recua de cabalos ao trote que recrea a animalidade primitiva destas bestas e recupera o peso da tradición nunha representación contemporánea.
Monicreques nas rúas
Os galegos de Trompicallo Títeres traerán o seu Jiñol á Carpa da Praza do Concello ás 13:00, cunha proposta tradicional de teatro de luva, e que se poderá desfrutar no mesmo emprazamento pola tarde, cunha sesión única ás 18:00.
A representación internacional das funcións de monicreques de rúa terá como protagonistas a Ocelot Teatro, de El Salvador, e aos arxentinos de Pizzicato Títeres. O salvadoreño Jorge Amaya contará a Historia de un huevo perdido no Salgueiral ás 17:30 e ás 20:30; mentres que Gerardo Biando escenificará El Caballero sin caballo no Campo da Petanca ás 18:00 e ás 21:00.
Teatro portátil no Mercado do Gando
O teatro portátil de Theatre Jaleo, recén chegado de Francia, albergará nesta xornada dúas funcións do seu Edén, un cabaré protagonizado por unha bailarina e sete monicreques, e que se poderá desfrutar ás 20:30 e ás 23:00 – sesión golfa- cun prezo único de 5€.
Moita música e tres concertos
A música non deixará de soar en toda a vila na xornada do venres. A Turres Band porá a nota musical ás 14:00 nos Soportais do Concello, ás 17:30 en Afonso XII, ás 20:00 na Alameda e ás 22:15 no Paseo da Xunqueira, co seu habitual estilo festeiro que xa é un clásico do Festival. Ademais, para festexar a 20ª edición, ás 20:00 arrancarán outros dous concertos en diferentes puntos da vila. A Gramola Gominola fará cantar e bailar aos máis pequenos na Casa da Torre coa presentación do seu disco Bravas, o rexurdir da luz e o grupo redondelán Relámpago fará vibrar a ritmo de Rock o Paseo da Xunqueira.
Compañías de Aragón e Galicia en sala
A programación do Día das Letras Galegas tamén pasará polo Auditorio do Multiúsos da Xunqueira. Ás cinco da tarde, a compañía aragonesa Títeres sin cabeza escenificará Recreo, dirixida ao público infantil, mentres que xa ás 21:00, Cinema Sticado subirá ás táboas con Fin de tempada, indicada para maiores de 14 anos.
Nesta montaxe, a compañía galega xoga coa súa cacharrada analóxico-dixital para compoñer películas en directo ante os ollos do espectador. Unha función de títeres en miniatura que mediante un sistema de cámaras, irá proxectándose nunha pantalla, como se dun filme se tratara.
As entradas para as funcións de sala teñen un prezo de 6€ adultos e 4€ nenos, e poderanse mercar na billeteira do Multiusos dende unha hora antes, no caso das funcións das 17:00, e dende as 19:00 para as sesións de noite. Coma sempre, ata non completar o 50% do aforo, poderanse adquirir billetes para calquera representación. Tamén no Multiúsos, pero desta volta na sala de exposicións, poderá visitarse gratuitamente a mostra “Marionetas do mundo. Un mundo de marionetas” de Viravolta Títeres.