in

O Concello de Lalín confía en manter aberto o Museo Galego da Marioneta

MusoGalegoMarioneta03 |

A concelleira de Cultura de Lalín, Lara Rodríguez Peña, laiouse onte polo comunicado dos compoñentes da compañía Viravolta no que puñan fin ao proxecto do Museo Galego da Marioneta, pola falta de compromiso das institucións en consolidar o proxecto. Rodríguez Peña lamentou a conxuntura mais mostrou a súa “máxima confianza en que a situación sexa reversible”.

Rodríguez Peña lembrou que a compañía asinou un convenio co Concello que ten vixencia até 2024 e que, polo menos até esa data, debe manterse a exposición no Pazo de Liñares. A concelleira declarou que «xa están sentadas as bases para dotar de entidade xurídica ao Museo Galego da Marioneta e inscribilo no Sistema Galego de Museos (Muga), un requisito legal que garantirá a viabilidade do proxecto e que lle permitiría acceder ás axudas públicas para ter plena autonomía».

A responsable de Cultura tratou de argumentar a preocupación do Concello por superar os atrancos legais aos que alude Viravolta e insistiu en que o goberno municipal leva dende o principio da lexislatura buscando fórmulas para a xestión do espazo. Lembrou que, en 2016, o Concello destinou 3.000 euros para o anteproxecto museolóxico, un paso previo e necesario para elaborar o plan museolóxico que permita dotar de entidade xurídica aos seus fondos, e subliñou que hai unha partida de case 50.000 euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación para cumprir cos compromisos asinados no convenio.

Publicidade

A concelleira explicou que o pasado agosto se catalogaron as pezas do Museo e lembrou que hai 90.000 euros en fondos da Deputación para a exposición permanente e outros 20.000 para novas adquisicións. Segundo Rodríguez Peña, déronse pasos fundamentais para manter o proxecto e sacar adiante o concurso público para a xestión do museo: “precísase unha modificación de crédito que se calcula nuns 35.000 euros e que temos intención de activar de xeito inmediato”. Segundo a concelleira, a compañía Viravolta está informada de todos estes pasos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Valeria Guglietti3 |

Comeza o programa de rúa no FIT de Redondela

CaballsdeMenorca |

O Festival de Títeres de Redondela celebra o Día das Letras con 25 espectáculos