in

Comeza o programa de rúa no FIT de Redondela

Valeria Guglietti3 |
Ocelot Teatro abre as funcións de rúa con Dondésh y Pitón na Praza do Concello e Theatre Jaleo abre o seu teatro portátil na explanada da Depuradora.

 

O Festival Internacional de Títeres de Redondela arranca este xoves a programación de rúa para celebrar o seu 20 aniversario, cun ‘especial vésperas’ na Praza do Concello que terá como protagonista ao salvadoreño de Ocelot Teatro, que subirá ás táboas con Dondésh y Pitón, un espectáculo de luva baseado nun conto popular co que pretende transmitir valores ecolóxicos e de respecto aos animais, que terá lugar ás 19:00.

Os franceses de Theatre Jaleo tamén estrearán o seu teatro portátil instalado na explanada da Depuradora co primeiro pase do Especial Titirinoite ás 23:00. O seu espectáculo, Edén, é un cabaré para unha bailadora, nove títeres e os sete pecados capitais. Sete historias que se sucederán nunha viaxe onírica e que fala da parte escura que todos levamos dentro.

As entradas para esta función teñen un prezo único de 5€, e poderanse mercar con antelación na billeteira do Festival ou unha hora antes no mesmo espazo.

 

Valeria Guglietti na sala

A arxentina Valeria Guglietti, recén chegada do Festival Internacional de Sombras de Sao Paulo (Brasil) será a protagonista da programación de sala deste xoves, con 10 años de sombras, unha escolma dos mellores momentos dos espectáculos que marcaron a traxectoria desta titiriteira, que manipula as distintas sombras a vista do público e non dende atrás, como é habitual. O único pase terá lugar ás 21:00 no Multiusos da Xunqueira, cun prezo de 6€ adultos e 4€ nenos.

 


Publicidade

Máis de 2.000 cativos na programación escolar

A compañía Títeres sin Cabeza, de Aragón, porá o punto e final á intensa campaña escolar desta edición do Festival, que despregou oito funcións en Chapela e Redondela na que participaron máis de 2.000 cativos de todas as idades. As derradeiras representacións terán lugar no Multiúsos da Xunqueira este xoves, a cargo de Alicia Juarez e Fernando Martínez, que escenificarán Recreo, unha montaxe de teatro de sombras chinesas que conta a historia de Telma, unha aventureira que só pensa atopar tesouros en lugares remotos co seu amigo Luís. Pero o seu pai está moi preocupado ao ver que a súa filla volve do colexio famenta… que pasa co bocadillo que lle prepara cada mañá?

Recreo poderase ver tamén o venres ás 17:00 no Auditorio da Xunqueira, na función de sala para todos os públicos, e Títeres Sin Cabeza volverá o sábado ás 18:00 á Rúa Salgueiral con outro espectáculo, Tuga hace el payaso.

 

Seis carpas e dúas salas alternativas ante a ameaza de chuvia

Aínda que as previsións metereolóxicas de cara á fin de semana dean algunha posibilidade de chuvia, a programación de rúa e os espectáculos itinerantes permanecerán intactos, e non se suspenderá ningunha actividade. Un total de seis carpas protexerán os escenarios da Praza do Concello, dos Xardíns da Alameda, da Pista da Xunqueira e da Casa da Torre. Ademais, se o tempo non acompañase, as funcións do Campo da Petanca trasladaranse ao Centro Recreativo Cultural, e as do Salgueiral, ao Auditorio Xosé Figueroa. O teatro portátil de Theatre Jaleo tamén estará cuberto na explanada da depuradora/Avda de Mendiño.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xavier Lama |

Xavier Lama recibe este xoves en Brión o I Premio Laudamuco

MusoGalegoMarioneta03 |

O Concello de Lalín confía en manter aberto o Museo Galego da Marioneta