in

O CDG repón ‘Neorretranca e posmorriña’ no Salón Teatro

Neorretranca08 |
A representación deste venres contará con audiodescrición, tradución á linguaxe de signos, accesibilidade e programa de man de lectura fácil.

 

O Centro Dramático Galego (CDG) repón no Salón Teatro de Santiago o seu espectáculo Neorretranca e posmorriña, dirixido por Gena Baamonde, que poderá verse na sede da compañía pública entre hoxe xoves e o vindeiro domingo, antes de se despedir do público o 5 de xullo cunha función no Teatro García Barbón (Afundación) de Vigo.

Esta será a segunda estadía da montaxe en Compostela, onde desenvolveu unha primeira quenda do 11 de abril ao 5 de maio para iniciar, a continuación, unha xira por outros seis escenarios galegos. Desta volta, o Salón Teatro acollerá catro novas representacións desta proposta arredor da identidade galega, que inclúe un encontro co público tras o pase de mañá, unha función inclusiva o venres e o domingo de conciliación do día 30, con cambios nos horarios habituais para se adaptar á temporada de verán: de xoves a sábado, ás 21:00, e o domingo, ás 19:30.

Tras a función de hoxe, retomarase así mesmo o programa Encontros co Público, posto en marcha polo Centro Dramático Galego para lle ofrecer aos espectadores a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico das súas producións propias e doutras das propostas exhibidas no Salón Teatro.

 

Teatro inclusivo

En canto á función do venres, dáse continuidade á aposta da compañía pública por facilitar a inclusión nos seus espectáculos a través da tradución simultánea á linguaxe de signos e a elaboración dun programa en lectura fácil, así como da audiodescrición e da reserva de espazos para cadeira de rodas. Para a organización deste pase, cun prezo especial único de 5 euros, vólvese contar coa colaboración da ONCE, da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión), da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) e da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física de Galicia (Predif).


Publicidade

Ademais, nesta reposición de Neorretranca e posmorriña volverá celebrarse un novo Domingo de Conciliación, un servizo gratuíto pensado para que as nenas e nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo.

Elea López, colaboradora habitual nas actividades infantís desenvolvidas polo Centro Dramático Galego, impartirá este novo obradoiro na Fundación Granell, onde a cativada pasará unha tarde entretida con xogos arredor dos monicreques, teatro de sombras e outras actividades relacionadas co oficio escénico.

 

Equipo feminino

Neorretranca e posmorriña conta cun elenco integramente feminino (Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde) para poñer en escena os textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.

O espectáculo xunta así dúas pezas independentes e completamente diferentes, tanto desde o punto de vista estético como desde a súa forma de entender a dramaturxia, pero que comparten a súa ollada aceda e retranqueira sobre a identidade galega. Outro común denominador é o feito de que ambas foron abordadas de xeito flexible pola dirección escénica para incorporar as achegas e a enerxía grupal tanto das actrices como do resto do equipo artístico, tamén maioritariamente feminino.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

OArame |

A ópera galega ‘O Arame” estréase en Nova York en novembro

EnmaPino2 |

A Mostra de Cangas arranca hoxe cunha homenaxe a Enma Pino