in

Voadora leva ao Centro Dramático Nacional ‘Siglo mío, bestia mía’

MartaPazos |

A compañía Voadora presentará en coprodución co Centro Dramático Nacional o espectáculo Siglo mío, bestia mía do 22 de abril ao 31 de maio de 2020. Así se anunciou dentro da presentación da temporada 2019-2020 do CDN que inclúe 40 producións estatais e internacionais, xornadas e lecturas dramatizadas.

Baixo a dirección de Marta Pazos, Voadora levará á Sala Francisco Nieva do Teatro Valle-Inclán este texto de Lola Blasco (Alicante, 1983) que en 2016 recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática. O equipo do proxecto está formado por Marta Pazos (dirección e escenografía), Nuno Meira (iluminación), Carmen Triñanes (vestiario), José Díaz e Hugo Torres (música). Completa a nómina de nomes o reparto conformado por Lola Blasco, José Díaz, Carlota Gaviño, Miquel Insua, Pablo Molinero e Hugo Torres.

 

Siglo mio, bestia mía

Segundo a súa autora, Siglo mío, bestia mía fala de como non perder o rumbo nun tempo de catástrofes. “Despois da esperanza da primavera árabe e marcado pola crise económica, o noso tempo desembocou nas decapitacións públicas, no terror polo terror, mentres os refuxiados naufragan nas nosas costas… Siglo mío, bestia mía céntrase na necesidade do amor, do consolo, do outro”. Tres personaxes nun barco, tres civilizacións, tres formas de entender a relixión e o mundo. Máis que falar destas situacións, Siglo mío, bestia mía “ofrece un mapa, a cartografía emocional dunha época. Unha obra de tintes poéticos que, sen embargo, se refire a feitos políticos. Sen prescindir do humor ou da ironía, en Siglo mío, bestia mía atopámonos con unha peza íntima, persoal, na que se vai establecer un diálogo entre o sufrimento privado e a dor do mundo”.


Publicidade

 

Aposta pola autoría de hoxe

Na súa presentación, o actual director do CDN, Ernesto Caballero sinalou que “a aposta pola autoría de hoxe foi radical” e foi levada a cabo “tendo moi presente a ausencia de uniformidade estética e ideolóxica dos nosos creadores”. Así, nomes como Vanessa Montfort, Antonio Rojano, Paloma Pedrero, José Sanchis Sinisterra, Noemí Rodríguez, Andrea Jiménez, Carolina África, María Velasco, Paco Gámez, Lucía Carballa, Juan Mayorga ou Cláudia Cedó, entre outros, conforman a lista de voces que pasarán na próxima temporada pola institución.

De igual modo, dentro da Tempada 2019/2020 o Centro Dramático Nacional ofrece un ano máis o ciclo “Una mirada al mundo” que presenta unha selección das compañías máis representativas da escena internacional. As obras que compoñen esta nova edición son: Mary Said What She Said, de Darryl Pinckney con dirección de Robert Wilson; Why, de Peter Brook e Marie-Hélène Estienne, The Revenger’s Tragedy, de Thomas Middleton con dirección de Declan Donnellan e As irmás Macaluso, de Emma Dante.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AnimalSagradoAporia |

O CDG retoma a actividade do Salón Teatro de Compostela

barracaBarrigaVerde |

Titirideza 2019 homenaxea o teatro de barraca