Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, vén de facer público un comunicado no que amosa o seu rexeitamento á decisión do Concello de Ourense de retirarlle o apoio ao Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). O posicionamento de Escena Galega súmase así á desaprobación tamén manifestada pola AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia), pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) e por unha gran parte da profesión teatral, que se ten pronunciado nos últimos días en contra da polémica decisión do Concello de Ourense, que pon en perigo a continuidade do FITO.
A Asociación subliña que o FITO é “un festival consolidado dentro do calendario cultural ourensán -e por suposto, galego- e desde os seus comezos oferta programación escénica artellada por espectáculos de compañías galegas, mais tamén estatais e internacionais”. Chama ademais a atención sobre a inxente actividade do Festival nos campos do debate, a formación e a reflexión sobre a profesión teatral, un traballo que dinamiza a axenda cultural da cidade”.
Segundo Escena Galega, “ao longo destas once edicións, o Festival de Teatro de Ourense ten contado co apoio, patrocinio e colaboración de institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o propio Concello, independentemente da cor política dos mesmos”. Por esa razón rexeita “frontalmente a determinación do novo equipo de goberno municipal, liderado por Gonzalo Pérez Jácome, de desatender unha iniciativa como esta”.
A falta de colaboración do consistorio interprétase como “unha falta de sensibilidade -mais, sobre todo, de interese- por achegar á cidadanía o abano de programación cultural que lle corresponde á terceira cidade de Galicia”.
A Xunta Directiva da Asociación, ademais, “quere por de manifesto o apoio aos integrantes de Sarabela Teatro e recoñecer o seu labor no eido das artes escénicas, así como o seu afán constante por facer do teatro algo bo, vivo, arriscado e coherente” e agradecer “a súa vontade e iniciativa para dinamizar o sector dun xeito profesional, sendo promotora de certames como o FITO que, a pesar de ter deixado de contar coa participación do Concello ourensán, continúan a traballar na máis que necesaria creación de públicos”.