A primeira edición do proxecto Camiño Escena Norte rematou o pasado domingo en Galicia, logo de oito funcións en Galicia, ademais de debates, obradoiros, unha residencia artística e un encontro de dramaturgos.
O proxecto Camiño Escena Norte rematou o pasado domingo 13 de outubro en Santiago de Compostela logo de 28 funcións (ademais de de debates e obradoiros escénicos) que percorreron o Camiño Norte desde o País Vasco ata Galicia, coa participación dunhas 5.000 persoas.
En Galicia tiveron lugar oito funcións do 22 de setembro ao 13 de outubro nas seguintes localidades: Ribadeo, Mondoñedo, Lugo, Vilalba, Arzúa, Sobrado dos Monxes e Santiago, por partida dobre. A participación de público cifrouse en máis de 1.000 persoas, segundo a organización. Ademais dos debates e obradoiros escénicos, tivo lugar un encontro de dramaturgos dentro do FIOT Carballo e unha residencia artística no Salón Teatro, na que participaron a compañia galega Urdime e a asturiana El Callejón del Gato, que están a desenvolver en coprodución un espectáculo orientado á primeira infancia.
Mentres en Galicia puidemos ver varios espectáculos astures, cántabros e vascos, dúas compañías galegas puideron amosar as súas últimas producións nestes territorios: elas foron Baobab Teatro, con Luppo, e A Panadaría, con Elisa e Marcela. Ademais, Contraproducións estivo en residencia en Euskadi.
A avaliación desta primeira edición por parte de Escena Galega, promotora do proxecto, non pode ser máis positiva. Segundo Belén Pichel, a súa presidenta, “Camiño Escena Norte é un dos proxectos estratéxicos para nós, é unha forma de conectar a nosa produción escénica coa das nosas comunidades veciñas, podendo tamén establecer intercambios e sinerxias profesionais moi importantes. Tanto para o sector galego como para o público este proxecto é unha oportunidade de contar cunha escena máis rica e diversa. O fío condutor dos Camiños de Santiago do Norte serviu como elemento de cohesión para levar a cabo este proxecto, cuxos resultados e importancia fan que deba ter continuidade en anos vindeiros”.
O coordinador do proxecto Diego V. Meizoso tamén fixo un balance positivo desta primeira andaina: “As actividades funcionaron ben e o público participou tanto nos espectáculos como nas actividades de mediación (talleres, debates…). Foi unha primeira experiencia de intercambio que consideramos pioneira e que abre un novo camiño ás compañías galegas para mostrase fóra e ao público galego para acceder ás producións das nosas comunidades veciñas. No marco profesional, a residencia no Salón Teatro serviu tamén para afianzar a relación e estratexias conxuntas das compañías galega e e asturiana e a xornada no FIOT para dar unha perspectiva da creación escénica neste novo territorio que creamos grazas a Camiño Escena Norte, detectando similitudes, problemas comúns e puntos de apoio para o traballo conxunto”.
Camiño Escena Norte, o proxecto
Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión.
Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une dende hai séculos creamos un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.
Este proxecto está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das autonomías implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi). Está apoiado en Galicia pola Xunta de Galicia a través de AGADIC, canda as deputacións da Coruña e Lugo e a Fundación SGAE.