in , ,

‘Chicas e chicos’, de Dennis Kelly, estréase en castelán no FIOT de Carballo

Chicaechicossoldeyork |
O Festival Internacional Outono de Teatro coproduce xunto á compañía madrileña El Sol de York esta conmovedora peza, ateigada de humor, dor e realidade, que baixo a batuta de Lucía Miranda, premio Ojo Crítico de RNE, pon en cuestión a masculinidade, as violencias machistas e as súas consecuencias sobre as e os menores.

 

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) estrea este venres 18 de outubro Chicas y chicos, versión en castelán da última obra de Dennis Kelly, unha produción de El Sol de York que se presentará en novembro en Madrid.

Chicas y chicos, é un monólogo feminino escrito por Dennis Kelly (autor da serie de culto Utopía e da versión do musical Mathilda) que se estreou no Royal Court de Londres, no Royal Court. A versión castelá está dirixida por Lucía Miranda, gañadora do premio Ojo Crítico e a protagonista é Antonia Paso. As dúas lideran un equipo maioritariamente feminino que aborda un texto feminista e incluínte, conmovedor e duro a un tempo, sobre as mulleres, a violencia machista e o seu efecto sobre os fillos.

“Aínda que non é unha comedia, Chicas y Chicos non está exenta de humor” din dende a produtora. “A protagonista é unha muller divertida na que calquera pode recoñecerse cun sorriso de complicidade. Pero alén diso, formula preguntas que a sociedade debería facerse. Preguntas sobre a masculinidade e a violencia, sobre que significa ser unha muller de éxito e o prezo que se paga por selo, e sobre as consecuencias nos menores dunha realidade que se repite sen que sexamos quen de encontrar unha saída. Non é unha función oportunista. É unha función oportuna.”

Gañadora do premio Ojo Crítico de RNE e directora dun dos proxectos dramáticos máis relevantes da nosa xeración, Lucía Miranda compaxina o seu Cross Border Project con este texto, motivada pola potencia do que conta: “Cando lin o texto era como lerme a min mesma. É unha obra que fala de algo do que se falou moito, pero dun xeito moi diferente. En que armario se colocan as lembranzas que non serven para seguir vivindo?“

Antonia Paso, despois de traballar con Gerardo Vera e Juan Echanove en Los Hermanos Karamazov e Los sueños de Quevedo, e con El viaje, a segunda parte da exitosa Las crónicas de Peter Sanchidrián de José Padilla, Antonia Paso atrévese co seu primeiro unipersoal e encarna un personaxe sen nome: “Chámase Ella porque podería ser calquera. Por iso toca tanto. Por iso conmove. E non deixa de ser unha muller normal: divertida, nai, traballadora… pero a súa historia podería ser a historia de todos, da nosa sociedade, das súas luces e as súas sombras.”

 

La golondrina e Todas hieren y una mata

Ademais desta estrea absoluta, a segunda das que se verán no marco da programación do Programa de Sala esta fin de semana, recibe a unha das figuras máis recoñecidas das artes escénicas do panorama estatal. A actriz Carmen Maura actuará no Pazo da Cultura de Carballo como protagonista da La golondrina, peza dirixida por Josep María Mestres.A obra, producida pola compañía LaZona, supón o regreso ás táboas da recoñecida actriz, que interpreta á personaxe principal nun magnífico texto asinado polo dramaturgo Guillem Clua. Unha conmovedora historia que ten como pano de fondo o terrorismo e a homofobia, e na que o actor Dafnis Balduz dá a replica sobre o escenario a unha Carmen Maura convertida en Amelia, unha profesora de canto coa que reflexionará sobre as identidades, a fraxilidade do amor e as consecuencias do odio. La golondrina, que esgotou as entradas dispoñibles na primeira xornada na que se puxeron á venda, representarase o domingo 20 ás 20:30 horas.

Ademais destas dúas propostas, outras das creacións que se poderán ver esta fin de semana no FIOT é Todas hieren y una mata, a primeira comedia en verso do século XXI que a compañía Ay Teatro achegará ao Pazo da Cultura o sábado 19. Será a estrea en Galicia desta dramaturxia de Álvaro Tato, que dirixe Yayo Cáceres, ambos coñecidos pola súa implicación en Ron Lalá, compañía moi vinculada ao FIOT. O espectáculo é unha comedia clásica contemporánea ateigada de enredos amorosos, música ao vivo, ritmo e humor que aborda cuestións como o amor, o paso do tempo, o desexo, a procura da identidade e a loita da muller polo dereito a decidir por riba de intereses e convencionalismos, e que reivindica a conquista da súa liberdade.

 

Microteatro

Ademais, ao longo do día 19, sucederanse en diferentes espazos de Carballo as funcións do III Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado. Así, un posto do mercado municipal acollerá a estrea absoluta da performance Corazón, da galega Iria Sobrado, quen volve ao festival logo de gañar, na primeira edición do certamente, o premio á mellor interpretación. A proposta terá lugar ás 13:00, 13:30, 19:00 e 19:30 horas. Por outra banda, Beni Barbería e Perruquería será o espazo non convencional no que terán lugar as diferentes representacións de Margarita, de Teatro en Punto. A peza é un monólogo de Sonia Barros baseado nun artigo da xornalista Maruja Torres publicado en 1994 que se poderá ver neste local ás 18.00, 18.30, 19.00 e 19.30 horas. Debido á limitación física de cada un dos espazos que acolle o M2, a organización do FIOT recomenda facer unha reserva previa da entrada ao correo electrónico [email protected], indicando o nome do espectáculo, horario, nome e apelidos da persoa asistente e un teléfono de contacto.


Publicidade

 

O teatro documento na Escola do Espectador

Este sábado terá lugar a terceira sesión da Escola do Espectador, a actividade aberta e gratuíta do FIOT que ten como obxectivo achegar o feito teatral e cuestións vinculadas a el ao público. Nesta 28ª do festival, a iniciativa, coordinada por Camilo Franco, pretende afondar no concepto do teatro social e político, directamente vinculado ao eixo programático deste 2019, logo da súa eclosión nos últimos anos.

Despois de expoñer e reflexionar arredor do concepto de crise ou de realismo e realidade nas dúas anteriores sesións, a Escola achegarase nesta quenda ao teatro documento, “o teatro que garda unha maior relación coa realidade”, segundo apunta Camilo Franco. Unha das pezas que se encadran neste xénero son obras como Jauría, a ficción documental baseada na transcrición do xuízo de La Manada e que se representou o pasado domingo no Pazo da Cultura, dentro do Programa de Sala. A nova cita da Escola do Espectador terá lugar este sábado 19, ás 12:00 horas, en A Barra Bar.

 

AXENDA DO FIOT PARA ESTA FIN DE SEMANA

Xoves 17

19:00 horas – Pazo da Cultura. Pase gráfico e presentación á prensa de Chicas y chicos, de El Sol de York.
21:00 horas – Pazo da Cultura. Café con… Chicas y chicos. Encontro co público no auditorio.

Venres 18

21:00 horas – Pazo da Cultura. Chicas y chicos, de El Sol de York (estrea absoluta).

Sábado 19

12:00 horas – A Barra Bar. Escola do espectador: Documentos teatrais, teatro documental.
13:00, 13:30 horas, 19:00 e 19:30 horas – Mercado municipal. Corazón, de Iria Sobrado (estrea absoluta).
18:00, 18:30, 19:00 e 19:30 horas – Beni Barbería e Perruquería. Margarita, de Teatro en punto.
20:30 horas – Pazo da Cultura. Todas hieren y una mata, de Ay Teatro (estrea en Galicia).

Domingo 20

20.30 horas – Pazo da Cultura. La Golondrina, de LaZona.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

LaNoviaDelVientoAbrego |

Camiño Escena Norte remata a súa primeira edición cun público de 5.000 persoas

InspectorMuxicas |

O ciclo de teatro amador Alter Ego volve a Rianxo