As XXI Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán iniciaranse na Pobra do Caramiñal o vindeiro mércores e xoves cunha estrea de teatro infantil a cargo de Títeres Cachirulo que, baixo a dirección de Jorge Rey, representarán Farsa italiana da namorada do rei, obra baseada en textos de Valle que será estreada no Elma.
O vindeiro día 27, Teatro del Norte presentará Retablo de la avaricia, la lujuria y la muerte, dirixida por Etelvino Alonso e interpretadad por Cristina Lorenzo, Cristina Alonso, David González e o propio Etelvino Vázquez, acompañados pola cantante María Alonso. Roberto Leal e Gemma do Carmo levarán a escena, o 31 de outubro, Ambitus amoenus. De teatro nunha torre con alma de artista; e o grupo Tatana representará Memorias da árbore da noite triste o 3 de novembro.
Ademais, o 25 de novembro presentarase Consolación a Marcia, un texto de Séneca traducido ao galego por María Isabel Santos, e o 31, dous números da revista de estudos valleinclanescos Cuadrante. Para acabar coas presentacións literarias, o 30 de novembro presentarase ao público O meu bisavó, unha tradución ao galego da ficción escrita por Valle que ten como escenarios A Pobra do Caramiñal e a torre de Bermúdez, nunha edición de Antonio González Millán.