A Academia Galega de Teatro vén de facer público un comunicado no que critica a “opacidade” e “falta de comunicación” da Consellería de Cultura, a raíz das informacións aparecidas nos últimos días sobre un posible recorte no orzamento das unidades de produción da Axencia Galega de Industrias Culturais e sobre un cambio de estatuto desta.
O pasado mércores, unha pregunta parlamentaria da deputada do BNG Olalla Rodil ao conselleiro de Cultura, desvelaba que o Proxecto de Orzamentos para 2020 que se debe debater no Parlamento reducía os fondos do CDG de 600.000 euros a 350.000 e os do CCG, de 150.000 a 50.000. O Conselleiro, Román Rodríguez, non desmentiu estas cifras e contestou anunciando un novo estatuto para Axencia Galega de Industrias Culturais, cuxa existencia era descoñecida para a maior parte do sector profesional.
Posteriormente, a Agadic desmentiu que fose haber recortes nos orzamentos do CDG e do CCG, alegando que algúns dos proxectos destas unidades se ían desenvolver ao abeiro do programa cultural de promoción do Xacobeo 2021. Non obstante, o feito de que as partidas para o Xacobeo non estean desglosadas segue xerando dúbidas e inquedanza no sector. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia tamén fixo público un comunicado no que se lle pedían explicacións á Xunta sobre a contía dos orzamentos previstos para o ano 2020 e sobre o novo estatuto para a Agadic anunciado por Rodríguez no Parlamento
Reproducimos, a seguir, o texto íntegro do comunicado da Academia Galega de Teatro:
A Academia Galega de Teatro diante das especulacións e noticias aparecidas recentemente sobre os recortes orzamentarios para o CDG, CCG e CGAI, quere manifestar a súa repulsa por:
- A opacidade, a falta de comunicación e o escurantismo na toma de decisións que afectan aos organismos de xestión teatral institucionais, ao seren realizadas sen contar coas organizacións profesionais do sector teatral e cultural que se ven directamente afectadas.
- A falta de compromiso cultural e de recoñecemento dos valores do teatro galego na defensa da lingua e da construción cultural da nosa identidade e, polo tanto, da reafirmación de Galiza como un país de seu.
- A rebaixa desproporcionada dos orzamentos destinados ás unidades de produción dependentes da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) nos presupostos do próximo ano 2020. Drástica redución expresada nos orzamentos propios, que é onde deben estar reflectidas e non supostamente repartidas por orzamentos alleos e descoñecidos sen determinación de finalidade.
E polo tanto solicita da Consellería de Cultura:
- Que procure a forma de consensuar coas asociacións profesionais os posibles e, seguramente moi necesarios, cambios na estrutura da AGADIC ou das súas unidades de produción.
- Que estableza dun xeito sólido, fiable, veraz canles leais de comunicación coas asociacións do sector teatral.
- Que non soamente restitúa senón que amplíe significativamente as cantidades orzamentarias asignadas ás unidades de produción dependentes da AGADIC para o ano 2020, co gallo de dar pasos certeiros cara a construción dun verdadeiro Teatro Nacional Galego.