Analizar e reflexionar sobre os novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica como desde a reflexión teórica. Con este obxectivo preséntase a IV Internacional Performance Art Conference. Fugas e Interferencias 2019. A cita celebrarase os días 28, 29 e 30 de novembro de 2018 nas cidades de Pontevedra e Santiago de Compostela.
O congreso está organizado pola Universidade de Vigo e conta coa colaboración do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). O obxectivo fundamental do congreso centrarase na análise e reflexión sobre os novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica como desde a reflexión teórica.
O congreso está organizado desde a Universidade de Vigo coa colaboración do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), recaendo a súa dirección en Carlos Tejo, artista e profesor da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra, e Marta Pol, investigadora do Grupo Imaxes e Contextos da Universidade de Vigo e crítica de arte especializada en performance.
Carlos Tejo sinala como o congreso persegue “fundamentalmente crear unha masa crítica de investigación e científica arredor desta disciplina, xa que non hai”. Así, apunta o profesor da Facultade de Belas Artes, “os estudos de performance a nivel académico, que naceron nos anos 90, si que xa teñen tempo e relevancia sobre todo en Estados Unidos, pero aquí, no estado español, non temos unha base científica consolidada arredor desta disciplina”. “Parecíanos interesante que este congreso fose o eixo para articular novas perspectivas a nivel académico sobre a arte de acción”, subliña Tejo.
O congreso estrutúrase en tres eixos temáticos. O primeiro é a reflexión teórica da arte de acción e nel tentarase “contrastar as distintas aproximacións teóricas sobre a arte de acción para darlles visibilidade e para poder construír un marco teórico con-textual”. O segundo eixo temático é o da acción e as súas interseccións, abordando “o carácter híbrido da arte de acción e como esta práctica evolucionou ata incorporar estratexias do teatro contemporáneo, o videoarte, a danza, etc”. O último dos eixos é as posibles interaccións entre a arte de acción e o contexto político, propondo investigar como “a arte de acción, desde enfoques e posicións moi diversas, pode traspasar os límites do poder establecido/dominante para xerar un discurso estético máis aló dos antagonismos”. Entre outras aproximacións, detallan, neste punto prestarase especial atención á natureza da arte de acción desde unha perspectiva de xénero, teoría e arte feminista e/ou queer.
O programa completo do congreso pode descargarse aquí.