Quico Cadaval estará hoxe no Espazo Arte Contemporánea da Culturgal, a partir das 16:00, presentando a súa performance Conversatorio.
Conversatorio é unha work-in-progress de Quico Cadaval que se exhibiu pola primeira vez en xuño de 2008 na presentación do disco de Eclectica Ensemble no entorno do Centro Galego de Arte Contemporánea, exactamente a 5 metros do trinque da cafetaría do CGAC. Conversatorio é un acto teatral que pertence ao xénero da performance, unha experiencia de teatro biolóxico in vitro.
Quico Cadaval, co apoio dunha vendedora de tempo, sométese a conversar con alguén que pague unhaa modesta tarifa. O tempo de conversa é repartido entre Cadaval e o cliente, utilizando un rigoroso reloxo de xadrez. A conversa pode ser vista, mais non ouvida, polo público casual que pase polo lugar dos feitos. Cadaval garante o segredo sobre o tema ou contido da conversa, os clientes son libres de difundilo e deformalo.
A performance Conversatorio evidencia a carestía e o carácter irremediablemente xerárquico de calquera conversa, é unha máquina produtora de micro-dramas, e permite identificar as diferenzas entre coloquio, interrogatorio, confesión, inquérito, papo-furado, sermón, comicio, revelación, e outras formas de falar entre dous.
Outras citas de interese para hoxe na Culturgal
- Ás 12:00, no Auditorio do Pazo da Cultura, poderemos ver Lambetadas, de Talía Teatro. Un espectáculo para público familiar e infantil, recomendado para nenas e nenos de 6 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. O traballo de creación baséase nos textos encargados ex profeso a varios autores (Santiago Cortegoso, Sechu Sende e María Canosa), que son levados a escena baseándose no universo do clown e nas técnicas do teatro de obxectos.
- O número 5 da colección «O papel do teatro», que dá cabida ás obras producidas polo Centro Dramático Galego, e coeditada pola Xunta de Galicia e Edicións Positivas, preséntase ás 13:00 no Espazo Libro. DramaturXa é froito directo do labor desenvolvido dentro do proxecto DramatURXENTE de apoio á dramaturxia galega contemporánea iniciado polo CDG en 2015. Despois de levar a escena e de publicar dúas das obras que se escribiron no grupo de traballo de dramaturgas e dramaturgos coordinado polo autor, actor e director Manuel Lorenzo, reúnense agora neste volume as dez obras restantes: Cuncas dos nosos ollos, de Lois Blanco Araúxo; Albaroque, de Ana Carreira; O ronco do carneiro, de Santiago Cortegoso; A terra onde veñen morrer as baleas, de Ernesto Is; Vera, de Eva F. Ferreira; Que veñan os cans, de Zé Paredes; Wonderland, de Avelina Pérez; O péndulo, de Marta Pérez; Bic, de Gloria Rico, e Lar, de Rosa Puga Davila; dez tramas habitadas por personaxes que se multiplican ata o infinito, para botar algo de luz sobre o camiño da identidade, individual e colectiva, galega. Presentan: Jacobo Sutil Nesta, director da Agadic; Francisco Macías, director de Edicións Positivas; e Manuel Lourenzo, autor e director teatral, coa participación de autores da publicación.
- Ás 13:30, no Espazo Foro, preséntase o proxecto Camiño Escena Norte, un proxecto de intercambio cultural por medio das artes escénicas entre os territorios do Camiño de Santiago do Norte (Galicia, Principado de Asturias, Cantabria e Euskadi). Promovido por Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE e Eskena. Diego V. Meizoso, coordinador do proxecto, presentará Camiño Escena Norte xunto con representantes de diferentes entidades colaboradoras.
O programa completo pode consultarse aquí.