in

Estréase ‘O loro de Carlos V’, unha ópera bufa para todos os públicos

LoroCarlosV |
Os vindeiros días 5 e 6 de decembro, o Teatro Colón da Coruña acollerá as representacións de estrea da primeira ópera buffa galega, O Loro de Carlos V, unha divertida proposta para mergullarse no mundo da ópera da man de Nani García e a Orquestra Sinfónica de Galicia apta para todos os públicos. O día 7, a obra representarase no Pazo da Cultura de Narón.

 

O Loro de Carlos V é unha ópera bufa para todos os públicos baseada nunha idea orixinal do compositor Nani García.Unha coprodución de Favola in Mvsica co Teatro Colón da Coruña e o Centro Dramático Galego, conta coa participación de Miguelanxo Prado, o barítono Borja Quiza, e o compositor Nani García, autor da música e co-autor do libreto con María Inés Cuadrado. A OSG, con Diego García Rodríguez na dirección, serán os protagonistas da parte musical, xunto coas voces de Borja Quiza, Francisco Corujo e Helena Abad. A produción conta Miguelanxo Prado como deseñador de personaxes e escenografía, María Peinado na dirección escénica e Baltasar Patiño na dirección técnica.

Trátase dun conto infantil e, ao mesmo tempo, unha obra artística con vocación de entusiasmar e emocionar ao público máis esixente. Presentada no formato ‘singspiel’, a obra contén unha intención lúdica e vitalista dende a que se saúda á A Frauta Máxica de Mozart e á viveza imperecedoira das obras de Rossini. O espírito cómico transcende cada escena dende o propio deseño dos personaxes. Pero baixo esta aparencia de lixeireza atópanse sofisticados mecanismos que abren as portas a un mundo de ilusión e tenrura.

 

Unha historia real


Publicidade

A Nani García xurdiulle a idea hai catro anos, cando a historia de Michel de Ghelderode caeu nas súas súas mans. Todo o que se narra na obra sucedeu de verdade: ocorreu en 1520, nas Cortes Xerais de Bruxelas, ás que chegou Carlos V dende A Coruña. Este feito deulles pé aos creadores para introducir un personaxe ourensán que monta no barco co rei e que recibe o nome de “Bigariño”.

Spiridon, o loro favorito do emperador, acaba de escapar de palacio voando pola fiestra. Ninguén se atreve a transmitirlle a noticia ao monarca pero, cando este se decata ofrece unha recompensa a quen o atope e o leve de novo aos seus apousentos.

Unha parella de labregos ten a fortuna de atopalo. Fará Eva Crispil honra ao seu alcume de “astuta labrega”? Sairá airosa das dificultades que os membros da corte real lle presenten para obter a recompensa?

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Suddenly III |

Jaiotz Osa e Xabier Mujika levan ‘Suddenly III’ ao TRC Danza da Coruña

MicroefectosDecembro19 |

Novas sesións de Microefectos Dramatúrxicos no Clavicémbalo de Lugo