A compañía Cámara Negra estrea a versión teatral de Si esto es un hombre de Primo Levi, unha obra fundamental sobre os campos de concentración e o comportamento do ser humano. A estrea terá lugar o vindeiro 24 de xaneiro na Sala Ártika de Vigo coincidindo co 75 aniversario da liberación de Auschwitz.
| Foto: Álvaro Rodríguez Galán |
Trátase dun monólogo teatral protagonizado por Carlos Álvarez-Ossorio, quen asina tamén a versión e a dirección. Completan o equipo: Juan José Villanueva como dramaturxista e asesor de actuación, Alfonso Hierro-Delgado como asesor de alemán e corpo e Violeta Martínez no deseño de iluminación.
O proxecto que Álvarez-Ossorio comezou hai unha década presentouse o pasado 24 de outubro na Facultade de Filoloxía da UCM (Universidad Complutense de Madrid) no marco do Congreso Internacional Primo Levi (1919-2019): Memoria y Escritura, e é para el unha obra fundamental para comprender ao ser humano, tal e como Levi expón no título.
Dende que en 2008, Carlos Álvarez-Ossorio lera o texto de Primo Levi comezou a traballar nunha posible adaptación escénica. Tras dez anos de xestións para conseguir os dereitos de autor, en 2018 comezou o proceso de produción, dramaturxia e ensaios.
Para Cámara Negra, a consideración de Levi de que aprender de Auschwitz é preciso para ser humanos, segue sendo, hoxe máis ca nunca, profundamente necesario e vixente . “A súa testemuña ofrécenos unha chamada de atención, un sinistro sinal de perigo que lle devolva ao horror a súa realidade e que converte este texto nunha incitación a reflexionar sobre a realidade que atravesamos hoxe os europeos do século XXI “, afirma Carlos Álvarez-Ossorio.
Na proposta escénica, un actor enfróntase ao texto de Levi nun teatro aberto e baleiro. A través da súa lectura, tentará entender e comprender que foi Auschwitz, que supuxo para entender os límites da humanidade. Para poder entender as palabras, terá que encarnalas, levalas ao seu corpo e á súa alma, nun exercicio de honestidade e nudez absolutas. Pero nesta busca tamén se atopará cunha dificultade fundamental: Como pode o actor, que vive no mesmo mundo que os espectadores, que actúa no mesmo espazo que habitan eles, convencelos de que está preseo nun campo de concentración, ou mesmo que é un supervivente deses días? “Non se pode representar Auschwitz en escena. Trátase de encarnar, dende o presente, as cuestións que Primo Levi expón, e que sexa o espectador o que reconstrúa na súa mente aquela realidade”.