in

Patapatum

Patapatum002 |

O tempo ben temperado

| Manuel Xestoso |

 


 

capaRGT98 |
O vindeiro 24 de xaneiro, Elefante Elegante estará presente en MADFeria, a Feira das Artes Escénicas de Madrid, 
coa obra Patapatum. Con ese motivo, recuperamos a crítica deste espectáculo que publicamos no número 98 da erregueté | Revista Galega de Teatro

 


 

O experimento resulta interesante: dentro da etiqueta que define ese teatro dirixido aos máis cativos, pode un dirixirse aos pais e ás nais tanto como ás súas crianzas. As xeracións que medraron a finais do século XX tiveron un xénero –o «teatro infantil»– que se dirixía a elas para axudalas a entrar nun universo que ía cambiando a fantasía pola realidade, que tentaba introducilas no mundo real a través da fábula. Probablemente, as que medran no século XXI están tan rodeadas de realidade que o xénero –agora «teatro familiar»– emprega a fantasía como elemento de diálogo con esa realidade, en xeral pouco condescendente.

Patapatum contén unha mensaxe sinxela que os pedagogos repiten sen cesar: os máis pequenos precisan que os maiores lles dediquen tempo. E non obstante, Elefante Elegante consegue transformar esa inocencia didáctica nunha meditación sobre o tempo: resulta curioso que nunha sociedade tan obsesionada por posuír cousas, teñamos tan pouco control sobre o propio tempo vital.

Esa reflexión é a panca que move un espectáculo que saca o mellor dunha compañía que adoita darlle un novo brillo ao teatro para a infancia: Elefante Elegante xoga sempre a mesturar técnicas e xéneros para narrar as súas historias, mais semella ter o segredo da proporción exacta para que o cóctel resultante manteña sempre a personalidade coa que soubo dotar as súas producións dende o inicio.


Publicidade

Por Patapatum deambulan máscaras á la Familie Flöz, acrobacias circenses, números de mimo, clásicos do slapstick, pallasadas de clown e mesmo unha exhibición de patinaxe. Ás veces, parece que vai arrincar un cabaré sentimental que se axuda do lirismo do teatro xestual; outras, que se prepara unha lección moral contra as présas da sociedade moderna e contra ese pensamento economicista que pretende comprar con agasallos a falta de atención debida aos fillos. Pero a clave non reside en ningún deses anuncios senón nun ritmo que se adhire aos sons da música Dixieland para falar do tempo dende o tempo. O ritmo ben temperado expón de xeito visual os problemas do tempo mal xestionado.

Non é fácil salvar a distancia entre un espectáculo dirixido á infancia e unha temática substanciosa, mais a precisión das accións, medidas con metrónomo, outórganlle á obra a ambivalencia expresiva e a lixeireza rítmica propias do cine mudo: escenas que filtran a mensaxe entre risas, que conteñen sorpresas descritivas e que avisan de que detrás do humor inxenuo asoma a dose xusta de malicia para transcender o mero entretemento.

Unha sensibilidade transparente e un depurado sentido da plástica completan o corpo emocional polo que circula o humor, a empatía e a calor que os membros da compañía lles imprimen ás personaxes dunha historia que logra concernirnos. Unha historia coa que nos identificamos a cada golpe dese segundeiro que se nos escapa das mans e que Elefante Elegante sinala como escenario dunha loita vital.

 

Patapatum, de Elefante Elegante

Creación e dirección: María Torres, Gonçalo Guerreiro
Dramaturxia: María Torres, Gonçalo Guerreiro, Pablo Sánchez
Dirección de actores: Pablo Sánchez
Elenco: Agustín Bolaños, Gonçalo Guerreiro, María Torres
Espazo escénico e atrezo: Alessia Lombardo Iluminación: Nacho Martín
Vestiario: Beatriz Clara
Máscaras: Izumi Akabashi
Maquillaxe: Maëlys Feraud
Música: Gueorgui Oganesian, Alberto Grela, Miguel Paz
Colaboración musical: Vanessa Rivas

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ArlequinaKukas |

FETEN dedica a súa exposición central a Os Monicreques de Kukas

Leira

Nova Galega de Danza estrea ‘Leira’ no Rosalía de Castro da Coruña