A primeira rolda de votacións xa está aberta a un censo de votantes conformado por máis de 450 profesionais do sector escénico. O proceso de votación rematará o 17 de febreiro e del sairán os/as finalistas en cada unha das catorce categorías cos que contan os galardóns
Un total de 30 espectáculos e máis de 200 profesionais concorren aos XXIV Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, Fundación SGAE e Fundación AISGE. O proceso de inscrición, realizado integramente a través da web da AAAG, finalizou o pasado 8 de xaneiro rexistrando unha gran participación Estas montaxes postúlanse nas catorce categorías que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.
Tras esta primeira fase de inscrición, a AAAG inicia a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do colectivo de membros da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores. Esta primeira rolda de votacións rematará o 17 febreiro. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a finais do mes de febreiro na tradicional Festa de Finalistas dos Premios de Teatro María Casares.
Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para toda a profesión do sector. Durante a gala, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. Este ano, a gala de entrega dos galardóns celebrarse o xoves 26 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Os espectáculos son:
- Santa Inés de A Feroz
- O empapelado amarelo de A Quinta do Cuadrante
- Unha noite na praia de Ainé Producións, Undodez e Condetrespés
- O montacargas de Ainé Producións e Acusmaser Opus
- Animal sagrado de Aporía Escénica
- Mai Mai de Baobab Teatro
- Doppelgänger de Berrombambán, Centro Dramático Galego e Arca de N.O.E.
- Despois das ondas de ButacaZero
- Neorretranca e posmorriña de Centro Dramático Galego
- A compañeira de piso de Contraproducións e Centro Dramático Galego
- Running, unha comedia suorenta de De Ste Xeito Producións
- Macbeth. O ruído e a furia de Estudo Momento
- Bernarda de Malasombra
- NÓS (A historia de Galicia) de Malasombra
- Liberto de Marelas Teatro
- Karelu de Os Náufragos Teatro
- Tódalas marabillas do mundo de Producións Dispersas
- Cartóons de Producións Teatráis Excéntricas
- Carpe Diem de Producións Teatráis Excéntricas
- Medida x Medida de Producións Teatráis Excéntricas
- Idiota de Redrum Teatro
- Crónicas do Paraíso de Sarabela Teatro
- Vida de cans de Talía Teatro
- A primeira vez de Talía Teatro
- Lambetadas de Talía Teatro
- Umm! Unha comedia musical para… chupar os dedos de Avento Producións
- O meu mundo non é deste reino de Teatro da Ramboia
- Fariña de Ainé Producións, Undodez e Oqueteño Media
- Hemos venido a darlo todo de Voadora
- Só de Xampatito Pato